O apoio de case 5500 persoas na primavera de 2015 permitiu que por vez primeira en Ourense unha forza política de nova creación acadara tal representación institucional, con tres edís nunha corporación de vinte sete. Porén esa mobilización non foi suficiente para conformar un goberno de progreso e a nosa función neste mandato debería limitarse a exercer un control e fiscalización. E fixémolo! Introducindo ademais firmes valores na defensa dun municipio máis sustentable, xusto e habitable:

1

Destapamos a corrupción levando perante a xustiza ao alcalde. Freamos o enchufe do Xefe de Persoal, un antigo concelleiro do Partido Popular, e fomos o único grupo en chegar ata o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para destapar unha Relación de Postos de Traballo feita para perpetuar centos de enchufes pasados.

2

Modernizamos o concello reducindo o malgasto dunha tonelada de papel, introducindo novas ferramentas informáticas de xestión, creando unha aplicación de denuncia cidadá, favorecendo a participación veciñal en comisións de control e facendo públicas as súas actas accesibles na web.

3

Fixemos transparente o concello abrindo concursos públicos para a contratación do noso persoal de confianza, obrigando a todos os grupos a facer visible as súas declaracións de bens durante todo o ano, facendo chamamentos constantes a presentar CV para cubrir sen enchufismo os diferentes postos de traballo.

4

Denunciamos os privilexios mediante a nosa renuncia a aparcamentos reservados, tarxetas ou pases VIP e medallas de prata conmemorativas. Cedendo parte do salario das concelleiras electas á asemblea veciñal que decide a súa finalidade: doazóns, denuncias, axudas sociais…

5

Dignificamos a memoria histórica do concello retirándolle a medalla de honra ao ditador Francisco Franco e as placas franquistas das rúas e edificios da cidade. Conseguindo o nomeamento da futura Praza da República no Campo de Aragón onde foran asasinados máis dun cento de ourensáns e o cambio de nome da praza franquista Alferez Provisional.

6

Démoslle voz a decenas de colectivos e movementos sociais: á comunidade educativa do CEIP Seixalbo, ás traballadoras da CRTVG, ao persoal sanitario do CHUOU, ao COAG, ás familias beneficiarias de axudas escolares, á Policía Local e servizos municipais de seguridade cidadá, ao Ateneo, ás familias da plataforma en denfensa dun Centro de Atención a Persoas con Diversidade maiores de 21 anos, a xuventude que reclamaba instalacións para deportes urbanos, a colectivos animalistas, ás veciñas de Reza, Couto, A Ponte, San Francisco, Posío, Peliquín, Beiro…

7

Traballando sen descanso presentando máis de 140 iniciativas plenarias e alegacións ou emendas a ordenanzas, leis e anteproxectos. Entre moitas unha nova ordenanza de vivendas de emerxencia social que garanta que ningunha persoa que o necesite quede sen alternativa habitacional con todos os subministros garantido.

8

Introducindo a igualdade e a perspectiva de xénero en todas as iniciativas presentadas, conseguindo feminizar o rueiro nun proceso participativo, introducindo emendas ao Plan Municipal de Equidade de Xénero, destapando e denunciando o desmantelamento da Casa de Acollida de Mulleres Vítimas de Violencia Machista.

9

Constituímos a Mesa Municipal de Mobilidade da que se derivou o proceso participativo Móvete por Ourense. Un proxecto que de implementarse converterá o concello nunha cidade máis verde e mellor onde a prioridade sexan as persoas e non os vehículos motorizados.