EMPREGO

Digno e de calidade.

A loita contra o paro é un dos grandes retos da Administración Local en Ourense. Temos un desemprego estrutural en aumento, consecuencia dun tecido económico débil e dunha ausencia de medidas firmes que deteñan unha sangría que se ceba especialmente coa mocidade e as mulleres.

Aínda que limitadas pola lexislación vixente, é posible facer políticas públicas de emprego en Ourense: apostar pola cooperación público-privada, apoio a iniciativas sociais de emprego, ou avanzar en áreas “invisibles”, como é a dos coidados e a asistencia, grandes nichos de emprego potencial.

Urxe acabar co paro, pero non a calquera prezo. O emprego, en tanto que dereito fundamental das persoas, só poderá ser estable, digno, de calidade e equitativo. O contrario non resolve o problema, empeórao. O Concello ten a obriga social de velar polo cumprimento destes mínimos. E, sobre todo, ser exemplo. Fronte á precariedade, responsabilidade social no público e no privado.

Propostas Emprego

xs1. Bolsa de traballo social. Estudo e detección de necesidades sociais sen cubrir (coidado de persoas dependentes; conservación e recuperación do medio; rehabilitación do patrimonio, infraestruturas e vivenda; reciclaxe e aproveitamento de residuos; servizos educativos, sanitarios e de benestar social…) e creación de emprego nestas actividades. Con base no financiamento público e apoiada pola colaboración privada, a través de empresas públicas ou ben de entidades sen ánimo de lucro, xeraranse proxectos para os cales se vaia contratando de xeito paulatino, e dependendo do orzamento dispoñible, a persoas que precisen emprego.

xs2. Desenvolvemento dun Plan Municipal de Emprego, que permita articular os servizos existentes e outros de nova creación (bolsa de emprego, servizos de promoción…), con medidas para o emprego de colectivos específicos (mocidade, muller, maiores, persoas con diversidade funcional e outros colectivos en situación ou risco de exclusión).

xs3. Apoio a iniciativas sociais de emprego, por medio de servizos de información e asesoramento, creación de redes de apoio, dotación de infraestruturas e equipamentos e, cando isto sexa posible, por medio do financiamento directo, o establecemento de axudas e subvencións e/ou a contratación directa de persoas obxecto destas actuacións.

xs4. Plan de Cooperación Empresarial para o Emprego Digno, ofrecendo ás empresas servizos adaptados de formación, asesoramento, apoio personalizado e promoción, a cambio de implicarse na realización de accións formativas para os seus traballadores e para persoas desempregadas. Tamén se motivará a mellora das condicións laborais, a creación de novos postos de traballo ou promover actividades de titoría a emprendedores do seu propio sector.

xs5. Deseño e implementación de políticas especiais de igualdade no emprego, aplicando criterios de igualdade na normativa de Réxime Interno do Concello, así como incluíndo cláusulas que obriguen a implementar estas medidas nos contratos, concesións de axudas e programas de apoio a empresas e outras entidades. Compromiso por parte do Concello de aplicar medidas activas para avanzar de cara ao cumprimento da lexislación vixente que obriga a unha cota do 5% de empregados públicos con diversidade funcional.

xs6. Revisión e mellora das políticas de apoio ao emprendemento, articulando os recursos existentes e desenvolvendo outros novos (programas de titoría e seguimentos personalizados, creación de redes de apoio mutuo, ou dotación de infraestruturas e equipamentos, entre outros).

xs7. Renovación dos programas públicos de formación, para adaptalos ás necesidades das persoas desempregadas, das traballadoras e traballadores e do empresariado, por medio da contextuaización das accións formativas en canto a formato, horarios, localizacións, contidos e selección do alumnado.

xs8. Priorizar as contratacións, concesións e axudas a empresas e entidades que demostren un compromiso coa creación de emprego de calidade.

xs9. Tender á eliminación progresiva das horas extra no desempeño da función pública, para favorecer a creación de emprego e a redución de custos laborais.

xs10. Fomento de prácticas de flexibilización do horario laboral na administración local naqueles postos que o permitan, mediante fórmulas como o tele-traballo, o traballo por quendas, os sistemas de rotación e de intercambio voluntario de quendas, así como a adaptación de horarios á carga de traballo existente en cada momento. O obxectivo é o de aumentar a produtividade e a calidade dos servizos do Concello, á vez que se mellora a conciliación laboral e persoal.

VIVENDA

Ningunha persoa sen teito.

España é o estado europeo que máis desafiuzamentos permite, con máis vivenda baleira e menos vivenda social. As cifras escandalizan, e Ourense non é unha realidade allea: somos líderes en pisos baleiros. En OueC témolo claro: o noso concello, libre de desafiuzamentos.

As propostas en vivenda, no contexto socioeconómico actual, só poden ir nunha dirección: non precisamos máis casas, precisamos que todas se atopen habitadas. O acceso á vivenda digna é un dereito básico das persoas. Libre de calquera discusión.

Rexeitamos crer que os concellos teñen as mans atadas neste asunto. É tan viable como urxente dotarnos dun parque de vivenda social e esgotar todas as medidas ao noso alcance, que faciliten a ocupación de vivendas baleiras, exercendo a fiscalidade a favor do que é un equipamento social básico, non un negocio especulativo. Se se quere, pódese!

Propostas Vivenda

xs11. Creación dun Parque Municipal de Vivenda para o alugueiro social e cesións temporais por motivos de emerxencia social. Nutrirase de inmobles públicos en desuso, de nova vivenda pública, cesións, convenios e novas adquisicións. Con procedementos de revisión para evitar prácticas de abuso.

xs12. Establecemento de baremos equitativos e xustos que dean prioridade ás persoas máis necesitadas na adxudicación de vivendas protexidas (familias desafiuzadas, vítimas de violencia de xénero, xuventude, maiores, familias e persoas en situación ou en risco de exclusión).

xs13. Censo motivado de vivendas baleiras. Localización de inmobles baleiros e en desuso, e estudo de situacións concretas para penalizar as prácticas especulativas.

xs14. Creación do Instituto Municipal de Vivenda, encargado da consecución e xestión de chan e inmobles para o desenvolvemento de vivenda social, equipamentos públicos e actividades industriais, cuxo fin principal será o de velar por cumprir co dereito básico a unha vivenda digna. De carácter autónomo, con recursos propios chegados das cesións obrigatorias de chan derivadas dos plans urbanísticos, as novas adquisicións e a realización de convenios.

xs15. Negociación e convenios coa SAREB, bancos e grandes propietarios para a incorporación de vivenda baleira ao parque municipal de vivenda social do Concello de Ourense.

xs16. Negociación e axudas para que pequenos propietarios ofrezan as súas vivendas baleiras en alugueiro social a prezos accesibles.

xs17. Establecemento de procedementos que faciliten a transmisión patrimonial en favor do Concello de Ourense, de vivendas que permitan incrementar o parque público e/ou evitar desafiuzamentos.

xs18. Programa de erradicación do chabolismo e a rehabilitación de infravivendas en ámbitos urbanos degradados, que contemple prazos e investimentos concretos e realistas, así como medidas de acompañamento social.

xs19. O Concello de Ourense non realizará desafiuzamentos nas vivendas da súa propiedade mentres as persoas afectadas non teñan unha solución habitacional alternativa, ou ben, os recursos suficientes para conseguila.

xs20. O Concello de Ourense intervirá como mediador nos procesos de desafiuzamento por terceiras partes; a institución tentará evitalos ou atrasalos mentres as persoas afectadas non teñan unha solución habitacional alternativa, ou ben os recursos suficientes para conseguila.

xs21. Nos casos de desafiuzamentos xa realizados, implementaranse medidas paliativas de protección, por medio da cesión temporal dunha vivenda ou do establecemento de axudas económicas para o alugueiro social.

xs22. Exención, condonación ou aprazamento do pago de impostos municipais a persoas en alugueiro ou en réxime de propiedade que se atopen en situación ou en risco de vulnerabilidade social.

xs23. Eliminar os mecanismos de compensación das débedas non caso das axudas municipais con aquelas persoas que estean en perigo de exclusión social (as débedas non computan como axudas).

xs24. Garantir o subministro básicos aos fogares que o necesiten.

xs25. Mudar o concepto de “albergue municipal” de xeito que este poida ofrecer coberturas integrais. Creación dun dispositivo para que nos períodos de transito nos que as persoas non teñan unha vivenda, poidan aloxarse nun lugar cunhas características dignas.

xs26. Creación do Consello de Vivenda, coa participación de axentes e colectivos sociais, que realizará un seguimento das políticas públicas neste ámbito, recollerá a demanda social e proporá plans de actuación ao Concello.

 > Volver o programa participativo

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>