URBANISMO

Cidade intelixente, cidade con alma.

En pleno 2015, a terceira cidade de Galicia confía a súa planificación urbanística, que é tamén a súa planificación de futuro, a un documento de 1986. Ao longo de 30 anos unha Corporación tras outra amosáronse incapaces de acadar o consenso cidadán ao redor dun proxecto que viñese resolver os problemas de especulación, urbanismo descontrolado e inseguridade xurídica que Ourense vén arrastrando.

É prioritario conseguir un PXOM para Ourense que defina dunha vez por todas as liñas e usos da cidade do futuro. Pero este novo plano terá que ter moi presente que Ourense non é só un espazo urbano: existe todo un cinto verde na contorna que lonxe de ser unha barreira é unha oportunidade de desenvolvemento, no físico pero tamén no económico.

Apostamos entón por un Ourense rururbán e compacto, deseñado por e para as persoas: un plano lexitimado que sexa rebelde coas imposicións técnicas e que ofreza solución ás demandas reais da poboación. Un proxecto que camiñe cara un Ourense máis coherente, amable e respectuoso co medio no que vivir ben. Trátase de facer urbanismo co cerebro e tamén co corazón..

Propostas Urbanismo

t1. Aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Constitución dun grupo de traballo amplo con presenza de todas as organizacións políticas do Concello de Ourense e conformado polo propio equipo redactor, colexios profesionais, equipos técnicos, colectivos e as concellerías responsables, que permita desbloquear este documento estratéxico para o futuro de Ourense sen xerar novos gastos á Corporación Municipal.

Este novo PXOM debe contar cunha importante participación cidadá, polo que deberán explorarse novas vías de participación: consultoría municipal, segunda exposición pública, campañas de información específica por barrios…

Asemade este documento deberá garantir que a planificación de novas infraestruturas e servizos sexa abordada sempre dende unha óptica social e ambiental máis ampla da ordenación territorial entre administracións municipais, compartindo recursos en prol da eficiencia.

Propostas nodais que deben estar presentes no PXOM:

  • Prioridade sobre o núcleo urbano xa consolidado. Non colonizar novos chans para cubrir as necesidades residenciais e de actividades económicas. Apostarase por un aproveitamento dos baleiros urbanos existentes e a rehabilitación dos espazos construídos.
  • Favorecerase a cohesión entre barrios, priorizando proxectos e obras naqueles máis desfavorecidos, en calidade ou cantidade de servizos básicos ou no seu urbanismo.
  • Adaptación do urbanismo ás condicións climáticas locais. Integración progresiva da eficiencia climática nas instalacións, coa xeotermia como horizonte.
  • Converter os equipamentos existentes en espazos multifuncionais que permitan o seu aproveitamento social.
  • Protección das áreas de interese patrimonial, natural e cultural, tanto dentro do tecido urbano como na periferia, no seu emprazamento e área inmediata.
  • Aposta decidida por espazos comúns que fomenten as relacións sociais e hábitos de vida saudable; xardíns, parques, montes ou ribeiras.
  • Prohibición de novos desenvolvementos urbanísticos en áreas de interese natural, priorizando os intereses ecolóxicos ante a construción de novas infraestruturas e compensar as afecciones que poidan xerar.

t2. Redución do impacto da integración da Alta Velocidade en Ourense e aproveitar a súa chegada para suturar aqueles barrios divididos por máis de medio século. O novo trazado deberá garantir un mínimo impacto ambiental, social, patrimonial e permitir un movemento pendular non xerando novas barreiras na mobilidade urbana.

As intervencións arquitectónicas subordinadas deberán primar a utilidade e integración na paisaxe natural, cultural e humana de Ourense. Nomeadamente a nova estación deberá garantir unha correcta intermodalidade entre diferentes medios de transporte: autobuses interurbanos, área metropolitana e transporte urbano, así como co resto de liñas de ferrocarril de proximidade.

Toda a actuación deberá ir acompañada de campañas de información, participación e sensibilización daqueles barrios afectados, incluíndo mesas de participación con axentes e colectivos sociais na recollida de propostas para novos usos de espazos ferroviarios en desuso, desmonte de vías, etc.

t3. Estudo e implementación dun sistema de xestión a partir dunha nova articulación territorial do concello con interlocutores dispersos, que parta do tradicional modelo de parroquias ou outros máis recentes coma os distritos.

t4. Elaboración dunha ordenanza do uso do espazo público, que sirva para regular o uso comercial do mesmo, dos espazos de creación, dos espazos de difusión para colectivos (MUPIS), terrazas, etc.

t5. Racionalización e mellora da rede viaria mediante un inventario, diagnose e conservación activa de estradas e espazos públicos como parques, sendas verdes, etc. Intervencións preventivas executadas cos propios medios públicos sempre que sexa posible, permitindo frear a degradación de espazos e aforrar en grandes actuacións futuras.

t6. Cumprimento das medidas de accesibilidade en tódas as rúas de Ourense, eliminando as barreiras arquitectónicas como beirarrúas demasiado estreitas, potenciando a realización de ramplas cunha pendente menor ao 10% en vez de escaleiras, superficies diferenciadas, plataforma única…

t7. Substitución do alumeado público ao rematar a súa vida útil por alumeado de baixo consumo e con luminarias sen contaminación lumínica. Programa paralelo acompañado de estudos de luz (solar e artificial) para procurar a máxima eficiencia do mesmo, e dunha baixada dos niveis de alumado nocturno tomando como referencia os niveis europeos.

t8. Adaptación dos Plans Especiais de Reforma Interior (PERI) ás necesidades e demandas sociais, combinando a necesaria protección e coherencia dos núcleos co desenvolvemento do comercio, a vivenda, etc. Farase unha aposta pola promoción do comercio local e vivenda para a xuventude nestes espazos mediante a progresividade fiscal, axudas para restaurar, e aluger social.

MOBILIDADE

Andar a cidade pensando na infancia.

Ourense é a terceira cidade do Estado español con maior taxa de tráfico rodado. Reflexionemos un intre. O noso benestar ás veces só precisa dun pouco de xenerosidade, dun cambio de hábitos. Pensemos se queremos un Ourense deseñado para os coches ou deseñado para as persoas. Nós témolo claro.

A progresiva pacificación do tráfico de vehículos é condición indispensable para facer que a rúa sexa un lugar máis saudable e seguro. Pero tamén hai que dar alternativas: Ourense precisa unha rede de transporte público eficaz, con frecuencias e itinerarios revisados que a convertan nun servizo útil de verdade, que garanta a comunicación nos barrios. Urxe ademais desbloquear dunha vez por todas a situación do transporte metropolitano a través da mancomunización dos servizos entre municipios.

Imaxinémonos unha nena camiño do colexio, na súa autonomía e na súa seguridade. Reflexionemos de novo; unha cidade a medida da infancia será sempre unha cidade adaptada a toda diversidade funcional, ás persoas dunha idade ou doutra. Escoitemos a infancia, ás veces sabe máis de convivencia.

Propostas Mobilidade

t9. Pacificación do tráfico xeneralizado en todos os barrios da cidade, reducindo a velocidade máxima nas rúas secundarias a 30 km/h. Unha medida que debe ir acompañada dunha progresiva intervención nas rúas eliminando as dobres alturas (beirarrúas e estrada), apostando por unha única plataforma e construíndo lombos de seguridade naquelas zonas onde se detecten elevadas velocidades ou altas densidades de tráfico.

t10. Progresiva pacificación tamén das principais arterias da cidade (Av. Santiago, Marcelo Macías, Rúa do Progreso, Emilia Pardo Bazán – Saínza…) a medida que se completa o cinto de circunvalación exterior e outras medidas complementarias.

t11. Creación de aparcamentos disuasorios ás entradas da cidade, conectados co transporte público, co necesario transporte metropolitano e con accesibilidade a todos os lugares de Ourense. Medida que permitirá limitar o uso do vehículo dentro do recinto urbano e o progresivo aumento de zonas peonís.

t12. Aposta decidida pola creación de rúas e espazos peonís, penalizando o tráfico motorizado e primando a humanización do espazo público.

t13. Integración do transporte municipal en mancomunidades de servizos de transporte, e apostar por un transporte público metropolitano que permita unha conexión sustentable entre o Concello de Ourense e outros próximos.

t14. Aposta por un carril bici segregado naquelas arterias principais non pacificadas ou con alta acumulación de tráfico. Este deberá realizar un percorrido completo con inicio e fin. Esta segregación ampliarase ao tráfico de bicicletas en sentido contrario naquelas rúas de sentido único con amplitude suficiente para poder soportar ambos usos de modo seguro, fomentando o uso da bicicleta e a súa integración na área urbana. Nomeadamente as rúas Vila Real, Cardenal Quevedo, Av.Castelao, e Rúa do Progreso, entre outras.

t15. Campaña de educación e seguridade viaria achegando as propostas estratéxicas como pacificación do tráfico ou potenciación da bicicleta.

t16. Rotulado/guía que conecte os principais recursos termais de Ourense (A Chavasqueira-Tinteiro, Outariz, Muíño da Veiga) coas zonas de acceso de tráfico motorizado (acceso centro) alleo á cidade. Evitando deste xeito inserir máis tráfico á cidade e aportando información de primeira man ao turismo que visite a cidade.

t17. Camiño Escolar que permita a creación duns itinerarios saudables e seguros para os máis cativos, que devolvan a rúa as nenas e nenos, e que eliminen os atascos provocados polo aparcamento en dobre fila de familiares ás portas dos centros educativos.

t18. Optimización dos puntos de aluguer de bicicletas públicas: non retirada nocturna, revisar a súa localización, relación directa de nodos, etc.

t19. Fiscalización e control da empresa concesionaria de autobuses urbanos para o mantemento e renovación da flota, incrementando a confortabilidade e velocidade comercial xestionando o tráfico con vías de uso exclusivo ou compartido prioritario.

t20. Aposta por unha xestión do transporte a demanda e campañas de sensibilización de mobilidade sostible: fomento de iniciativas de uso compartido do automóbil privado, puntos de encontro…

t21. Finalización do circuíto de sendas fluviais, nomeadamente a continuación do Paseo do Río Barbaña ata o Polígono de Barreiros, a conexión entre As Burgas e o espazo da Molinera, e o paseo do Loña ata o Castro de Santomé. Procurando ademais unha estratexia a futuro cos diferentes organismos e concellos afectados que conecte a senda do Loña co Encoro de Castadón e o paseo do Río Miño ata Os Peares.

t22. Apoio ao comercio de barrio fronte as grandes superficies que permitan concentrar na pequena distancia os servizos necesarios sen que sexa necesario o uso do transporte privado. Evitando mapas do baleiro e barrios dormitorio.

t23. Adaptación das liñas de transporte público (autobús) ás dinámicas de movemento da cidadanía. Nomeadamente a conexión dos diferentes barrios cos principais nodos de atracción (centros de saúde, Residencia, centros de traballo do polígono…). Procurando simplificar o saturado eixo norte- sur existente que satura a zona 12 de Outubro, Parque de San Lázaro e Xardín do Posío e que desatende outras zonas como son o barrio de O Couto e As Lagoas. Estudando a creación dunha ou dúas liñas circulares que minimicen tal eixo.

Este transporte público deberá garantir unhas correctas frecuencias e a intermodalidade, permitindo a posibilidade de viaxar no mesmo con carga complementaria como bicicletas, aparellos varios, etc. Fomentando deste xeito o uso do transporte público e outro tipo de mobilidades saudables e sustentables como o uso da bicicleta.

t24. Penalización do tráfico rodado contaminante en superficie, aumentando os prezos da ORA e baixando os prezos dos aparcadoiros subterráneos. Procurando reducir o tráfico e gañar espazo en superficie para as persoas. Esta campaña debe ir parella a un proceso de remunicipalización da xestión de todos estes servizos e do apoio de automóbiles eléctricos, reservando espazos en superficie para os mesmos, e cara un futuro, con cargadores eléctricos.

t25. Mellora da web e APP específica para o transporte público. Aproveitarase o uso masivo dos teléfonos intelixentes procurando animar ao uso do transporte público. O servizo debe ser intuitivo e accesible para todas as persoas.

t26. Creación dunha aplicación móbil e un programa de participación a modo de custodia que permita a cada cidadá denunciar o mal estado dalgunha infraestrutura concreta, así como a elaboración dun censo de puntos negros en seguridade viaria, peonil, ou ciclista.

t27. Racionalización da secuencia semafórica deseñada para mellorar a mobilidade, protexer a ciclistas, reducir o tráfico e as elevadas velocidades.

t28. Patrullas policiais en medios alternativos ao vehículo motorizado. Patrullas a pé no casco histórico (zona sur), e en bicicleta polas sendas verdes e barrios con tráfico pacificado. Procurando sensibilizar á sociedade na mobilidade sustentable e aportando seguridade naqueles cartografías sensitivas negativas.

t29. Progresiva redución do parque móbil municipal substituíndoo por outras alternativas de transporte sustentable, eficiente e de mínimo custe.

PATRIMONIO

Cun pé no pasado e outro no futuro.

En OueC sentimos o patrimonio coma aquel ben, sexa cultural, natural, material ou inmaterial, que recibimos como herdanza do noso pasado, continuamos a crear hoxe, e legaremos as xeracións do futuro. O patrimonio non pode ser propiedade de ninguén, senón responsabilidade nosa, conxunta. É unha parte irrenunciable do noso ser.

Porque é peza chave na vida e identidade das persoas, o patrimonio non pode ser tratatado como algo estático, pechado, obsoleto. Nin tampouco podemos limitar a súa conservación a unha simple protección administrativa.

Defendemos a participación pública no patrimonio como ferramenta coa que poder desenvolver todo o seu valor e facer del un recurso estratéxico para Ourense. Cómpre actuar para garantir a súa accesibilidade, conservación, estudo e, sobre todo, o seu uso público. Non só para o turismo, que tamén, senón para nós, a cidadanía, para poder seguir medrando, aprendendo e producindo riqueza. Hoxe e mañá.

Propostas Patrimonio

t30. Promoción dunha oferta termal real a diferentes escalas. A nivel macro na ribeira do Río Miño, e micro ou de baixo impacto na contorna das Burgas, ao estilo da tradicional Casa de Baños. Apostando en paralelo, tamén no mesmo lugar, por unha gran intervención arqueolóxica que recupere a tradición termal da cidade e engada valor turístico e discursivo á mesma. Desbotamos así, para este espazo, grandes construcións hoteleiras que afectarían novamente ao acuífero e apostamos por unha intervención combinada na “Ponte Murallón” e solar das Burgas, que abran o casco histórico cara o río e a espazos de zonas verdes da senda do Barbaña.

t31. Cesión e apoio para a constitución dun Centro Social Autoxestionado no antigo cárcere de Progreso. Apostando pola conservación da infraestrutura como patrimonio mediante o seu uso social como hotel de asociacións e espazo de creación cultural.

t32. Deseño e implementación de ferramentas de código aberto que melloren a relación entre os departamentos do propio Concello que traballan sobre a cidade (urbanismo, arqueoloxía, infraestruturas…). Nomeadamente Sistemas de Información Xeográfico (SIX), para xestionar a información xeolocalizada das diferentes intervencións practicadas sobre o patrimonio no concello, nunha estratexia de intervención definida.

t33. Programa de colaboración entre a Administración Municipal e outras institucións locais en prol dunha estratexia de I+D+i para Ourense tamén en urbanismo, desenvolvemento turístico, investigación básica e aplicada sobre o patrimonio natural e cultural.

t34. Elaboración dun catálogo completo do patrimonio local. Informes de valoración patrimonial cunha diagnose do seu estado de conservación e un Plan de acción a futuro que contribúan a implementar a estratexia de cidade proposta.

t35. Mellora do rotulado, itinerario e mantemento dos sendeiros do Camiño de Santiago no paso polo Concello de Ourense, separando na medida das posibilidades o trazado das vías con gran cantidade de tráfico rodado.

t36. Programa de investigación e recuperación do patrimonio local (arqueolóxico, histórico, artístico…) en colaboración cos diferentes axentes afectados (Universidade, museos…), e sinalización de rutas e sendas temáticas que permitan completar a oferta turística termal.

t37. Creación dun servizo transversal de patrimonio ligado ao resto de departamentos, encargado de recuperar todo o patrimonio espoliado, abandonado ou en risco, así como da elaboración de Informes de Valoración Patrimonial, e outras funcións relacionadas.

t38. Asunción do modelo xaponés de conservación constante do patrimonio construído.

t39. Campañas de sensibilización patrimonial. Aposta por tecnoloxías para divulgar e solucionar o descoñecemento masivo do noso patrimonio, así como promover todas as medidas de accesibilidade posible naqueles espazos pechados ou con problemas de apertura coma o Museo Arqueolóxico Provincial.

t40. Reivindicación do 1,5% cultural do Ministerio de Fomento para a súa inversión en investigación e revalorización do patrimonio local.

t41. Desmercantilización do patrimonio. Calquera intervención directa ou indirecta promovida dende a administración municipal sobre patrimonio, sexa da natureza que sexa, será practicada preferentemente por institucións públicas, empresas do terceiro sector (Economía Social) ou axentes sociais sen ánimo de lucro.

t42. Todos os procesos de xestión urbanística e patrimonial deberán ter carácter de accesiblidade, transparencia e participación para toda a cidadanía, creando mecanismos de exposición dos diferentes procesos.

 > Volver o programa participativo

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>