Concello: Xunta de Voceiras 20/07/2015
21 Xullo, 2015
0

Lugar: Alcaldía
Data e hora: 20/07/2015 ás 09:00h
Convocatoria na Axenda de OUeC: http://ourenseencomun.gal/acto/xunta-voceiras-150720
Asisten o Alcalde, Secretario do Concello de Ourense, voceiros dos grupos municipais da oposición (Democracia Ourensana, Partido Socialista de Galicia e Ourense en Común) e do goberno (Partido Popular).
->Descarga o relatorio da sesión en PDF
(A foto que acompaña esta entrada obtívose da conta de twitter do Alcalde: https://twitter.com/jesus_ourense/status/623107768027869184)

RELATORIO:

1.- Adianto da sesión ordinaria do mes de agosto – o alcalde presenta a súa proposta de adiantar o pleno ordinario do mes de agosto ao venres 31 de xullo, apelando a necesaria conciliación do persoal do Concello e das propias concelleiras, e abre ao resto de grupos a posibilidade de consenso neste apartado.

O voceiro de Democracia Ourensana solicita que no caso de adiantarse a data escollida sexa o xoves 30 de xullo, xa que logo parte deste grupo municipal non estaría presente nesa nova data.

O voceiro de Ourense en Común, atendendo ao mandato da asemblea de veciñas celebrada o venres 17 de xullo no local social de ESCUA Colectivos, cuestiona a necesidade desa alteración na data, xa que logo non é comprensible que a actividade municipal quede paralizada polo descanso de persoal do mes de agosto. Xa que logo solicita, tal e como se manteñen as Xuntas de Área, que non se modifique o calendario previsto. Un argumento que afonda na necesidade de recuperar a confianza nas institucións e no grao de pedagoxía que se lles debe esixir aos integrantes neste caso da corporación municipal. Se isto afecta aos dereitos das traballadoras a gozar de vacacións é necesaria unha reflexión e revisión das encomendas e persoal municipal.

A proposta de Alcaldía e grupo de goberno sae adiante co apoio de Democracia Ourensana, co asentimento do Partido Socialista de Galicia e a falta de apoio de Ourense en Común.

2.- Réxime e desenvolvemento das vindeiras sesións plenarias – o alcalde recupera o debate presentado na anterior Xunta de voceiras na que por “cuestións de eficiencia” facíase necesaria e imprescindible a limitación do número de mocións a levar a pleno. A súa proposta pasa por limitar estas a dúas.

O voceiro do grupo municipal de Democracia Ourensana, fundamentado na falta de carácter vinculante destas mocións, aposta tamén por limitar o número a dúas mocións por grupo mantendo os tempos actuais (8 minutos de presentación e 4 minutos de réplica).

O voceiro de Ourense en Común recupera o debate tido no na anterior xunta e cuestiona o carácter antidemocrático da proposta presentada por Democracia Ourensana de limitar a temática destas mocións. Asemade, a partir do mandato da asemblea de veciñas celebrada o venres 17 de xullo no local social de ESCUA Colectivos, presenta a necesidade de suprimir calquera limitación no número de mocións a presentar en pleno, sendo este o único espazo de reflexión e debate aberto á cidadanía.

O voceiro do Partido Socialista de Galicia en Ourense confirma a importancia destes espazos de debate como medios de visibilización da labor municipal. Con todo tamén comprende que é necesario limitar os tempos dalgún modo polo que propón limitar o número de mocións a tres e modificar os tempos de presentación (6 minutos) e réplica (3 minutos).

O equipo de goberno procurando un maior consenso solicita o consentimento de Democracia Ourensana para apoiar a proposta socialista. A proposta do PSdG-Ourense sae adiante co apoio de Democracia Ourensana e o propio grupo de goberno e coa negativa de Ourense en Común.

3.- Información da alcaldía sobre asuntos de interese municipal – o alcalde presenta unha proposta para limitar o aparcamento no espazo reservado para técnicos e persoal do concello na Rúa da Barreira. A petición do grupo socialista este tema queda adiado e será tratado no futuro. Asemade infórmase dos encontros tidos nas derradeiras semanas nas súas viaxes a Madrid e Santiago de Compostela. Na primeira delas, reunido co Ministerio de Fomento, tratáronse esencialmente dúas problemáticas: integración do AVE na cidade e circunvalación norte. Outros temas tratados foron aqueles referidos ao paso baixo o ferrocarril na Rúa Ramón Puga, a Ponte Tarascón, o acceso por Untes e outros.

O voceiro do grupo municipal socialista pregunta sobre que grado de compromiso existe máis aló do encontro ao que o alcalde responde que non existe outro compromiso máis aló da promesa de traballar neses horizontes de cara aos próximos orzamentos aínda por aprobar.

No referido ao encontro co Presidente da Xunta de Galicia as temáticas expostas foron: apoio obras como a Biblioteca, Arquivo, Museo Arqueolóxico, Transporte Metropolitano, integración do AVE, reformas e actuacións Ponte do Milenio e Ponte Romana, PXOM, etc.

Novamente o voceiro do grupo municipal socialista pregunta sobre que grado de compromiso existe máis aló do encontro ao que o alcalde novamente responde que os compromisos adquiridos son unha folla de ruta para falar, escoitar e traballar con eses obxectivos. Razón pola que ambas formacións entran nun debate de reproches mutuos sobre instrumentalización e electoralismo das administracións públicas en favor de intereses de partido.

Outros – infórmase da inminente celebración dunha xunta de goberno para tratar unha modificación orzamentaria que será debidamente comunicada aos grupos.

O voceiro do grupo municipal de Ourense en Común pregunta pola situación do conflito presentado polo interventor na anterior xunta para a regularización nas asignacións trimestrais a grupos despois do 13 de xuño. Infórmase que o grupo municipal de Democracia Ourensana presentou unha reclamación formal pola que se adaptarán e corrixirán posibles erros nas porcentaxes de asignación.