Recompilación das respostas de Ourense en Común para a sección «Usted pregunta» do diario La Región, onde as distintas candidaturas para estas Municipais 2015 responden ás preguntas que a xente lle fai chegar ao xornal:

¿Qué políticas se harán para la creación de empresas?
O programa de Ourense en Común inclúe diversas propostas encamiñadas ao desenvolvemento do tecido empresarial e a creación de empresas. En primeiro lugar creemos que é necesario o deseño e implementación duns plans de desenvolvemento sectorial que atendan a aquelas actividades con especial potencial na cidade e que ao noso modo de entender son estratéxicas (agroalimentación, téxtil, termalismo, turismo, saúde, forestal, enerxías renovables, loxística e industrias culturais e creativas). O impulso a estes sectores e a promoción das relacións de cooperación por medio de clusters sectoriais pode servir de panca para a xeración de empresas e emprego nestas e outras actividades.

En segundo lugar abordamos o tema a través de intervencións que poñan en valor as infraestruturas e equipamentos ligados á actividade económica, con medidas tales como a adaptación e mellora de zonas industriais, ou aquelas dedicadas á revitalización de áreas comerciais en todos os barrios da cidade.

Nun terceiro bloque de propostas apostamos por un apoio directo á economía local, con medidas específicas de promoción do comercio e os produtos locais, así como das cooperativas e empresas de economía social, centrado naquelas que se dedican a actividades fundamentais para cubrir as necesidades da poboación ourensá (economía de coidados, conservación do medio e o patrimonio, saúde, benestar, educación e cultura).

E atendendo a problemas específicos para a creación de empresas no noso municipio, podemos destacar dúas propostas que creemos poden ter gran calado. A primeira é a reforma da fiscalidade municipal, de face garantir a súa progresividad, facilitando con iso que as novas empresas con poucos ingresos non se vexan abocadas a pechar polo elevado de taxas e impostos. E a segunda é a cesión en condicións favorables de espazos, equipamentos e infraestruturas ás novas empresas dos diferentes sectores estratéxicos e daqueles que cubran necesidades sociais, para que poidan desenvolver a súa actividade en boas condicións sen unha carga excesiva de gastos por por estes conceptos.

De maneira xeral, o programa de Ourense en Común propón un modelo de desenvolvemento integral e sustentable no cal se priman a calidade e a innovación e unha estreita relación entre o impulso da actividade económica e a mellora do nivel de vida da poboación ourensá, un modelo do bo vivir para a nosa veciñanza que garanta que nunca mais teñamos que emigrar para ter unha vida digna.

¿Impedirán que imputados e investigados judicialmente formen parte de candidaturas y equipos de gobierno?
Ourense en Común aprobou o seu Código Ético, como todos os seus documentos constituíntes, nunha asemblea monográfica celebrada no Centro Cívico da Ponte na que no seu punto terceiro sobre profesionalización da política, supresión de privilexios e medidas contra a corrupción; enúnciase que todas as persoas con cargos electos, xerenciais e de designación política da organización comprométense a renunciar ou aceptar o cesamento de forma inmediata ante a imputación pola xudicatura de delitos relacionados co branqueo de capitais, delitos contra a Facenda Pública, contra a Seguridade Social, contra a Administración Pública, contra a Administración de Xustiza, contra os dereitos dos traballadores e aqueles relacionados coa violencia de xénero, maltrato animal, contra o patrimonio, aqueles que atenten contra os dereitos humanos ou calquera outro delito que a Asemblea considere suficientemente grave.

A Asemblea de OUeC, como único órgano soberano, poderá acordar non impoñer as sancións contidas neste Código Ético a aqueles cargos electos, xerenciais e de designación política que sexan imputados, por razón do seu cargo, se as causas da devandita imputación obedecen a actuacións derivadas do cumprimento estrito das medidas contempladas no programa electoral, en cumprimento dos estatutos de Ourense en Común, por causa dunha acción política autorizada expresamente pola Asemblea de Ourense en Común ou polo mandato popular froito dos procesos participativos cidadáns.

¿Qué herramientas usarán para vincular urbanismo y medio ambiente?
O único modo de garantir un ordenamento territorial pasa pola aprobación do PXOM, pero marcamos tres liñas vermellas para o noso apoio definitivo a este documento: maior participación cidadá en todas as fases do proceso, ser abordado dende unha lóxica social e ambiental sustentable e dende unha perspectiva territorial integradora cos municipios próximos.

Algunhas das nosas propostas nodais que deben estar presentes nese PXOM para contar co respaldo de Ourense en Común son:

  • Prioridade sobre o núcleo urbano xa consolidado. Non colonizar novos chans para cubrir as necesidades residenciais e de actividades económicas. Apostarase por un aproveitamento dos baleiros urbanos existentes e a rehabilitación dos espazos construídos. Favorecerase a cohesión entre barrios, priorizando proxectos e obras naqueles máis desfavorecidos, en calidade ou cantidade de servizos básicos ou no seu urbanismo.
  • Adaptación do urbanismo ás condicións climáticas locais. Integración progresiva da eficiencia climática nas instalacións, coa xeotermia como horizonte.
  • Converter os equipamentos existentes en espazos multifuncionais que permitan o seu aproveitamento social.
  • Protección das áreas de interese patrimonial, natural e cultural, tanto dentro do tecido urbano como na periferia, no seu emprazamento e área inmediata.
  • Aposta decidida por espazos comúns que fomenten as relacións sociais e hábitos de vida saudable; xardíns, parques, montes ou ribeiras.
  • Prohibición de novos desenvolvementos urbanísticos en áreas de interese natural, priorizando os intereses ecolóxicos ante a construción de novas infraestruturas e compensar as afecciones que poidan xerar.
¿Cuál es su opinión sobre los recortes en la sanidad ourensana y qué propuestas pondrían sobre la mesa para atajar esta situación?
As veciñas e veciños de Ourense, artellados en Ourense en Común, pensamos unha cidade saudable, na que ninguén se vexa excluído da sanidade pública. Pensamos unha sanidade universal, na que todas as persoas dispoñan de atención sanitaria en condicións de igualdade, facendo especial incidencia nos colectivos sociais en situacións máis vulnerables. Para isto, estableceremos programas específicos encamiñados á erradicación das desigualdades, entre colectivos e barrios.

Ourense disporá dun Consello da Saúde Local, de participación social, no que terán especial relevancia os colectivos de persoas afectadas por enfermidades, responsable de analizar e priorizar os problemas detectados en materia de Saúde, así como o desenvolvemento e seguimento dos plans a implementar, entre eles o Plan de Saúde Integral e de Cidade Saudable.

Dentro das competencias do Concello de Ourense, a saúde terá prioridade nos plans e programas de acción municipal, nas distintas áreas, dando un enfoque integral aos seus diversos condicionantes. Non nos corresponde prestar servizos sanitarios, mais si velar pola saúde das veciñas, desenvolvendo políticas de prevención e educación na promoción da saúde: saúde e benestar a través da práctica deportiva, educación efectivo sexual, hábitos saudables ou prevención de enfermidades, entre outros. Somos uns convencidos de que o custo de previr é máis baixo que o de sandar.

Por último, e moi relacionado coa prevención, sentímonos na obriga de garantir o acceso á alimentación ás familias que o necesiten, localizando e atendendo os casos de malnutrición. En Ourense en Común resúltanos inaceptable a idea de contar na caixa con inxentes cantidades de diñeiro mentres as nosas veciñas e veciños pasan necesidade.

¿Apostarà por establecer un plan cultural con orzamentos abertos e participativos?
OueC aposta pola iniciativa veciñal na programación e uso de espazos públicos, apoiando á cidadanía creadora de cultura. E por uns orzamentos participativos de verdade para impulsar proxectos de interese social e cultural.
¿Cómo recuperarían el brillo perdido de Ourense?
Dándolle recursos á veciñanza para emprender proxectos sociais, culturais e económicos.
Non creen que chegou o momento dun goberno de concentración para salvar Ourense?
Somos construtivos, apoiaremos calquera proposta que sirva para mellorar Ourense, veña de quen veña.
Que medida real farían para frear aos corruptos do propio partido?
Xa asinamos a nosa renuncia para o caso de estar imputados ou baixo sospeita.
Por que quere ser alcalde/sa de Ourense?
Para darlle á veciñanza as chaves do Concello.

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>