Propoñemos sacar do abandono o cárcere de Progreso coas axudas do 1´5% cultural do Ministerio
10 Xaneiro, 2019
0
• Ourense en Común instará ao goberno a concorrer á próxima convocatoria das axudas para financiar traballos de conservación e rehabilitación de bens inmobles do Patrimonio Histórico Español.
• O edificio forma parte da área de protección do conxunto Ben de Interese Cultural das Burgas e calquera actuación no lugar debe someterse á aprobación de Patrimonio.
• Os técnicos municipais confirmaban onte aos grupos que o caudal das Burgas fai inviable a instalación dun balneario, que secaría o manantial.
• Funcionou como prisión provincial 151 anos, quedando despois nun estado total de abandono ata a actualidade. “Manter o edificio así só incrementa o deterioro dun inmoble histórico”.

    “Estamos perante un edificio de incalculable valor histórico, artístico, estético e incluso simbólico. Temos que avanzar xa na súa recuperación, apuntaba esta mañá Martiño Xosé Vázquez, voceiro de Ourense en Común, para referirse ao abandonado cárcere do Progreso, sobre o que o seu grupo presentará unha moción no próximo pleno.

    Ourense en Común instará ao goberno a redactar un proxecto co que concorrer á próxima convocatoria de axudas do Programa «1,5% Cultural» do Ministerio de Fomento, destinado a financiar traballos de conservación e rehabilitación de bens inmobles do Patrimonio Histórico Español.

    Un informe técnico municipal, redactado en maio de 2016, alertaba xa sobre o abandono do edificio, expoñendo literalmente que “dado el estado del alero y los revestimientos de fachada en la calle Progreso, se considera imprescindible el cierre del tramo de la vía pública que discurre paralela a la edificación, en un ancho suficiente para evitar daños a peatones y circulación de vehículos mientras no se instale una marquesina de protección, que proteja a la vía o se realice la reparación del mismo”.

    Fronte a este perigo para a seguridade cidadá, o goberno do Partido Popular no Concello de Ourense fixo caso omiso do informe e non foi ata dous meses máis tarde que instalou un sistema de protección a viandantes, que “ata o momento constitúe a última actuación acometida neste singular edificio, evidenciando o desapego, a falta de sensibilidade e a falta de proxecto de cidade do actual alcalde e do seu equipo de goberno”.

    Ourense en Común defende que este edificio,  incluído na área de protección do Ben de Interese Cultural das Burgas, “é unha oportunidade, pero non para a especulación urbanística nin para un proxecto de Hotel Balneario fóra de toda escala que secaría as Burgas”. Dende o grupo apostan por poñer en valor esta zona céntrica con “actuacións a pequena escala, por exemplo cun xardín termal público ao estilo dos países nórdicos. E neste contexto poñer en valor e recuperar a antiga prisión provincial”.