participacioetransparencia

PARTICIPACIÓN

Directa, progresiva e permanente.

Cada día as persoas tomamos decisións das que depende a nosa vida: no persoal, no social, no laboral… En que momento se nos fixo crer que non podiamos elixir tamén no político? A democracia non é o voto illado cada catro anos, senón o reto de poñernos de acordo no que verdadeiramente importa.

Para OueC a participación é poder. Somos persoas decidindo sobre asuntos que nos afectan directamente. Estamos convencidas de que só involucrando á cidadanía na política municipal e favorecendo a co-xestión conseguiremos que algo mude. Non é un camiño fácil, pero si o único, e para transitalo xuntos faremos da Participación Cidadá o eixo da política local cunha folla de ruta ben definida: aprendizaxe, espazos para o diálogo, ferramentas de decisión, garantía de acceso a información.

Sabemos do que falamos. OueC é froito directo da participación real de persoas libres e comprometidas.

Propostas Participación

pt1. Consellos da cidadanía. Activación de espazos de participación da veciñanza en forma de Consellos territoriais e sectoriais, para detectar necesidades, canalizar demandas, facer propostas, e impulsar e desenvolver actuacións no municipio.

pt2. Concellería de Participación e Transparencia. Con recursos e competencias suficientes para implementar consultas á poboación en temas de interese xeral (orzamentos, obras e infraestruturas, servizos…), facer efectiva a participación cidadá (información e debate, toma de decisións, xestión colaborativa..), velar pola transparencia na xestión municipal, tramitar as demandas, propostas, queixas e reclamacións da cidadanía ou avaliar a aplicación de códigos de transparencia e participación, entre outras.

pt3. Estatuto de participación cidadá. Revisión e emenda do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ourense vixente ata a data, para que integre tanto os mecanismos institucionais de participación cidadá como aqueles de control social da xestión pública e os bens públicos, incluíndo os procesos de revogación de cargos e revogación de decisións dos órganos de goberno por parte da cidadanía.

pt4. Dosier de ferramentas de participación. De cara á difusión entre a poboación dos mecanismos postos en marcha, elaborarase un documento informativo que será difundido por diversas canles (folletos, web municipal…).

pt5. Co-xestión de servizos e equipamentos públicos. Deseño e establecemento de mecanismos de xestión colaborativa, que permita a participación da cidadanía e das persoas que traballan nos procesos de toma de decisións, así como na xestión e desempeño destes servizos e equipamentos.

pt6. Rede de centros sociais autoxestionados. Recuperación de espazos e equipamentos públicos que se atopan en desuso ou infrautilizados para a súa cesión á cidadanía, asociacións e colectivos sociais, baixo os modelos de autoxestión e co-xestión. A rede terá presenza nos diferentes barrios da cidade, para o desenvolvemento de actividades sociais e culturais.

pt7. Promoción dunha rede de asociacións independentes. Impulso á participación cidadá no tecido asociativo, e á colaboración entre o tecido asociativo para facilitar o intercambio de coñecementos e experiencias, así como o desenvolvemento conxunto de proxectos de interese social. Mapa de asociacións e proxectos na web municipal.

pt8. Pedagoxía para a participación. Realización de encontros, foros, xornadas, cursos formativos e outras accións de sensibilización e información para o empoderamento cidadán e o fortalecemento das dinámicas de participación.

pt9. Medios de comunicación da cidadanía. Medidas para promover a información independente, así como o cumprimento do dereito constitucional de acceso dos colectivos sociais aos medios de comunicación.

pt10. Concelleira no28 nos Plenos municipais: a cidadanía. Articular un regulamento que reserve un espazo de tempo en cada pleno para a presentación de demandas e propostas por parte de representantes dos Consellos participativos, o tecido asociativo local ou, no seu caso, de cidadás a nivel particular.

pt11. Orzamentos participativos. Reservar unha parte dos orzamentos municipais anuais para o financiamento de proxectos que sexan propostos e elixidos pola propia cidadanía. Para iso establecerase un regulamento que rexa as diferentes fases de acción: presentación de propostas, debate, emendas, definición de criterios de selección, selección de proxectos a financiar, formas de xestión, seguimento e control dos proxectos en execución.

pt12. Web municipal interactiva para a participación cidadá, mediante a realización de consultas e a recolleita de demandas e propostas.

pt13. Universidade e Concello. Fomento da participación do estudantado e profesorado universitario en programas e proxectos públicos e sociais.

pt14. Plan de pulo ao asociacionismo veciñal. Dinamización e promoción da figura das Asociacións de Veciñanza, con medidas en varios ámbitos: reorganización do tecido asociativo; promoción de fórmulas cooperativas na xestión de servizos á comunidade; creación dun Consello territorial de AAVV; establecemento de procedementos para solicitar informes periódicos de necesidades de cada barrio; creación de procedementos e canles para que as AAVV reciban información completa, accesible, manexable e actualizada sobre todos aqueles plans, proxectos, obras ou medidas que afecten de xeito específico aos seus barrios.

pt15. Plan de cooperación ao desenvolvemento. Creación de espazos de participación real e efectiva da sociedade civil non deseño e posta en marcha das políticas de cooperación ao desenvolvemento. Creación de mecanismos de información, transparencia e rendición de contas axeitadas. Garantir dotacións orzamentarias suficientes para ou desenvolvemento das políticas municipais de cooperación ao desenvolvemento.

TRANSPARENCIA

As contas claras.

Lamentablemente aínda non estamos inmunizadas contra a corrupción, ao seu carón van as promesas incumpridas, os investimentos absurdos, derramar os recursos, a mala xestión.

Os concellos, como a administración máis próxima á cidadanía, teñen as ferramentas para garantir o acceso das persoas á información completa sobre a súa actividade. Só se precisa dun compromiso firme e rotundo que as poña a funcionar. Xogámonos a confianza da cidadanía e o cumprimento dos fins de servizo público. A gobernanza local non só debe ser legal, tamén ten que ser ética.

OueC aposta pola transparencia na administración e máis en todos os órganos autónomos nos que esta participe. Publicación e comunicación das contas, débedas, contratos e adxudicacións, pero tamén das axendas, dos acordos, os procedementos e os criterios de valoración… Unha comunicación real, asegurando que a información sexa veraz, exacta, accesible, manexable, gratuíta e actualizada.

Unha cidadanía vixiante é o mellor aval de democracia.

Propostas Transparencia

pt16. Auditoría das contas e contratos municipais con participación cidadá. Proceso de auditoría de contas, contratos, adxudicacións e débeda do Concello e os seus organismos dependentes, que determine o seguimento da legalidade nas operacións e prácticas, así coma o cumprimento dos fins últimos de servizo público. Determinación de responsabilidades administrativas, civís ou penais naqueles casos nos que se detecten irregularidades.

pt17. Implantación dun código de transparencia municipal vinculante para o equipo de goberno e a xestión municipal, que incluirá os compromisos con relación á transparencia dos cargos públicos e persoal de libre designación, tales como a publicación de axendas de traballo, actas de reunións, declaracións de bens, rendas e patrimonio, ingresos por dietas e outras compensacións, e criterios de contratación do persoal de confianza, entre outros.

pt18. Constitución dun Observatorio Cidadán Anticorrupción, que servirá como ferramenta de control da xestión municipal e como centro de información veciñal. A dirección desta entidade corresponderá ao Consello da Cidade, no que participarán persoas a título individual e representantes do tecido asociativo. Terá potestade para solicitar información das diferentes áreas municipais, controlará o cumprimento de compromisos en materia de transparencia e rendición de contas por parte do Concello e os seus organismos dependentes, e realizará informes e propostas para o goberno municipal. Integrarase na rede do Observatorio Internacional de Democracia Participativa.

pt19. Portal de transparencia. A web municipal incluirá un apartado que ofreza información veraz, exacta, accesible, manexable e actualizada de todos os orzamentos, gastos e balances, actas, protocolos, programas, axendas e planificacións temporais, ademais dos datos financeiros e tributarios de responsables da xestión pública ou de recursos de orixe ou interese público.

pt20. Transparencia de axudas e subvencións. Realizaranse labores de fiscalización, control e publicación de información relativa ao uso e destino daqueles fondos públicos dedicados á concesión de axudas e subvencións (a asociacións, empresas, ONG ́s, etc.).

pt21. Calendario de “encontros pola transparencia”. Establecerase un calendario, de obrigado cumprimento, de encontros periódicos de responsables políticos do Concello coa cidadanía, con obxecto de ofrecer información de primeira man, render contas da xestión, resolver dúbidas e queixas e solicitar demandas e propostas cidadás.

pt22. Os Plenos municipais e as Comisións informativas serán abertas ao público e serán ademais emitidas en directo por internet vía streaming, e os arquivos dos vídeos quedarán publicados, sendo accesibles a través de enlaces no Portal de transparencia.

 > Volver o programa participativo

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>