Reunión Ourense en Común con Partido Popular de Ourense
29 Maio, 2015
2

Hoxe venres 29 de maio de 2015 ás 12 horas, mantivemos unha xuntanza co Partido Popular de Ourense, no Museo Municipal. Polo Partido Popular asistiron: Jesús Vázquez e Francisco González; e por Ourense en Común: Miguel Doval, Emilio Rodríguez e David Bruzos.

Miguel comeza indicando que é norma en Ourense en Común levantar acta e facela pública, seguindo a forma de traballar de forma transparente.

Comeza Jesús Vázquez indicando que están facendo reunións con todos os grupos políticos, tanto os que teñen representación institucional como cos que non a teñen pero que sacaron un número importante de votos (pero non obtiveron representación por non chegar ao mínimo marcado pola lei electoral). Considera que é moi importante falar e debater. Que non existindo maiorías absolutas o importante é dialogar para buscar o mellor para o concello, e a cidadanía así o demanda.

Jesús Vázquez tamén indica que eles son claros na súa proposta para o día 13 de xuño (acto de investidura): van a votar á súa candidatura e tentar gobernar en minoría, pero buscando apoios concretos co resto de organizacións políticas. Que o seu plantexamento é non levar adiante pactos de goberno, senón pactos puntuais que permitan favorecer o crecemento da cidade e o benestar dos veciños. O seu compromiso é de transparencia e cumprimento de programas. Cre que todos nos debemos aos veciños, tanto os que sacamos 10 concelleiros, como os que sacamos 8, 6 ou 3 concelleiros. Tamén insiste en que non vai facer críticas ao resto de organizacións políticas porque queren unha corporación respetuosa.

Miguel resalta tamén que Ourense en Común ten aprobado o Código de Boa Gobernanza, no que se indica que non entraremos en pactos de goberno. Poderanse dar apoios puntuais en cuestións que aparezan no noso programa. Di que esas propostas que saen no programa son propostas que saen de escoitar a todas as veciñas e veciños do Concello: cubrir as necesidades básicas e ter os pés na terra, estar coa xente e solventar os seus problemas.

Jesús Vázquez di que coinciden plenamente nesas liñas de traballo. Que o PP non renuncia a grandes infraestructuras culturais, pero que a prioridade é a mesma que indica Miguel.

Miguel exemplifica diferencias que existen entre o PP e OUeC, coma no PXOM. Jesús concorda en que haberá diferencias pero que de seguro que haberá tamén puntos en común, como revisar o planeamento para que non queden fóra de ordenación construcións feitas no seu momento de forma completamente legal. E Tanto Miguel como Jesús coinciden en potenciar as zonas máis rurais do concello, como Palmés, Velle, Lonia, Santa Eulalia, etc…

Jesús insiste, a súa proposta é votar o día 13 a investidura do Partido Popular. Non provocarán a ingobernabilidade e se non saen investidos poñeranse a favorecer a gobernabilidade con quen saia elexido alcalde de Ourense.

Miguel indica a postura de OueC respecto ao acto de investidura do día 13 de xuño, recollido no seu Código de Bon Goberno: non pactar gobernos con ninguén, nin entrar a formar goberno con ningunha forza política.

Remata a reunión coa intervención de Francisco (Partido Popular) e Emilio Rodríguez (OUeC) concordando en que as vías de diálogo se manteñan sempre abertas. Teñamos máis concordancias ou discrepancias, pero o diálogo é bo. É moi necesario que teñamos aberta a porta para falar.

CGKx7mrWEAEpPrp
Fotografía Periódico Barrios

 

2 comments

  1. Parabéns pola transparencia. Así dá gusto traballar nunha organización

  2. Coma di o anterior compañeiro, parabéns pola transparencia. Unicamente boto en falta que se indicase a duración da reunión ou ben a hora a que rematou.

Os comentarios estan pechados