Reunión cos Delegados Sindicais da Policía Local de Ourense
24 Xullo, 2015
0

LUGAR: Magma Espacio, Centro de Coworking. Rúa Bedoya 27 Baixo (Ourense)
ASISTEN: integrantes do Grupo de Traballo Institucional de Ourense en Común, representantes sindicais da Policía Local de Ourense.

RELATORIO:
Os representantes comezan achegando a realidade sindical do Concello de Ourense. Agradecen a recepción de Ourense en Común por segunda vez e presentan como un traballo conxunto podería axudar a que este servizo sexa mellor.

Os Delegados Sindicais queren poñer en coñecemento do grupo municipal Ourense en Común algunhas das súas demandas máis repetidas e nas que están traballando a día de hoxe:

  • Poucos efectivos (1.8 policías por cada 1000 habitantes segundo marcan os estándares europeos), actualmente a RPT recolle 124 e hai 103, a RPT de 2011 recollía 134.
  • Maior problema é de coordinación de competencias que limitan outras actividades. Falta policía de carácter específico para sancionar en materia de ruídos, medio ambiente, ordenanzas… mal reparto de efectivos, incluso algúns cubrindo postos que non son competencia municipal ou cubrindo funcións de carácter administrativo deixando efectivos en oficina e baleirando a rúa.
  • A Policía Local podería xogar un papel esencial para o deseño estratéxico dunha cidade a futuro: coñecemento da mobilidade municipal, aplicación ordenanzas, etc.
  • Degradación da imaxe da Policía Local por actividades herdadas e limitadas (paseos e sancións de tráfico), politizadas e fóra de competencias (Casa de Reza).
  • Proposta de creación dunha área de seguridade cidadá e emerxencias, ben sexa como xunta área ou comisión específica. Nesta xunta por exemplo debería estudarse por que acudiron efectivos da Policía Local ao desafiuzamento da Casa de Reza, coordinarse accións co equipo de bombeiros, prioridades, emerxencias, etc.
  • Servizos privatizados que afectan directamente á Policía Local, nomeadamente o servizo de hora e a grúa. Unha posibilidade estudada polo sindicato é remunicipalizar estes servizos asumindo o persoal actual. Un proceder que permitiría minimizar posibles dinámicas corruptas, aforrar fondos públicos, auditoría de servizos e cláusulas.
  • Preocupación dentro do servizo pola corrupción herdada ademais da falta de transparencia e escurantismo na xestión da Policía Local, así como un elevado grao de arbitrariedade na cadea de mando derivada en boa medida da pouca ou nula xestión do servizo por parte dos responsables políticos.
  • A función da Policía Local é clara e o servizo para mellorarse só necesitaría unha maior coordinación, formación e concreción en competencias. Marcando varias liñas vermellas, entre elas os tribunais externos para concorrer ás oposicións limitando presuntas prácticas corruptas detectadas no pasado e que manteñen causas abertas no presente.

Agradecendo ambas partes a disposición mostrada e emprazándonos para futuras encomendas, nomeadamente mesa mobilidade e tramitación peticións específicas, levántase o encontro.

Foto do encontro de OUeC con representantes sindicais da Policía Local