Unha moción conxunta de PSOE e OUeC busca a posta en valor do Campo do Cumial como lugar da memoria histórica
30 Outubro, 2018
0
•   A moción pide “dignificar aos ourensáns caídos na súa loita por defender a democracia e a liberdade”.
•   No pasado pleno de maio a corporación ourensá aprobaba unha moción para a resignificación do Campo de Aragón, no antigo Cuartel de San Francisco, onde máis dun cento de persoas foron fusiladas.
•   Os grupos esixen tamén a creación dunha Comisión Municipal da Memoria Histórica no Concello de Ourense, para velar polo cumprimento da Lei.

    Os grupos municipais do PsdeG-PSOE e Ourense en Común defenderán no próximo pleno do venres unha moción conxunta coa intención de recuperar a memoria histórica do Campo do Cumial, como “recoñecemento ás persoas que alí foron sometidas e caeron vítimas da barbarie fascista”.

    O Campo do Cumial é recoñecido pola cidadanía de Ourense como o lugar onde hai anos estaba o COE 81, a Compañía de Operacións Especiais do Exército español, pero pouca xente sabe que alí houbo un campo de traballo, de prisioneiros antifranquistas e que tamén nese lugar foron fusilados varios ourensáns”.

    Os grupos defenden a necesidade de cumprir a Lei de Memoria Histórica e “coñecer o que aconteceu para que non volva suceder”. Lembran que entre 1936 e 1945, ademais da prisión provincial, existiron en Ourense as prisións do Hospital Vello nas Mercedes, e outra no Cumial, onde os presos foron utilizados polas autoridades militares como man de obra para construír edificacións ao redor da zona de tiro, ademais de para levantar as primeiras vivendas sociais de Ourense, no Polvorín, facer arranxos na Catedral, ou incluso labores de limpeza tras as feiras mensuais.

    A moción explica do campo que non foi só un lugar de internamento e de traballo, senón tamén de morte”, e recupera os nomes das persoas fusiladas no Campo e das que ali apareceron ‘claudiadas’ (forma de chamar en Ourense ás persoas que aparecían mortas en camiños).