Os cargos electos de Ourense en Común renuncian a todos os seus privilexios no Concello e reducen o 25% os seus salarios
24 Xullo, 2015
0
  • As concelleiras electas do grupo municipal Ourense en Común renunciaron esta mañá a privilexios como o espazo de aparcamento reservado na Praza Maior, as medallas de prata coas que se agasalla a cada membro da corporación ou ao denominado dossier de prensa que supón o fotocopiado diario de todos os xornais.
  • A asemblea aberta de Ourense en Común celebrada o pasado venres decidiu limitar ademais o salario das súas concelleiras para adaptalo ao salario medio da provincia de Ourense rebaixando este ata os 12.399€ brutos anuais. Unha redución de case de 4.500€ sobre o salario proposto pola alcaldía.
  • Estas medidas, xunto con outras como a publicación íntegra dos seus bens, a rendición de contas, a revogación dos seus cargos, etc. forman parte dun Código de boa gobernanza ao que os cargos electos de Ourense en Común deben someterse.

OURENSE 22/07/2015 .- Ourense en Común presentou esta mañá por escrito no rexistro da Casa Consistorial a renuncia das súas tres concelleiras a todos os privilexios adquiridos pola súa condición de electas. Unha solicitude elaborada ao abeiro do Código Ético desta organización na que se establece que estas deberán “renunciar publicamente aos agasallos e privilexios que lles poidan facer pola súa condición”.

Entre as renuncias expresas contempladas neste escrito recóllense a devolución das medallas conmemorativas que cada membro da corporación recibe cada lexislatura. Un acto que máis aló do aforro municipal, cada medalla está valorada arredor dos 300€, pretende “visibilizar unha forma de actuar que pouco ou nada ten que ver coa pretendida eficiencia no gasto defendida polo actual equipo de goberno”. Nesta mesma liña sitúase a renuncia ao espazo de aparcamento sito na Rúa da Barreira para membros da corporación ou ao denominado dossier de prensa que cada grupo municipal recibe diariamente. Trátase de arredor dun cento de fotocopias diarias de toda a prensa que dende Ourense en Común consideran “insostible dende o punto de vista medioambiental, xa que nin sequera emprégase papel reciclado para tal, e inútil dende o prisma da utilidade posto que se recibe igualmente a prensa orixinal”. Prácticas diarias que a organización municipalista está detectando e que dende o seu punto de vista amosan un “proceder non reflexivo que mantén formas e gastos innecesarios así como privilexios pouco éticos para quen debería estar traballando pola comunidade”.

Por outra banda a asemblea que Ourense en Común celebrou o pasado venres decidiu limitar o salario das dúas concelleiras con dedicación parcial. Xa que no Código Ético aprobado co que acudiron ás eleccións do pasado mes de maio só se establecía un límite máximo de retribucións, vinculando as percepcións ao nivel de responsabilidade, dedicación e exposición pública, de acordo coa capacidade orzamentaria e someténdose á prioridade do ben común, polo que se facía necesario especificar a situación concreta das concelleiras electas de OUeC na actual corporación. Así é que enténdese dende este grupo que “unha retribución axeitada para calquera concelleira con dedicación exclusiva sen delegación de competencias sería de unha vez e media o salario bruto medio da provincia de Ourense, segundo os datos do Mercado de Traballo e Pensións nas Fontes Tributarias, publicado anualmente pola A.E.A.T”. Tomando os datos publicados no ano 2013 esta remuneración sería de 24.798 euros brutos anuais. No caso das concelleiras de OUeC que na actualidade teñen dedicación a tempo parcial, Ledicia Piñeiro e Martiño Xosé Vázquez, habería que aplicar sobre esta cantidade a porcentaxe de parcialidade correspondente, esta é do 50 %, quedando esta retribución en 12.399 euros brutos anuais. Unha redución de 4335.9 euros con respecto á proposta de Retribucións dos membros da Corporación Municipal proposto pola alcaldía. Un límite que operará tamén para o concelleiro Miguel Doval que non ten dedicación exclusiva. Será a asemblea novamente a que decida o fin dese excedente e a que velará porque os cargos non sufran prexuízo algún ou sexan penalizados fiscalmente por mor desta fórmula salarial.

Estas medidas, xunto con outras, forman parte das obrigas e deberes que as tres concelleiras electas de Ourense en Común deberán asumir como exemplo de renovación democrática que pretenden trasladar ao Concello. Entre elas está a publicación íntegra dos seus bens na páxina web ourenseencomun.gal, na que se pode consultar unha información detallada na que pode analizarse o seu patrimonio actual e deberá aparecer a súa evolución anual e ata tres anos despois do abandono do cargo. Outras obrigas e deberes son a rendición de contas mensual, a disposición do seu cargo a revogación da propia asemblea, a asistencia obrigada a todos os encontros de barrio e sectoriais programados, non acceder nos cinco anos posteriores ao abandono do seu cargo a ningún organismo creado polo mesmo e un apartado no que actualmente atópanse traballando como é facer públicos os criterios de contratación de cargos de designación directa.

ANEXOS.-
Código de Ética Política: http://ourenseencomun.gal/documentos/codigo-etico

Anexo Código de Ética Política (Redución salarios): http://ourenseencomun.gal/wp-content/uploads/2015/03/2015-07-17_AeC_Acta.pdf

Código de Boa Gobernanza: http://ourenseencomun.gal/wp-content/uploads/2015/05/CODIGO-DE-BOA- GOBERNANZA-DE-OURENSE-EN-COM–N.pdf