IGUALDADE DE XÉNERO

Falar en feminino.

O dereito á igualdade é unha condición previa fundamental da democracia. OueC asumiu a igualdade de xénero como elemento central da súa identidade e así o traslada ao Concello de Ourense. Porque séculos de loita social das mulleres non caeron en saco roto, pero continúa a darse unha violencia estrutural dunha metade da poboación contra a outra. Unha violencia que ignora, invisibiliza, silencia, coacciona e mata. 54 cidadás asasinadas en España en 2014.

A perspectiva de xénero ten que ser un eixo central das políticas públicas municipais, incorporándose ao urbanismo, ao deseño orzamentario, á organización laboral, aos procesos de toma de decisións, etc. Cómpre transformar a sociedade dos homes na sociedade das persoas e comezar a empoderarnos, todas e todos, como cidadás de pleno dereito. Comprometernos coas necesidades de coidado ao longo da vida e as capacidades reprodutivas para avanzar na emancipación real. E coa erradicación do machismo en todas as súas expresións. Tamén na linguaxe, xa que as palabras axudan a construír a realidade que desexamos.

Propostas Igualdade de xénero

ig1. Atender e facer cumprir a normativa vixente en materia de orzamentos con perspectiva de xénero.

ig2. Incorporar a perspectiva de xénero como criterio de selección de contratos e subvencións municipais, introducindo estes baremos nas cláusulas dos pregos de condicións técnicas dos concursos de adxudicación.

ig3. Potenciar o Consello Municipal da Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes.

ig4. Aumentar os recursos destinados a previr e intervir en violencia de xénero, garantindo ás mulleres, así como ás persoas dependentes delas (maiores e/ou menores), unha atención integral, recursos e servizos de calidade para promoción da súa autonomía económica a través de plans de (re)incorporación laboral e/ou de prestacións dignas.

ig5. Formación obrigatoria en materia de igualdade de xénero de todo o persoal técnico municipal e de organismos relacionados, así como de cargos públicos.

ig6. Creación no Concello dunha Comisión Permanente Interáreas pola Igualdade, integrada na Coordinadora Técnica, que garanta a observación e aplicación da perspectiva de xénero e das políticas de igualdade en todas as prácticas, programas e actuacións que desenvolva o Concello.

ig7. Prácticas de goberno en horizontalidade. Substituír as relacións asimétricas de poder, de corte patriarcal, por outras de tipo simétrico ou horizontais, tanto non traballo de representantes institucionais e do grupo de goberno entre si, como nas establecidas coas persoas traballadoras municipais e coa cidadanía en xeral.

ig8. Dotación de recursos humanos suficientes ao CIM. Aumentar o persoal especializado nas áreas de psicoloxía, traballo social e axentes de igualdade.

ig9. Estudo da viabilidade para a remunicipalización do servizo da Casa de Acollida de Mulleres en situación de violencia de xénero.

ig10. Fomento activo do asociacionismo e o cooperativismo entre as mulleres.

ig11. Plan de fomento da economía de coidados. Posta en marcha de servizos públicos suficientes e de calidade para o coidado infantil, de persoas con diversidade funcional e de maiores. Valorización, desfeminización e profesionalización dos labores de coidados por medio da xeración de emprego público neste ámbito, apoiando e impulsando aquelas iniciativas de cooperativismo e economía social relacionadas e promovendo a formación de persoal nesta área.

ig12. Mesa de traballo sobre prostitución para identificar diferentes problemáticas e posturas e deseñar estratexias de actuación.

ig13. Programas de sensibilización e formación da cidadanía en igualdade de xénero, de corresponsabilidade de homes e mulleres nas tarefas de coidados e domésticas, o uso de permisos de paternidade e maternidade de xeito igualitario e intransferible, ou a detección e tratamento de actitudes, prácticas e comportamentos sexistas.

ig14. Accións de apoio a mulleres que desenvolven a súa actividade no ámbito cultural, no deporte feminino e outros eidos sociais, así como a súa visibilización. Implicación destas protagonistas en programas de sensibilización, formación e empoderamento feminino.

ig15. Programa de referentes. Realización de encontros, charlas e debates con mulleres referentes nos ámbitos cultural, social, deportivo, empresarial, político, etc.

ig16. Dotación de espazos, ferramentas e metodoloxías para a emancipación e o empoderamento. Impulso e apoio a iniciativas que incidan na integración da perspectiva de xénero e o desenvolvemento persoal da cidadanía.

ig17. Posta en marcha dun plan de programación de tempos na cidade. Baseado nos diagnósticos realizados ata a data, elaborar, mediante a participación activa da cidadanía e os axentes implicados, un plan para a adaptación de horarios de servizos públicos, transporte e servizos comerciais, así como deportivos, culturais e de lecer, que sirva a unha cobertura adecuada das necesidades da poboación e á conciliación da vida laboral, persoal e familiar.

ig18. Foro de mulleres traballadoras. Creación dun espazo de encontro para o intercambio de experiencias no ámbito laboral, que sirva como nodo de empoderamento e berce de proxectos colaborativos.

ig19. Campañas de sensibilización nos centros de traballo, para a difusión entre as traballadoras, traballadores e o empresariado, das medidas de conciliación da vida persoal e laboral, dos plans de igualdade na empresa, das prácticas de non discriminación en salarios e condicións laborais por motivo de xénero, e dos permisos de paternidade en relación á crianza, entre outras temáticas.

ig20. Introducir a perspectiva de xénero en todas as actividades a desenvolver desde os departamentos de Educación e Mocidade, incidindo na formación nas relacións afectivo-sexuais, a xestión das emocións e a resolución de conflitos interpersoais e familiares.

DIVERSIDADE

Encontro e convivencia.

Unha democracia plural é unha democracia vital e plena. A sociedade non é homoxénea, por moito que insistan en facérnolo crer. É responsabilidade das administracións asumir a diversidade que, de feito existe, e incorporala ao deseño das súas políticas, ou do contrario só estará a reproducir e fomentar desigualdades.

En OueC cremos que o Concello de Ourense, como cidade e como Administración, é o que debe adaptarse ás necesidades das persoas, e non a inversa. Cidadanía plena teñen todos os grupos: o colectivo LGBTI, as persoas con diversidade funcional, a infancia, a mocidade, a xente maior, as persoas migrantes, as que viron de fóra pero tamén as que marcharon. Cada un ten necesidades específicas, e a Corporación Local ten que traballar para satisfacelas.

Ourense pode ser moitos concellos nun; un verdadeiro espazo de encontro para a interculturalidade e a convivencia na diversidade. Defendemos unha cidade de dereitos humanos, respectuoso coas identidades e que abraza as diferenzas.

Propostas Diversidade

ig21. Programa de asistencia xuvenil. A través dos distintos servizos municipais desenvolveranse ferramentas e materiais específicos para a información, o asesoramento e a atención ás necesidades da mocidade, especialmente nos ámbitos da formación, o emprendemento, o asociacionismo, o emprego, o deporte, a cultura e a vivenda.

ig22. Recuperación da dinámica e filosofía participativa e a autoxestión que caracterizou ou funcionamento da Casa da Xuventude.

ig23. Activación do Consello da Mocidade coa participación das asociacións e colectivos xuvenís, para a identificación de necesidades, a planificación de accións e campañas, a participación e co-xestión en programas municipais ou a coordinación e dinamización de espazos xuvenís.

ig24. Centros xuvenís autoxestionados. Cesión de espazos á mocidade nos diferentes barrios, que se constituirán como lugares de encontro e de promoción da participación e a cooperación en actividades sociais, culturais, deportivas e formativas.

ig25. Deseño dun programa de lecer alternativo. Promoción de actividades de lecer como alternativa ao consumismo, que teñan como obxectivo fomentar a participación e interrelación entre a xente nova.

ig26. Promover a participación dos nosos maiores mediante a realización de actividades de transferencia de coñecementos e experiencias (vídeo documentais, recompilacións, encontros interxeracionais…) e a cooperación en proxectos comunitarios (ludotecas, bancos de alimentos, actividades culturais…).

ig27. Propiciar a plena participación dos maiores na vida pública de Ourense a través da constitución do Consello de Maiores.

ig28. Aplicación de medidas suficientes en todas as áreas de xestión municipal para cumprir os criterios de entrada de Ourense no rexistro de Cidades amigas da infancia de UNICEF, e na Rede de cidades amigas de persoas maiores promovida pola OMS.

ig29. Promoción activa da inclusión social, cultural e laboral de persoas con diversidade funcional.

ig30. Colaboración co asociacionismo, ONG ́s e centros educativos na visibilización dos colectivos de GLBTI.

ig31. Adaptación de espazos, infraestruturas e equipamentos para garantir a súa accesibilidade e uso normalizado por parte de todas as persoas.

ig32. Impulso á constitución do Consello pola Diversidade, no que participen asociacións, colectivos e persoas relacionadas coas diferentes culturas que conviven na cidade e entorno. O seu obxectivo principal será o de detección de necesidades específicas e o deseño de plans de actuación para desenvolver de xeito colaborativo co Concello.

ig33. Fomento do voluntariado lingüístico dende o Concello para que as persoas recentemente chegadas poidan aprender a nosa lingua e facilitar as relacións persoais entre a poboación inmigrante e a poboación natural de Ourense.

ig34. Posta en marcha de “encontros pola diversidade”, actividades para o coñecemento e o intercambio entre as diferentes culturas que conviven en Ourense.

ig35. Desenvolvemento de accións políticas para a Igualdade de trato e a non discriminación, como instrumento de promoción do respecto e a boa convivencia entre a veciñanza.

 > Volver o programa participativo

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>