Reunión con persoal da empresa Seralia, contrata do Concello de Ourense afectada por ERE presuntamente irregular

Reunión con persoal da empresa Seralia, contrata do Concello de Ourense afectada por ERE presuntamente irregular

LUGAR: Magma Espacio, Centro de Coworking. Rúa Bedoya 27 Baixo (Ourense)
ASISTEN: integrantes dos Grupos de Traballo de Apertura e Institucional de Ourense en Común, representantes sindicais e traballadoras da empresa.

RELATORIO:
OUeC dá a coñecer cal é o mecanismo de funcionamento do grupo de traballo de apertura así como dos protocolos de transparencia e seguimento ás reunións que se manteñen cos colectivos da cidade. As traballadoras agradecen a recepción e escoita activa dun problema que outras organizacións políticas do Concello de Ourense non quixeron atender.

Comezan explicando o caso dunha empresa que, aínda que o traballo sexa o mesmo traballo, está repartida en dúas áreas:

  • Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) – área afectada polo ERE onde actualmente hai 71 traballadoras (+3 suplencias) contratada polo Concello de Ourense.
  • Servizo de Dependencia (SD) – área con 90 traballadoras e cunha maior relación contractual con servizos para a administración autonómica.

Esta empresa gaña a concesión de SAD do Concello de Ourense a comezos do ano 2015 e recentemente informou ás traballadoras de que van solicitar un ERE, algo a todas luces irregular polo pouco tempo na xestión do servizo e por tratarse dun concurso público cunha oferta de parte. Elemento que se suma aos numerosos puntos de “fricción” coas traballadoras por incumprimento de condicións laborais: desprazamento entre domicilios aos que se asisten de servizos, incumprimento do convenio colectivo…

Actualmente a empresa ten varias denuncias perante inspección de traballo, quen xa informou da irregularidade do pretendido ERE. As negociacións deste comezaron o día 30 de xuño, o 10/07/2015 terán outra reunión e rematarán o 20 de xullo. O comité ao completo situase en contra e bloqueará o expediente sempre que poda.

O concello é o responsable último deste servizo porque é o contratista e pagador do servizo. As traballadoras afirman que solicitaron reunión coa Concelleira de Servizos Sociais Sofía Godoy e que non tiveron resposta algunha. Sospeitan que detrás de todo hai unha mala xestión por parte da empresa e do propio concello por contratar á primeira cunha evidente oferta en baixa temeraria. Con esta situación é ferinte ler o que se transmite dende o Concello na prensa, presumindo de mellorar e ampliar o servizo.

Dende OUeC poñemos ao GT Institucional ao servizo do colectivo para forzar unha reunión coa concelleira responsable de Servizos Sociais, asemade agardaremos o resultado das reunións inmediatas para definir unha posible moción en pleno instando á corporación a reconsiderar a contrata coa empresa.

Agradecendo ambas partes a disposición mostrada e emprazándonos para unha futura reunión levántase o encontro.

Foto do encontro con representantes das traballadoras de Seralia