XESTIÓN MUNICIPAL

Responsibilidade e dilixencia.

Cremos que os concellos poden e deben recuperar e facer efectiva a súa vontade de ser a Casa de todas, para iso é necesario volver a establecer un pacto de confianza e traballo conxunto coa cidadanía, devolver a ilusión perdida. E o único xeito de facelo é traballar máis e mellor.

Queremos un Concello que funcione; que sexa quen de dar resposta ás demandas e necesidades das súas veciñas. Un Concello das persoas, non das empresas. É preciso camiñar na recuperación da xestión directa dos servizos esencias para a cidade, garantido o cumprimento estrito dos contratos vixentes e estudando estratexias de remunicipalización e mancomunización naquelas áreas nas que sexa posible.

Un Concello no que os recursos se manexen con responsabilidade e sentido común. No que o seu cadro de persoal poida traballar de xeito cómodo e eficaz, baixo uns criterios claros de organización e distribución de tarefas. Un servizo público áxil, moderno, humano e eficaz. Que sexa digno de se chamar así.

Propostas Xestión Municipal

rec1. Plan de Avaliación e Mellora da Xestión Municipal. Realización dunha avaliación da xestión e funcionamento do Concello e os seus organismos dependentes, coa participación dos empregados públicos, a cidadanía e equipo técnico, para deseñar e implementar actuacións de reorganización de servizos, dimensionamento axeitado de áreas, mellora e axilización de procedementos e capacitación do persoal. Aplicacaranse criterios de calidade, eficiencia, eficacia, capacidade, racionalidade e coherencia que doten á institución dun modelo de funcionamento óptimo para cumprir co obxectivo de dar o mellor servizo posible á cidade.

rec2. Programa de formación do persoal municipal. Detección de necesidades formativas do persoal do Concello e establecemento dun programa formativo personalizado para a mellora da adaptación e capacitación dos profesionais no cumprimento das súas funcións.

rec3. Elaboración dunha Carta de Servizos Municipais. Este documento programa debe incluír a definición e concreción da oferta de servizos do Concello, a articulación de criterios de prestación (transparencia, información, racionalización, simplificación, accesibilidade e automatización) e obxectivos sinalados que permitan a súa avaliación para a realización de accións de mellora e adaptación continua.

rec4. Adaptación dos horarios dos servizos municipais de atención e participación cidadá, centros culturais e sociais, oficinas de turismo, atención a persoas con necesidades específicas e outros relacionados ás demandas, necesidades e dispoñibilidade da cidadanía para mellorar a súa cobertura.

rec5. Impulso da administración electrónica, que permita a realización de trámites administrativos a través de internet por parte da cidadanía, co obxectivo último de que todas as xestións municipais poidan realizarse a distancia, sen limitación ou empeoramento dos servizos presenciais.

rec6. Implantación de software libre nos equipamentos informáticos do Concello e entidades dependentes. Substitución de programas comerciais, que supoñen un custo en materia de licenzas e limitan a accesibilidade, por programas libres e de código aberto que fomentan un modelo de cooperación non mercantilizado.

rec7. Proxecto “Portelo Único Empresarial”. Negociación con outras administracións para centralizar, nunha mesma localización, todos os servizos relacionados con trámites administrativos por parte de empresas e autónomos (apertura, licenzas, etc…).

rec8. Xestión municipal de servizos públicos. A xestión dos servizos públicos de competencia municipal realizaranse de xeito directo polo Concello ou as súas empresas públicas sempre que haxa capacidade para iso, permitindo así o abaratamento e maior eficacia na prestación do servizo, unha mellora na súa calidade e nivel de cobertura e un maior control e participación social na súa xestión.

rec9. Remunicipalización de servizos públicos privatizados. Recuperación paulatina, previo estudo de viabilidade, das actuais concesións de servizos a empresas privadas, evitando as novas licitacións e prórrogas de servizos cuxos prazos de concesión vaian finalizando. Aplicación dun sistema de control e fiscalización do cumprimento de contratos por estas empresas.

rec10. Programa de descentralización e participación en servizos públicos. Implementación de medidas tendentes á descentralización dos servizos aos barrios para mellorar o seu nivel de cobertura, promovendo o control e a participación na súa xestión por parte da veciñanza e os propios traballadores.

rec11. Promoción de fórmulas de cooperación interterritorial. Impulso á integración do Concello de Ourense en Mancomunidades de municipios e Consorcios Públicos, que permitan tender cara modelos de colaboración e racionalización de recursos en ámbitos coma o do transporte, a xestión de residuos, o saneamento e a depuración de augas, ou outros servizos básicos de interese xeral.

rec12. Logo unico del Concello: Cumprimento estrico das recomendacións do vixente Manual de Identidade corporativa municipal, co obxectivo de limitar as prácticas de competitividade entre áreas, fomentar a colaboración interna e transmitir unha imaxe clara e facilmente identificable da institución.

rec13. Coordinadora técnica de áreas municipais, que garanta o máximo aproveitamento de esforzos e recursos, evite as duplicidades e solapamentos, fomente a cooperación entre áreas e garanta a aplicación de medidas e principios transversais na xestión municipal.

rec14. Elaboración dun Código Ético de obrigado cumprimento polo equipo de goberno, concellerías e persoal municipal, que garanta uns comportamentos e prácticas éticas e responsables, integrando o respecto ás persoas e colectivos, a non discriminación, a perspectiva de xénero e a atención ao ben común por encima de intereses particulares.

ECONOMÍA E FACENDA

Fiscalidade xusta e autonomía financiera.
O debate do financiamento municipal nunca deixa de ser protagonista; só acadando a suficiencia e a estabilidade financeiras pode un Concello actuar como servizo público, asegurando, de forma rápida e directa, a vida digna das persoas que nel residen.

En OueC rebelámonos contra o sometemento da facenda local ao negocio bancario. Un Concello debe atender á cidadanía, non financiar débedas alleas. Faise necesaria unha reforma estrutural que garanta a autonomía económica e camiñe cara un financiamento máis ético e sustentable, reclamando mecanismos de crédito xustos e desenvolvendo unha política fiscal progresiva e equitativa. Que acheguen máis os que máis teñen. Que se prime o social fronte ao suntuario. A redistribución efectiva da riqueza é o primeiro chanzo para o cambio cara un modelo económico máis xusto e solidario.

Propostas Economía e Facenda

rec15. Inclusión de criterios sociais e ambientais nos concursos e licitacións públicas, baixo o modelo de “compra pública ética”. Tanto os concursos de adxudicacións de axudas e subvencións, coma as cesións administrativas e os pregos de cláusulas administrativas e técnicas que rexan concursos e contratos de provisións e servizos, incluirán nos seus baremos criterios de selección que primen a observación e aplicación por parte das entidades licitantes dos principios de cooperación, políticas de igualdade de xénero, inserción de colectivos obxecto de discriminación, condicións laborais axeitadas para os seus traballadores e outras cláusulas sociais e ambientais, tales como a de Compra Pública Responsable (CPR).

rec16. Eliminación de baixadas temerarias en licitacións públicas. Estableceranse nos pregos salvagardas pertinentes para evitar a práctica de baixadas temerarias nos orzamentos das ofertas que poidan redundar na perda de calidade ostensible das provisións e servizos, ou ben na degradación das condicións laborais dos traballadores destas entidades.

rec17. Máxima publicidade de concursos e contratos. Atendendo ao principio de transparencia, ofrecerase información pública suficiente dos procedementos e criterios de selección en todas as licitacións e contratacións, independentemente do seu importe e modalidade administrativa de contratación.

rec18. Réxime aberto e participativo de axudas e subvencións. Todos os procesos de concesión de axudas e subvencións realizaranse en réxime aberto de libre competencia, evitando as concesións “nominais”, excepto naqueles casos de especial interese, urxencia social ou ambiental.

rec19. Inclusión da perspectiva de xénero nos orzamentos municipais. Incluír nos orzamentos dos plans municipais un estudo desde a perspectiva de xénero que informe sobre alternativas nas actuacións, custos do seu financiamento e consecuencias da súa aplicación.

rec20. Elaboración dun catálogo de actividades de especial impacto social e ambiental que deban ser obxecto de apoio por medio de axudas e subvencións públicas, ou ben de exencións fiscais, e daquelas que deban ser penalizadas por medio de taxas e impostos especiais, en relación ao seu resultado positivo ou negativo sobre o ben común.

rec21. Reforma da fiscalidade municipal. Adecuación dos impostos, taxas e prezos municipais aos principiosde universalidade, xustiza, igualdade, progresividade e suficiencia. Operando baixo o principio de que achegue máis quen máis ten, implementando exencións, minoracións ou bonificacións no pago de impostos, taxas e prezos públicos a aquelas persoas e familias en situacións críticas, e entendendo que o sistema tributario debe xestionar uns ingresos suficientes para garantir o cumprimento dos dereitos cidadáns e a cobertura das súas necesidades.

rec22. Aplicación de contribucións especiais aos particulares e empresas que se beneficien de novas obras ou servizos que non sexan de prestación obrigatoria ou non atendan a necesidades sociais básicas ou que a cidadanía entenda que non son de carácter universal. A aplicación destas contribucións terá un carácter de progresividade, de acordo coa capacidade económica e o nivel de beneficio que reporten a cada suxeito pasivo.

rec23. Universalización do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI). Cobro destes impostos a todos os inmobles do termo municipal que non teñan unha función pública.

rec24. Área de fondos europeos e axudas públicas. Centralización nun servizo municipal das tarefas de prospección e captación de fondos europeos e de fondos provenientes doutras administracións e organizacións, así como das funcións de información á cidadanía neste ámbito.

rec25. Financiamento ético e responsable. O Concello utilizará de maneira preferente servizos bancarios e financeiros relacionados coa banca ética, as cooperativas de crédito, a banca pública e aquelas iniciativas bancarias e financeiras que se guíen por uns criterios de responsabilidade social e ambiental. Non marco das súas competencias, o Concello de Ourense estudará a posibilidade de crear unha caixa pública ou participar da Caixa Rural Galega.

rec26. Posicionamento e negociación con outras administracións para a distribución xusta de recursos. O Concello de Ourense apostará firmemente pola negociación con outras administracións para a consecución de recursos económicos suficientes baixo criterios de xustiza e equidade. Concretamente, demandarase a determinación de criterios obxectivos para que o Concello perciba os recursos que lle correspondan daqueles que hoxe recibe a Deputación de Ourense.

Solicitarase a reforma da Lei da Administración Local de Galicia para que inclúa o establecemento de créditos prioritarios en relación a aqueles destinados a sufragar as competencias transferidas ou delegadas aos Concellos, así coma os gastos comprometidos con estes mediante convenios ou por calquera outra fórmula.

Declararase a oposición á reforma do artigo 135 da Constitución Española, das leis de Estabilidade Orzamentaria e a reforma da Administración Local, que menoscaban a capacidade dos concellos na consecución da mellora do nivel de vida dos municipios e a súa poboación, así como a capacidade da propia cidadanía de controlar e participar na cousa pública.

 > Volver o programa participativo

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>