BENESTAR SOCIAL

Dereito a unha vida digna.
En OueC non aceptamos o desmantelamento do Estado de Benestar. Os concellos teñen a obriga de mobilizar recursos e persoal abondo para poñer freo á exclusión social. Non é unha realidade distante: segundo datos da EAPN-Galicia, das sete cidades galegas, Ourense é a máis castigada pola pobreza, que toca a máis dun 20% da súa poboación. Estamos ante unha negación dos dereitos básicos das persoas.

Defendemos uns Servizos Sociais municipais fortes, capaces de actuar con rapidez ante a exclusión e a pobreza. Uns servizos 100% públicos que superen o asistencialismo e traballen con ambición por unha promoción social garante da igualdade de oportunidades. Hai que dar atención prioritaria ás situación máis graves, pero entendendo que o traballo pola vida digna só é posible desde a intervención comunitaria integral e coordinada entre departamentos. Defendemos así programas de educación de rúa orientados á prevención, estratexias de acompañamento persoal e unha planificación das políticas sociais participada con presenza do Terceiro Sector. Non valen esmolas nin boas intencións, queremos dereitos sociais para todas.

Propostas Benestar Social

sp1. Creación dentro dun Servizo de Emerxencia Social que atenda a situacións de necesidade social extrema e urxentes, dando unha resposta inmediata que as resolva ou remedie, derivando estes casos posteriormente aos servizos sociais para unha solución estrutural e permanente.

sp2. Plan de Emerxencia Infantil no que os centros (educativos e sociais) poidan identificar, ca colaboración de equipos docentes e educadoras de rúa, casos de pobreza ou exclusión social e actuar canto antes dende a súa detección. Facer un seguimento activo de cada caso e colaborar coas familias e comunidade educativa para solucionar cada situación na maior brevidade.

sp3. Realización dun Programa Educativo de Rúa. Articular unha rede preventiva socioeducativa de detección de situacións de exclusión e/ou risco de exclusión. Será xestionado por educadoras de rúa que formaran parte, xunto as traballadoras sociais e as educadoras dos equipos, dos Servizos Sociais Comunitarios.

sp4. Creación dun Fondo de Protección Social. Este novo fondo ten como obxectivo atender a todas as persoas que o necesiten, ampliando e renovando as axudas se é preciso, e sobre todo axilizando os trámites de xestión. Outro obxectivo deste fondo é unificar as diferentes axudas municipais de emerxencia e inclusión que existen para camiñar cara unha renda mínima, xestionada dende o ámbito municipal, para soportar a situación de ausencia de ingresos ou precariedade de cada vez máis persoas no noso concello.

sp5. Garantir os subministros básicos dependentes da Corporación Local (auga, recollida de residuos, etc.) a persoas e familias en situación de vulnerabilidade.

sp6. Facer un estudo de viabilidade coa finalidade de recuperar a xestión municipal de diferente servizos da Concellería de Benestar (Casa de acollida da muller, Servizo de axuda no fogar, Comedor social, Servizo de comida sobre rodas, e Servizo de monoparentais, entre outros). Así como tamén crear un Roupeiro Municipal e dotar ao concello de contedores de recollida de roupa, que sexan exclusivamente municipais e que revertan na cidadanía más vulnerable.

sp7. Adopción pola Corporación Local dunha política de contratación pública socialmente responsable, que introduza en todas as licitacións públicas locais as cláusulas sociais que favorezan a inclusión, o emprego, a accesibilidade e a economía de iniciativa social por parte ou en favor de grupos en situación de vulnerabilidade.

sp8. Dotación de persoal aos Servizos Sociais (traballadoras sociais, educadoras sociais, psicólogas, auxiliares de educador e persoal administrativo) para garantir a cobertura e calidade dos servizos.

sp9. Equipos multidisciplinares de referencia para a atención personalizada e individualizada das persoas que o servizo atenda. En lugar de circunscribir cada equipo nunha UNIS, os equipos rotaran polas UNIS para achegarse á poboación que atenden.

sp10. Implantación de Plans de Formación para o persoal da área. Entendendo esta formación como un proceso de ensinanza-aprendizaxe activo e permanente ao que teñen dereito e obriga todas as profesionais do servizo. Realizaranse periodicamente rotacións de persoal nos diferentes programas para facer un servizo máis dinámico e activo na súa propia construción e mellora continuada.

sp11. Asegurar o uso de ferramentas informáticas para un servizo de calidade e o máis eficiente posible, estudando a idoneidade do Sistema SIUSS.

sp12. Establecer un sistema de recollida de información sobre a satisfacción co servizo das persoas usuarias dos Servizos Sociais, coa posibilidade de cambiar de equipo de referencia, na medida das posibilidades, cando se solicite.

sp13. Creación dun Consello de Benestar Social, que institucionalice a interlocución e a participación na construción das políticas sociais e de inclusión do Concello.

sp14. Poñer a disposición das entidades do Terceiro Sector que operen no territorio os inmobles, infraestruturas e chan que precisen para desenvolver proxectos de inclusión social.

sp15. Compromiso da Corporación Local para aplicar as máximas vantaxes fiscais que permita a lexislación sobre facendas locais aos proxectos sociais e ás entidades do terceiro sector que os desenvolven.

SAÚDE

Nunca máis un luxo.
A saúde das persoas non pode ser un luxo, é un ben compartido e un dereito básico. O traballo a prol da saúde debe ser entendido de xeito amplo, non só como atención sanitaria senón tamén como control sobre todos os determinantes de saúde colectiva, que son múltiples e complexos: de tipo social, económico, ambiental, laboral, etc. E é aquí onde os concellos poden marcar a diferenza, situando a defensa dunha vida saudable para a comunidade no centro das políticas de calquera área. Toda estratexia en saúde municipal debe ser integral, intersectorial e a longo prazo.

Ademais de traballar para a prevención e fomento da vida saudable a través da educación, en OueC cremos que é posible ir mais alá e facer que a Administración actúe como axente nivelador para acabar coas desigualdades en saúde. Podemos, ademais, sumarnos como mediadores na defensa rotunda dunha asistencia sanitaria gratuíta, universal e de calidade. É preciso un compromiso público que rache co discurso que quere facer da saúde pura mercadoría.

Propostas Saúde

sp16. Garantir o acceso á atención sanitaria, así como ás accións de prevención e promoción da saúde a todas as persoas, independentemente da súa situación administrativa, facendo especial incidencia naqueles grupos sociais en situación máis vulnerable.

sp17. Intervencións para eliminar as desigualdades en materia de saúde e atención sanitaria. Establecer programas específicos encamiñados á erradicación das desigualdades entre colectivos e entre barrios.

sp18. Incluír a saúde como obxectivo prioritario dos plans e programas de acción municipais nas distintas áreas. Tendo en conta que os condicionantes da saúde son diversos (factores socioeconómicos, urbanismo, medio ambiente, vivenda, transportes, traballo, servizos socio-sanitarios, etc.) e que precisan dun enfoque integral.

sp19. Creación dun Consello de Saúde Local, con participación social, responsable de analizar e priorizar os problemas detectados en materia de saúde, así como do desenvolvemento e seguimento dos plans a implementar.

sp20. Plan de Saúde Integral e de Cidade Saudable, con programas específicos para diferentes colectivos sociais (terceira idade, materno infantil, doentes crónicos, novas, etc.).

sp21. Activar programas educativos na promoción da saúde: saúde e benestar a través da práctica deportiva, educación afectivo sexual, hábitos saudables ou prevención de enfermidades, entre outros.

sp22. Asegurar o acceso á alimentación para as familias que o necesiten, localizar e atender os casos de malnutrición e desenvolver programas de alimentación saudable.

sp23. Apoiar ás asociacións de persoas afectadas por enfermidades e os seus familiares.

DEPORTE

Algo máis que fútbol.
Entendamos que o deporte é máis que fútbol ou baloncesto. Para OueC é ante todo unha actividade física desenvolvida baixo calquera estrutura e en calquera ámbito social: ten unha compoñente de mellora física, psíquica, e mesmo de desenvolvemento das relacións sociais. Vista así, a práctica deportiva ten un valor estratéxico para a saúde e o benestar dunha comunidade, e así é como debe promoverse.

Este cambio na definición permítenos presentar un proposta de medidas que sexan algo máis ca un catálogo de novos equipamentos deportivos. Cremos que un compromiso co deporte pasa por levalo, de verdade, á rúa e aos parques, dotando ás zonas verdes de recursos básicos que permitan a libre actividade física; ou colaborar cos centros de ensino para o uso das súas instalacións exteriores fóra do horario lectivo. Apostamos ademais por unha maior coordinación e apoio coas actividades deportivas escolares como recurso educativo clave.

Propostas Deporte

sp24. Apoiar o deporte escolar con viso a que se produza unha confluencia a nivel técnico entre todos os actores do deporte de base de Ourense. Crear un servizo de monitorado de reforzo aos Colexios Públicos, para aumentar a participación nas ligas escolares.

sp25. Facilitar o uso deportivo e popular das rúas axilizando trámites e permisos. Asegurar que as expresións deportivas que se realicen nas rúas sexan gratuítas e abertas a toda a poboación, en tanto que se cumpran os requisitos de seguridade.

sp26. Garantir a accesibilidade da cidadanía aos servizos deportivos municipais a través da implantación de tramos de pago segundo renda, ademais dos existentes segundo situación laboral e idade.

sp27. Promover e apoiar a todas as iniciativas cidadás de carácter deportivo. Crear e sistematizar un Banco municipal de recursos. Establecer modelos de boas prácticas e asesorar as iniciativas deportivas cidadás.

sp28. Iniciar un programa de creación de Escolas Deportivas públicas, abertas e accesibles segundo nivel de renda.

sp29. Investir en promoción do deporte. En especial, naqueles máis minoritarios e con máis dificultades de chegar ao gran público.

sp30. Convocar e resolver as subvencións deportivas dentro dos primeiros meses do ano.

sp31. Implantar modelos de participación na asignación dos orzamentos, creando un consello asesor cidadán do Consello Municipal de Deportes, e reformando a composición do consello reitor do CMD para que teñan cabida representantes deste consello cidadán con voz e voto.

sp32. Crear unha programación anual de actividades deportivas co obxectivo de evitar contraprogramar a outras institucións, asociacións ou programadores privados. Crear unha axenda deportiva colaborativa dixital a semellanza doutras iniciativas existentes en eidos como o cultural.

sp33. Contar coa participación de entidades que poden achegar coñecementos e persoal cualificado. Convenios de colaboración coa Universidade de Vigo e os seus diversos grupos de investigación na materia.

sp34. Dotación de infraestruturas (duchas, fontes, máquinas de exercicios…) e medios humanos (monitorado) nas zonas verdes (parques, paseo do río, sendeiros…), para fomentar o deporte encamiñando as nosas zonas verdes cara o concepto de parques biosaudables.

sp35. Crear un servizo deportivo de proximidade a través da recuperación dos camiños tradicionais. Integrar os camiños tradicionais e as rutas de sendeirismo deseñadas dende Turismo de Ourense, creando unha rede de rutas homologada federativamente, sinalizada e ordenada por dificultade e distancia. Converter esta rede de camiños tradicionais e rutas de sendeirismo en sendas intelixentes a través das ferramentas dixitais dispostas na rede a custo cero (wikiloc, google maps, openstreetmap…) creando unha guía dixital verde da cidade.

sp36. Auditoría do estado das instalacións e dos servizos deportivos partindo da catalogación realizada polo Consejo Superior de Deportes. Creación dunha proposta de inversións apoiada na auditoría previa.

sp37. Programa de retorno social dos patrocinios do Concello a equipos profesionais ou/e semiprofesionais. Programa de retorno social das axudas deportivas do Concello, a través dun Banco de Tempo específico e interasociativo.

sp38. Renegociar as cláusulas de cesión dos espazos deportivos públicos de Oira e Eiroás.

sp39. Buscarase situar as iniciativas propostas nas liñas de financiamento europeo de saúde, turismo, cultura, cidadanía e deporte. Con especial atención naquelas que, como Europe for Citizens, permitan integrar iniciativa pública e particular en partenariados locais.

 > Volver o programa participativo

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>