38 anos, asesora xurídica e activista en continua formación.

Acabo de ser nai.

logotwt logofb

 

 

Comecei a miña andaina solidaria ben nova, facendo voluntariado social en Alento e colaborando con Greenpeace e con grupos de protección animal. Estudei Dereito nesta nosa cidade, sempre coa idea de traballar na proteccion xurídico ambiental, tan descoñecida aínda a día de hoxe pero tan necesaria. No Máster sobre Dereito Urbanístico e Medio Ambiente presentei un traballo sobre a participación pública en proxectos ambientais que me levou a dar clases no Máster sobre Cambio Climático.

Inicieime no mundo laboral no Concello de Vigo, na oficina de inmigración, e pouco despois volvín a Ourense para ser a asesora xurídica de Amigos da Terra. Seguidamente traballei no sector das enerxias renovables como xestora de proxectos e montei unha consultora ambiental na que fago traballos como autónoma, sufrindo os prexuízos e discriminacións que en España padecen os traballadores e traballadoras por conta propia. Sígome formando, agora como técnica de cooperativas e asesora en custodia do territorio

Son membro de PLABALI (Plataforma pola defensa da Baixa Limia) porque son natural do Xurés, terra que me apaixoa. Son socia de A Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa, simpatizante de EQUO e co-fundadora de RADA, a “Red de Abogados para la Defensa Ambiental” formada en Bruxelas entre xuristas que nos coñecemos cando levei ao Parlamento Europeo o caso das canteiras do Courel.

Encantaríame que Ourense en Común, o método axeitado para facer dunha necesidade no concello unha realidade, me impulsara a traballar dende dentro por unha cidade activa, sostible e chea de oportunidades, que devolva a ilusión á xente.