ACTIVIDADE ECONÓMICA

Unha economía do bo vivir.

Garantir a vida digna das persoas esixe que os concellos activen o territorio e poñan a funcionar as capacidades produtivas propias. A clave está na resilencia. Só aproveitando os recursos que xa temos e protexendo o medio pode unha poboación resistir os ataques externos.

O desenvolvemento que queremos para Ourense terá que ter un pé na terra e outro nas persoas. A cidade que foi eixo de comunicacións dunha potente economía rural non hai tanto, aínda pode recuperar a produción agroalimentaria e reconciliarse coa provincia. Patrimonio, cultura, termalismo e saúde poden ser aliados para consolidar un turismo de calidade. E a recuperación do téxtil ou o desenvolvemento do sector forestal supoñen aproveitar uns recursos e potencialidades até o momento abandonados.

Para avanzar é necesario que a Administración promova un cambio de cultura empresarial que prime a innovación, e no que se favoreza a cooperación fronte a competencia: entre empresas, entre o público e o privado e cos centros de formación e investigación. Fomento da economía e o comercio local, e apoio aos seus sustentadores: pemes e autónomos.

Propostas Actividade Económica

ds1. Plans de desenvolvemento sectoriais. Programas específicos de desenvolvemento dos diferentes sectores de actividade considerados estratéxicos: agroalimentación, téxtil, termalismo, turismo, saúde, forestal, enerxías renovables, loxística, transporte e industrias culturais e creativas. Estes plans poderán incluír actuacións en todos os ámbitos de interese: infraestruturas, equipamentos, promoción, formación, sensibilización, etc.

ds2. Impulso de clústers sectoriais: alianzas estratéxicas nos diferentes sectores entre todos os axentes implicados (empresas, centros de investigación, Universidade, administracións públicas, persoal técnico…), a través de grupos de colaboración que sirvan para delimitar e poñer en marcha plans de actuación.

ds3. Plan de Adaptación e Accesibilidade de Zonas Industriais. Realización dun estudo de necesidades das áreas industriais do municipio e zonas anexas, para a súa modernización e adaptación a novos desenvolvementos potenciais.

ds4. Plan de Ordenación Forestal, que se estableza como guieiro dos aproveitamentos económicos do monte, baseados na sustentabilidade e a multifuncionalidade (explotación de froitos do bosque, micoloxía, madeira, biomasa, turismo, deporte, educación, ademais das propias do mantemento e conservación de áreas naturais).

ds5. Creación dunha Sociedade Mercantil Pública de Augas Termais de Ourense. Encargada da planificación, xestión e promoción dos recursos termais do municipio, garantindo que estes sexan patrimonio público. Proporase un Programa de desenvolvemento elaborado de xeito participativo cos axentes implicados e a cidadanía, que permita realizar un aproveitamento sustentable que redunde en beneficio do municipio e en novas vías de financiamento para as arcas públicas.

ds6. Plan de Revitalización de Áreas Comerciais. Estudo, elaboración e implementación dun plan estratéxico que atenda á revitalización de prazas de abasto, mercados, galerías e áreas comerciais nos distintos barrios da cidade. Apoio á normalización, desenvolvemento e regularización do comercio ambulante.

ds7. Plan de Apoio ao Comercio e Produtos Locais. Con medidas que atendan a garantir a calidade das producións (formación, titorías, asesoramento, visitas a proxectos modelo), e á sensibilización da poboación por medio de accións de promoción (creación dunha marca de calidade propia de Ourense, feiras, mostras, talleres, publicidade…).

ds8. Apoio a pemes e autónomos. Rearticulación dos servizos de apoio xestionados transversalmente por diferentes administracións e dotación de recursos para a súa integración nun programa completo de medidas que atenda á situación e necesidades concretas destas empresas.

ds9. Apoio a cooperativas e empresas de economía social. Accións específicas e introdución de criterios de priorización nos concursos públicos a realizar. Incidirase especialmente no desenvolvemento destas iniciativas nos ámbitos do coidado de persoas dependentes e do medio (natural e patrimonial), da educación e a cultura.

ds10. Promoción do comercio xusto e o consumo responsable. Aposta polas prácticas de comercio xusto e consumo responsable tanto a nivel social como das propias institucións, por medio de campañas de información e sensibilización, prácticas de “etiquetaxe social”, feiras e encontros, entre outras, ademais de adaptar os pregos contractuais cos provedores do Concello.

ds11. Cláusula de cooperación empresarial en todos os programas e plans de acción municipais, na que se sinale que as empresas beneficiarias asumen unha serie de compromisos, relacionados coa mellora das condicións laborais dos seus empregados, a introdución de plans de igualdade e de criterios de Responsabilidade Social Corporativa, a eficiencia enerxética, a redución de residuos, a creación de novos postos de traballo, as titorías para emprendedoras, ou outras accións específicas que redunden en beneficio da comunidade.

ds12. Programas de cooperación interterritorial con axentes do resto da provincias galegas e do norte de Portugal, para o desenvolvemento da actividade económica.

ds13. Rede exterior de axentes, apoiando aos emigrantes ourensáns para o impulso da comercialización de produtos locais noutras provincias e no estranxeiro.

SOBERANÍA ALIMENTARIA

Somos o que comemos.

As políticas alimentarias apenas tiveron oco nos programas electorais. Sorprende que nunca se levase ao debate público o que comemos cada día. O control sobre a produción e consumo de alimentos non só é garantía de saúde: ten consecuencias no medio e na economía.

Cunha gran superficie de chan municipal aínda verde e rural, Ourense é un concello privilexiado para construír a súa soberanía alimentaria. Aínda existe cultura do alimento de proximidade, e prácticas comerciais, coma o rianxo, que son parte indiscutible do noso patrimonio inmaterial.

Incentivar a produción local e promover redes curtas de distribución fronte ao consumo masivo de importacións non só é coherente con este legado, senón que fortalece a economía local, crea emprego e conserva a paisaxe e a biodiversidade.

Mudar hábitos para mudar a realidade. En OueC demandamos para Ourense un sistema propio de produción e consumo agroecolóxico e de proximidade, libre de transxénicos e rico en oportunidades para o noso perímetro rural.

Propostas Soberanía Alimentaria

ds14. Incentivar a produción de alimentos tanto de xeito profesional como para consumo propio. Que tendan a garantir a calidade de vida, a evitar o abandono rural da periferia municipal, e a conservar a cultura agraria e a súa transmisión xeracional.

ds15. Recuperar espazos para o cultivo a través dunha bolsa de hortas que permita rescatar a terra fértil sen cultivar, para que persoas dispostas a traballar esas terras poidan producir os seus alimentos. Desenvolver un plan formativo de hortos urbanos e agricultura familiar.

ds16. Protexer as terras agrarias de procesos urbanísticos, e coidar os usos e bens comunais dos municipios (terra, auga, sementes e culturas orixinarias).

ds17. Impulsar dende o Concello as redes curtas de comercialización e os grupos de consumo. Fomentar espazos de venda de produtos locais ou de venda directa nos mercados da cidade. Orientar o uso das prazas de abastos do Centro e da Ponte como espazos de comercialización de venda de produtos caseiros e de kilómetro cero a través de ciclos curtos de comercialización e primando aos produtores locais.

ds18. Realizar feiras de produtos agroecolóxicos con vocación de convertelas nun mercado permanente.

ds19. Estudo de viabilidade para a realización dunha feira internacional de produtos agroecolóxicos, de carácter periódico.

ds20. Declarar o concello “zona libre de transxénicos”, facendo as xestións oportunas para evitar o seu cultivo e consumo.

XESTIÓN DE RESIDUOS

Reducir, descentralizar, compostar.

A xestión do lixo é unha das competencias ambientais de maior impacto nun Concello e máis susceptible de xestión directa. Non obstante, á área continúa a estar en mans privadas, pagar e esquecer o problema. Ata que se converte en algo insostible. O modelo imperante de SOGAMA, no que se sacrificou o aproveitamento de residuos a prol dunha incineradora supostamente encamiñada á recuperación enerxética, amosou non dar solucións. Medra o impacto ambiental como medra cada ano o canon a uns concellos que renunciaron ao control dos seus residuos.

É posible recobrar progresivamente as competencias na xestión do lixo comezando polas estratexias de recollida: sistema de retorno de envases e recollida selectiva en orixe. A recuperación da planta de compostaxe municipal pode dar solución ao lixo orgánico, o que máis pesa na nosa bolsa. E hai que actuar na orixe do problema, concienciando na redución de residuos e a reutilización. Comprometernos co obxectivo “residuos cero”.

Propostas Xestión de Residuos

ds21. Implantar medidas que incentiven a redución, a reutilización e a reciclaxe de residuos, por esta orde, tal como marca a directiva europea perseguindo o obxectivo “residuos cero”.

ds22. Favorecer a xestión de residuos, dentro das competencias municipais, mediante un cambio progresivo cara unha recollida selectiva que integre sistemas de depósito devolución e retorno (SDDR) e recollida porta a porta 4R (orgánica, vidro, papel, envases lixeiros non incluídos no SDDR).

ds23. Impulsar a recollida separada da materia orgánica implantando progresivamente plans de compostaxe municipais que impliquen diferentes niveis (individual, colectivo, municipal e mancomunado).

ds24. Recuperar e poñer en valor a planta de compostaxe municipal.

ds25. Planificar o abandono progresivo de SOGAMA e rexeitar todo proxecto de eliminación posible.

ds26. Prolongar a reutilización dos produtos, facendo unha recollida eficaz de voluminosos, que permita a súa recuperación e que responsabilice ás empresas produtoras da xestión de residuos, por exemplo baterías, neumáticos ou lámpadas.

ds27. Adaptación dos puntos limpos para que funcionen como centros de asesoramento, educación e prevención sobre residuos.

ds28. Favorecer a creación de empresas que recollan, reparen e/ou restauren mobles, electrodomésticos e outros aparellos eléctricos e electrónicos.

ds29. Incentivar ás empresas para o ecodeseño e a diminución dos envases de difícil separación.

ds30. Substituír os sistemas dun só uso na administración publica, tendo que ser esta exemplar no obxectivo perseguido de “residuos cero”.

ds31. Apostar polo mantemento da xestión pública e directa ou remunicipalización dos servizos de recollida de lixo, limpeza viaria, e parques e xardíns.

ds32. Articular programas de educación ambiental nesta materia que axuden á cidadanía a reflexionar no consumo e reducir os residuos, reutilizar naqueles casos que sexa posible, e reciclar adecuadamente aquilo que non se puido reutilizar.

ds33. Defensa decidida por un Ourense libre de contaminación aplicando o principio de “quen contamina paga”: reclamación de competencias e medios municipais para reducir a contaminación atmosférica, acústica, electromagnética, do chan e auga superficial e subterránea, con medidas restritivas e rigorosos controis. Redución do uso e a exposición a substancias químicas perigosas en todos os espazos do municipio, mediante controis e información accesible ao público. Creación dun rexistro de instalacións contaminadas e/ou contaminantes para a súa xestión. Proposta acompañada do paulatino desmantelamento e eliminación do foco de contaminación (tellados con amianto, etc.). Elaboración dun Mapa de Ruídos e un Plan de Acción contra a contaminación acústica para gozar de espazos e unha cidade silenciosos. Aplicación do principio de precaución no tocante aos límites de exposición aos campos electromagnéticos.

AUGA

Sen auga non hai vida.

Desde a Nova Cultura da Auga, entendemos este recurso como ben finito indispensable para a vida que precisa ser xestionado con eficiencia e solidariedade. Garantir o acceso universal á auga como dereito básico humano obríganos a posicionarnos fronte a mercantilización da que vén sendo obxecto nos últimos anos, con incremento nas tarifas, falta de responsabilidade no impacto ambiental, escandalosas marxes de beneficios e mesmo cortes na subministración.

Ao igual que outros servizos municipais básicos, OueC apela á remunicipalización da auga como garante de xestión responsable. Mentres non sexa posible, o Concello deberá protexer a titularidade pública do recurso, exercer unha vixilancia estrita e transparente da concesionaria e poñer o foco na demanda, garantindo unha dotación mínima e de calidade por persoa.

Coa construción da nova depuradora xa en marcha, velaremos por unha correcta execución con impacto ambiental mínimo. O noso compromiso coa auga o é tamén cos seus ecosistemas; en Ourense o dos ríos, auténticas arterias do territorio.

Propostas Auga

ds34. Asumir os principios da Nova Cultura da Auga. Manter unha postura firme contra os procesos de privatización da auga. Garantir o abastecemento e a calidade da auga potable como un dereito inalienable da cidadanía a través da xestión pública. Así como cumprir todas as transposicións da directiva marco da Auga.

ds35. Poñer en marcha Plans Integrais de Aforro de Auga e introducir políticas tarifarias que favorezan o aforro.

ds36. Garantir a xestión a boa execución na construción da nova depuradora da cidade.

ds37. Introducir sistemas de rego intelixentes en parques e xardíns públicos e favorecer a reutilización da auga.

ds38. Entender as augas pluviais e residuais como recursos susceptibles de ser tratados para a súa reutilización, reciclaxe ou reincorporación ao medio en condicións de calidade suficientes.

ds39. Implementar medidas de eficiencia enerxética na xestión da auga: (a) Optimización do consumo de bombeo na rede de distribución. (b) Bombeo durante excedentes de renovables e horas val. (c) Uso dos saltos de auga das instalacións de distribución para acumulación de enerxía dos excedentes renovables.

ds40. Tender a sistemas descentralizados e participativos na xestión da auga.

ds41. Elaborar plans efectivos para evitar a sobreexplotación dos acuíferos, as extraccións ilegais, as verteduras tóxicas nas canles fluviais e a contaminación das masas de auga en xeral.

ds42. Recuperar o valor ambiental e paisaxístico da rede fluvial, especialmente nos sectores onde aínda é fácil reconducir o proceso de integración dos ríos na contorna urbana.

ds43. Establecer plans de investigación, desenvolvemento e innovación do ciclo da auga mediante a colaboración coas universidades, colexios profesionais, expertos e organizacións sectoriais.

ENERXÍA

Pública, limpa e renovable.

O modelo enerxético actual xa non dá máis de si. Facturacións descontroladas e casos graves de pobreza enerxética en amplas capas da poboación, prácticas escuras na produción e distribución de enerxías e un impacto ambiental que medra a cada momento. No fondo, a desacougante sensación de saber que estamos a gastar algo que se acaba. Toca renovarse.

Considerando que a enerxía é un ben público e desde o compromiso cunha xestión responsable, OueC defende a intervención da Administración no mercado enerxético, establecendo medidas fiscais, elixindo provedores limpos e de proximidade e apostando sen ambaxes polas renovables. Fixámonos como obxectivo a redución progresiva do consumo enerxético municipal. Agora cada xesto conta.

Propostas Enerxía

ds44. Elaborar, a curto prazo, un Plan de Acción de Enerxía Sostible (PAES): diagnose enerxética, establecemento de indicadores e priorización de accións de nulo ou baixo investimento con maior potencial de aforro enerxético. O PAES incluirá todos os sectores do municipio, non só a Administración Local: ámbito urbano, mobilidade, instalacións municipais, sector doméstico, comercial, industrial e primario .

ds45. Contratar a enerxía eléctrica municipal con garantía de orixe 100% renovable unido á instalación de renovables en dependencias municipais.

ds46. Desenvolver campañas de sensibilización, formación e fomento da cultura enerxética en todos os ámbitos da cidade (cidadanía, comercio, industria, sector primario) mediante actos públicos, obradoiros, xornadas, cursos e congresos.

ds47. Promover a instalación de renovables e a rehabilitación enerxética.

ds48. Implementación de políticas municipais contra a pobreza enerxética.

ds49. Fomentar a participación cidadá na planificación dos servizos de alumado, e distribución de electricidade.

ds50. Promover plans de aforro e eficiencia enerxética. ds51. Favorecer e fomentar o autoconsumo e a contratación

de enerxía con cooperativas de enerxías renovables.

ds52. Promover sistemas de calefacción de distrito con fontes renovables e baseados en cooperativas de usuarios.

ds53. Auditorías aleatorias de cumprimento de normativa enerxética e ambiental.

ds54. Promover a contratación de provedores locais para reducir o transporte dos produtos.

ds55. Establecer medidas fiscais de fomento da eficiencia enerxética e as enerxías renovables: bonificacións en ordenanzas fiscais para proxectos de autoconsumo, rehabilitación enerxética, construción sostible, vehículos eléctricos, sistemas de xestión e agregación da demanda de transporte.

ds56. Adaptar o municipio ao pico do petróleo; traballando na xeración distribuída e redes eléctricas intelixentes de enerxías renovables, co obxectivo de conseguir a autosuficiencia enerxética.

ESPAZOS VERDES

Garantía dun futuro mellor.

No camiño da sustentabilidade, o único capaz de garantir o benestar das xeracións futuras, os concellos afrontan o reto de acadar un equilibrio real entre a pegada da acción humana e a presenza da natureza no territorio.

Urxe protexer, regulamento en man, os espazos naturais que aínda conservamos (bosques, ribeiras fluviais…) do urbanismo descontrolado. Ou mudar o concepto de zonas verdes urbanas, revalorizándoas como espazos de encontro social e co medio que fomenten modelos de ocio saudable. Ou mesmo recuperar para a cidadanía lugares que non se souberon incorporaron ao tecido urbano, coma son os camiños abandonados ou grandes áreas do anel rururbán.

Pero a estratexia non pode pasar só por actuar no territorio, cómpre avanzar tamén na transformación social. En OueC cremos na Educación Ambiental Permanente como poderosa ferramenta de cambio. Hai que educar no uso responsable dos recursos pero tamén no coñecemento da paisaxe e, sobre todo, no respecto aos seres vivos, condenando calquera clase de maltrato animal e preservando a biodiversidade.

Propostas Espazos Verdes

ds57. Promover, en zonas urbanizadas, hábitats adecuados para plantas e animais silvestres desenvolvendo Sistemas de infraestruturas verdes urbanas e Sistemas de infraestruturas azuis (cursos de auga), que favorezan as conexións entre os corredores ecolóxicos periféricos e melloren a resiliencia e biodiversidade do municipio.

ds58. Recuperar a rede de camiños públicos, un patrimonio que pertence ao conxunto da cidadanía e que crea emprego.

ds59. Xestionar as canles fluviais que atravesan o municipio de forma sostible e respectuosa co ecosistema de ribeira, localizando fontes de comtaminación e sancionando con medidas de compensación económica e social.

ds60. Desenvolver un modelo de xardinería adaptado ao clima e baseado nas especies autóctonas. Fomentar as zonas verdes no interior do núcleo urbano en consonancia coa actividade de cada barrio. Programa acompañado da retirada progresiva de árbores e prantas alérxicas dos xardíns e parques de titularidade municipal.

ds61. Fomentar o turismo verde sostible e regular o turismo masivo, establecendo medidas para garantir a convivencia e para protexer á cidadanía e á natureza fronte aos abusos.

ds62. Impedir o desenvolvemento especulativo e promover a rexeneración dos danos causados pola antropización sen mesura do territorio rural.

ds63. Realizar inventarios de flora e fauna e implantar medidas de protección para os elementos máis valiosos.

ds64. Limitar a expansión de especies exóticas invasoras coas medidas que en cada caso sexan oportunas.

ds65. Apoiar activamente ás asociacións e movementos sociais de protección do medio ambiente que incorporan a educación ambiental como elemento central no seu traballo.

ds66. Declarar o municipio “libre de maltrato animal”.

ds67. Facer da Aula de Natureza de Oira tamén un referente na educación ambiental continuada (educación para adultos).

ds68. Desenvolver e dotar de medios económicos e humanos á Axenda 21 local.

ds69. Loita contra a deforestación mediante a revisión e mellora de protocolos e servizos de prevención e extinción de incendios, reforestación urbana con especies autóctonas, incentivos para cubertas verdes ou activas, mantemento de montes próximos, potenciación de empresas que xestionen de forma sostible o bosque ou desenvolvemento de corredores verdes no medio rural.

 > Volver o programa participativo

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>