Un concurso de ideas para garantir o uso público da actual estación de autobuses
2 Outubro, 2018
0
•     OUeC recolleu no Pino o malestar veciñal polas incertezas que rodean á infraestrutura unha vez sexa clausurada.
•     Coa iniciativa “A voz do barrio” o grupo facilita a participación activa da veciñanza no pleno, trasladando en forma de moción as opinións recollidas a pé de rúa.
•     As veciñas suxiren equipamentos deportivos, locais sociais ou un centro de día para o espazo, namentres o goberno só contempla poñer no centro aos vehículos motorizados, cun aparcamento que illaría máis ao barrio entre o tráfico.

    Ourense en Común dará voz no próximo pleno ás veciñas e veciños do Pino, logo de visitar o barrio o pasado 18 de setembro coa iniciativa “A voz do barrio”, coa que o grupo está a recoller a pé de rúa as denuncias, consellos e opinións da veciñanza de cada barrio da cidade.

    A pregunta máis recorrente entre a veciñanza do Pino é “que pasará coa estación?”, logo de que a Xunta de Galicia confirmara a súa intención de trasladar o servizo ao carón da Estación de Tren, nun proxecto cuestionado polo propio Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

    Recollendo esa incertidume das veciñas, o grupo defende a necesidade dun concurso de ideas, “pode haber multitude de opcións para conciliar o aproveitamento da actual infraestrutura”. Equipamentos deportivos, locais sociais ou un centro de día son algunhas propostas que fan as veciñas, “son usos que situarían no centro ás persoas, e que poderían complementarse coa apertura dun corredor verde que conecte o espazo coa degradada contorna do antigo balneario das Caldas e o propio paseo fluvial do Río Miño”, suxiren desde o grupo.

    A falta de información e as incomprensibles declaracións dalgúns membros do goberno municipal, incluído o propio alcalde, alteran o acordo plenario de xuño de 2016, polo que con unanimidade da corporación se aprobaba consensuar coas representantes veciñais do barrio, ideas e propostas co fin de encargar un proxecto integral e adaptado ás necesidades da zona.  “O goberno fala agora dun suposto aparcamento disuasorio, unha actuación que incrementaría o illamento das case 1000 persoas que viven nos bloques de vivendas anexos á actual estación, que xa viven rodeadas por estradas e tráfico rodado en todas direccións”.