EDUCACIÓN

Para todas as persoas ao longo de toda a vida.

Somos 99% educación. Vivimos coñecendo, aprendendo, reflexionando; a educación é a base do noso desenvolvemento pleno como persoas e só a través dela se pode garantir a transición cara unha sociedade xusta e igualitaria autogobernada por unha cidadanía máis libre e crítica.

Para OueC a educación non pode quedar restrinxida a un departamento ou un tramo de idade. Comprometémonos coa aprendizaxe permanente, para todas as persoas e ao longo de toda a vida; construíndo xuntas a “cidade educadora” que é capaz de ensinar e tamén de aprender.

O concello como recurso educativo no que se involucra á cidadanía, conectándoo cos centros de ensino e sacando as aulas á rúa, coordinando e ampliando as actividades, compartindo recursos e enriquecendo os plans de estudo alí onde o currículo oficial non chega.

A cidade educadora non pode deixar a ninguén atrás: defendemos e esiximos ante a administración competente a calidade do ensino público gratuíto. Educación pública e universal, gratuíta e de calidade, laica, inclusiva e en galego.

Propostas Educación

bc1. Cidade educadora: Ti es Ourense. Mellora do programa de actividades para cumprir a carta internacional de cidades educadoras e converter Ourense e a súa contorna nun espazo educador, dando a coñecer a súa historia, tradicións, patrimonio e recursos. O programa articularíase en base á elaboración de unidades didácticas, itinerarios ambientais e históricos, concursos artísticos, visitas guiadas, bases de datos, soporte de contidos en redes e grupos formativos interdisciplinares. Cunha metodoloxía que implique aos colectivos, entidades e asociacións da cidade na posta en marcha de todas as iniciativas, e garantindo a transversalidade das actuacións para que impliquen a todas as áreas municipais.

bc2. Mellora do funcionamento do Consello Escolar como órgano consultivo e de fomento da participación activa da cidadanía. Consulta permanente en relación ás propostas e solicitudes de situación, construción e renovación dos centros docentes. Participación na elaboración de programas educativos municipais e actividades complementarias e extraescolares, e na planificación e xestión dos servizos a desenvolver polo Concello. Elaboración e supervisión dos convenios e acordos para a mellora das prestacións do servizo educativo aos que se chegue con outras administracións.

bc3. Mellora do Camiño escolar. Asentamento e mellora da rede de camiños escolares para dotala de maior seguridade. Campaña de visibilización destas vías e de sensibilización entre as persoas usuarias de vehículos. Instalación de estacionamentos para bicis ás portas dos centros educativos.

bc4. Consello Municipal de Infancia. Constitución dun órgano democrático representativo das nenas e nenos de Ourense. Con carácter asembleario e horizontal; un foro de debate e elaboración de propostas con capacidade para tomar decisións e levalas ao pleno municipal. Conformaríase como órgano consultivo en materia de mocidade por parte da institución municipal.

bc5. Programa integral de educación permanente. Proposta integral de aprendizaxe continuado a nivel municipal, en liña coas recomendacións da UNESCO, que incorpore ás distintas escolas municipais de Ourense co obxectivo de ofertar unha ampla diversidade de opcións formativas que melloren as condicións de vida da cidadania.

bc6. Área de programas educativos europeos. Asesoramento a organizacións para a súa participación nos programas europeos Erasmus+, Europa Creativa e Horizonte 2020. Promoción das liñas estratéxicas de cooperación europea, mobilidades formativas no espazo europeo e innovación educativa. Participación dos diferentes axentes dependentes da Administración Local nos programas de financiamento europeo.

bc7. Posta en marcha do Centro de Coñecemento Compartido La Molinera, que poña as novas tecnoloxías ao servizo da cidadanía, desenvolvendo unha programación que estimule a aprendizaxe permanente, o diálogo interxeneracional, o traballo colaborativo e a innovación, estruturándose en tres liñas de actuación: (a) Educalab para a capacitación dixital e incorporación das novas tecnoloxías á aprendizaxe. (b) Laboratorio para a recuperación e posta en valor da memoria local e patrimonio oral. (c) Servizo de Mentoring para o asesoramento a iniciativas empresariais e novos profesionais.

bc8. Programa para as bibliotecas municipais Learning commons. Redefinir as bibliotecas municipais como centros de recursos para a aprendizaxe e a investigación, onde o obxectivo principal é o de facilitar os intercambios sociais e permitir que a información se transforme en coñecemento.

bc9. Posta en funcionamento do Banco Municipal de Libros de texto en colaboración coas ANPAS dos centros educativos do concello.

bc10. Programa específico de apoio e reforzo educativo en Primaria e Secundaria Obrigatoria para nenos e nenas con problemáticas específicas, con especial fincapé no seguimento e persoalizado para que non abandonen o seu proceso educativo.

bc11. Programa de mediadores educativos. A creación da figura do titor/mediador para apoiar e dar soporte aos usuarios dos centros de recursos, apoiar e incentivar ás persoas a xestionar a súa aprendizaxe, co fin de que poidan explotar o seu potencial, desenvolver as súas habilidades e mellorar o seu rendemento.

bc12. Premio Cidade de Ourense á Innovación Educativa. Un premio que valorará a aposta pola innovación en materia educativa nas etapas Infantil, Primaria e Secundaria nos centros educativos do Concello de Ourense.

bc13. Aposta pola implantación da carreira de Enxeñaría Espacial no Campus Universitario de Ourense.

bc14. Ampliar os horarios de apertura das instalacións deportivas dos centros escolares fóra do horario lectivo e no período vacacional, para uso da veciñanza de Ourense en colaboración coa Consellería de Educación e en coordinación coas ANPAS.

bc15. Reforzar cun papel máis activo e comprometido a presenza do Concello de Ourense nos Consellos Escolares dos centros educativos.

bc16. Implementación de criterios de eficiencia económica e enerxética así como sustentable no mantemento, vixilancia e conservación dos edificios destinados a centros educativos publicos.

bc17. Programación de actividades culturais, sociais e lúdicas que favorezan a conciliación da vida familiar e laboral nos períodos non lectivos. Oferta unificada entre todas as concellerías e programada anualmente para facilitar o seu coñecemento coa suficiente antelación.

bc18. Creación dun Plan de Actuación nos Centros Públicos para ofrecer resposta rápida ás necesidades de mantemento que se dan debido á actividade.

bc19. Fomentar nos postos de atraccións das festas de Ourense e nas actividades de lecer infantil en espazos públicos a emisión de música que cumpra criterios tales como a variedade, adaptación ás características dos usuarios infantís, que inclúa a lingua galega e que se emita a un volume axustado.

bc20. Garantir o acceso universal e gratuíto a todas as actividades organizadas pola Concellería a aquelas persoas usuarias que proveñan de familias desfavorecidas economicamente.

bc21. Campañas orientadas á comunidade educativa orientadas a fomentar a separación de residuos, a reciclaxe e a compostaxe. Dotar de contedores aos centros escolares e de papeleiras específicas ás aulas para este fin.

bc22. Devolución das competencias da Escola de Pais e Nais á Concellería de Educación. Repensar de xeito integral o seu funcionamento para convertela no punto de encontro onde compartir experiencias educativas e de crianza das familias de Ourense en colaboración coas iniciativas cidadás de grupos de crianza.

bc23. Publicación dos criterios de selección de cursos e profesorado na Universidade Popular Ourense, que establezan un baremo xusto, igualitario e que se presenten con suficiente antelación para facilitar o seu cumprimento polas entidades e persoas que aspiren a participar da súa oferta educativa.

CULTURA

Cidadanía creadora.

Son os valores e ideas que compartimos como parte dunha comunidade, a expresión do que Ourense significa para nós. A historia, o patrimonio, a creatividade, a nosa capacidade para comunicarnos.

É o espello no que se reflicte a alma do concello, o armazón que o mantén unido e cohesiona, a chispa que nos estimula para seguir crecendo e mellorando. Para avanzar na sociedade que queremos ser.

Por iso OueC defende o acceso a cultura como dereito fundamental. Practicamos a democracia cultural, aquela que fai posible que a cidadanía pase de simple espectadora á creadora. É preciso recuperar a memoria e o patrimonio e poñelo á disposición das persoas, fuxir da programación tutelada, rachar coas barreiras absurdas entre alta cultura e cultura popular e, sobre todo, apoiar o xenio creador que existe en Ourense. Porque as industrias creativas tamén son motor de desenvolvemento económico.

O recordo da Atenas de Galicia lémbranos o noso gran potencial como concello de cultura, e a responsabilidade que supón a súa xestión.

Propostas Cultura

bc24. Definición clara das competencias da Concellaría de Cultura e desenvolvemento de medidas de coordinación interdepartamental.

bc25. Mellora das capacidades e autonomía técnica da Concellaría de Cultura para facer dela verdadeira ferramenta de apoio a cidadanía creadora de cultura.

bc26. Potenciar a coordinación e a cooperación con outras administracións, Universidade e axentes privados da cidade para un mellor aproveitamento dos equipamentos, creación de sinerxías e fornecemento da axenda cultural de Ourense

bc27. Publicación dun calendario da Concellaría que recolla a totalidade de convocatorias, prazos de inscrición e outras informacións relativas ás accións programadas ao longo do ano, de cara a facilitar a planificación e participación cidadá nelas.

bc28. Redeseño do programa de axudas municipais establecendo tres liñas de financiamento diferenciadas para proxectos culturais, eventos e produción artística, actualizando os criterios de valoración.

bc29. Activación do Consello Municipal de Cultura, cun desenvolvemento eficaz dos seus estatutos, que estableza e amplíe as súas competencias, superando a figura de órgano consultor/asesor e fomentado a súa natureza de ferramenta cidadá para a toma de decisións. Á proposta do CMC crearanse grupos de traballo temáticos (patrimonio, música, festas) con capacidade para dialogar cos axentes implicados en cada sector e elaborar propostas que se sometan a avaliación do CMC.

bc30. Elaboración dun protocolo de avaliación da programación e demais iniciativas culturais. Estableceranse indicadores cos que medir o retorno á comunidade das propostas, o seu grao de aceptación e outros aspectos de especial relevancia.

bc31. Proxecto piloto de implantación do bono-cultura, que permita desgravar unha porcentaxe dos tributos locais xustificando o consumo de cultura na cidade. Polo seu carácter experimental, terá carácter temporal e teito de gasto prefixado.

bc32. Servizo e apoio e acompañamento ás Industrias Culturais Creativas (ICC) con base local como sector estratéxico, promovendo accións de formación especializada, asesoramento na busca de liñas de financiamento e mecanismos de acceso a equipamentos e recursos técnicos. Participación da Concellería en campañas de micromecenado compartido (Bolsas de Capital Rego).

bc33. Actualización dos modelos de xestión das infraestruturas culturais municipais que garantan a súa autonomía e bo funcionamento. Establecemento de mecanismos que faciliten e axilicen o uso destes espazos por parte de iniciativas culturais cidadás, tanto creadores como movemento asociativo.

bc34. Integración dos diferentes espazos museísticos da zona vella nun gran Museo Aberto.

bc35. Garantir a presenza cultural nos barrios e perímetro rural. Creación de grupos de acción cultural de barrio que desenvolvan unha programación específica en cada zona incluíndo as relacionadas coas festas populares.

bc36. Posta en marcha dunha rede transfronteiriza para a circulación de operadores culturais.

bc37. Plan de estudo, divulgación e posta en valor do patrimonio artístico plástico de Ourense. Desenvolvemento dun programa de intervención artística en espazos públicos (fachadas, rúas, zonas verdes) para a visibilización do patrimonio plástico tradicionalmente relegado aos espazos pechados: pintura, ilustración, fotografía, etc.

bc38. Garantir o acceso e aproveitamento á cidadanía do patrimonio monumental, desenvolvendo, en coordinación co departamento de Urbanismo, accións de recuperación e adecuación do patrimonio monumental inmoble para reintegrar estes espazos á vida pública. O plan fará especial fincapé no caso de espazos en clara situación de abandono, favorecendo novos usos comunitarios que contribúan a súa conservación e mantemento.

bc39. Recuperación e acondicionamento das ruínas do mosteiro de Santa Comba de Naves, en Palmés, para usos comunitarios.

bc40. Presenza destacada das expresións culturais tradicionais na programación do Concello, apoiando o traballo de axentes culturais nesta área e desenvolvendo accións de formación específica que contribúan ao seu coñecemento e transmisión.

bc41. Estimular a participación cidadá no ciclo de festexos tradicionais para garantir a súa vitalidade. Festas Maiores nas que se motive a programación da cultura de base local e incorpore os colectivos veciñais como axentes activos con propostas propias. Constitución da Mesa Local de Festas que consensúen os eventos e, especialmente, a súa localización (barracas, concertos, etc.).

bc42. Recuperación das actividades permanentes ligadas ao Festival Internacional de Cine (OUFF) ao longo de todo o ano. Xestión profesionalizada e participación da Universidade e entidades locais ligadas ao audiovisual. Compromiso coa cinematografía independente e coa produción audiovisual galega.

bc43. Ampliación e actualización do rexistro de asociacións incorporando outros axentes a título individual, ICC, creadores freelance, etc. Trátase de desenvolver un mapeado real do panorama cultural da cidade que estimule o coñecemento e a aprendizaxe mutua, así como favorecer o traballo colaborativo.

bc44. Desenvolvemento dunha ferramenta específica de comunicación cultural da cidade que recolla de xeito íntegro as diferentes manifestacións e producións creativas. Trátase, por unha banda, de realizar un inventariado en tempo real dos axentes activos no ámbito cultural e, por outro, de garantir a cidadanía unha información actualizada e rigorosa da programación.

LINGUA

De nos para o mundo.

A lingua galega é parte fundamental e celme da nosa cultura. Como ferramenta de comunicación, é un ben común clave para a cohesión social e depositaria dun legado cultural propio. Mais os estudos alertan: a ruptura xeracional na transmisión do idioma e os baixos niveis de uso entre a mocidade supoñen unha grave ameaza para a nosa lingua.

O potencial transformador dos concellos na defensa do galego é inmenso, dada a relación directa que manteñen coa cidadanía. É necesario renovar o compromiso político e cidadán e facelo máis ambicioso: a normalización ten que acadar o prestixio para o galego e o seu protagonismo no eido socioeconómico. Faise necesario que esta área municipal de lingua supere o seu papel de simple asesor e comece a traballar de xeito transversal e efectivo, dotándose de recursos para ser un auténtico instrumento de dinamización social.

OueC asume os principios recollidos na Lei Paz Andrade para o achegamento á lingua e cultura portuguesas. Comprométese ao seu desenvolvemento, para mudar o paradigma sociopolítico galego, en relación co status da lingua, incidindo no seu carácter internacional e a súa pertenza ao ámbito da lusofonía.

Propostas Lingua

bc45. Creación do Observatorio da Lingua do Concello de Ourense; unha área como espazo vertebrador onde se poida xestionar a política lingüística municipal de xeito dinámico, integral e participativo. O orzamento do Observatorio da lingua repartirase proporcionalmente entre as diferentes concellerías que conformen a xestión municipal para garantir a transversalidade das actuacións. Ademais será un obxectivo específico a busca da maior autofinanciación posible, aproveitando o traballo con outras áreas e aproveitando as axudas europeas a proxectos interrexionais, entre outras accións.

bc46. Creación dun Consello de Lingua, a institución coordinadora da política lingüística municipal. Formado por axentes dinamizadores, responsables e con competencias para traballar a prol da lingua e a cultura galegas. Representará a todos os sectores da nosa sociedade e a colectivos con criterio para o traballo na normalización.

bc47. Deseñar un Plan de lingua do Concello de Ourense para desenvolver unha correcta actividade normalizadora, axeitada ao noso contexto e para optimizar recursos e esforzos.

bc48. O Ourense das Letras: posta en marcha de roteiros específicos dedicados a obras literarias ou autores, creación de unidades didácticas dirixidas á creación de públicos. Consolidación dos festexos en efemérides literarias (Día de Nós, Letras Galegas…). Estratexias de sinaléctica en visibilidade na rúa.

bc49. Creación e xestión dun programa de recursos materiais e didácticos e de animación; acompañado por un equipo dinamizador e formador do profesorado e persoas involucradas cos centros educativos de infantil e primaria do Concello de Ourense.

bc50. Buscar espazos de encontro entre a mocidade e axentes simbólicos e figuras representativas do ámbito cultural, social, deportivo, empresarial, innovación, comunicación, para promover unha imaxe atractiva e positiva da nosa lingua.

bc51. Promoción e apoio dun espectáculo infantil coa lingua e a cultura de Ourense como protagonista, para ser referencia entre a xente nova, participativa e cunha mensaxe positiva e atractiva para a rapazada.

bc52. Aproveitar a Escola Municipal de Idiomas do Concello de Ourense para presentar programas formativos e de dinamización en lingua galega e portuguesa. Incidindo ao mesmo tempo nunha xestión máis dinámica e dotando de programas educativos á propia Escola.

bc53. Presentar a candidatura de Ourense como Patrimonio Literario da Humanidade pola UNESCO; para prestixiar internacionalmente e promover o noso patrimonio literario en todas as súas expresións.

bc54. Comezar a elaborar a programación co gallo da efeméride que se conmemorará no 2020 polos 100 anos da Xeración Nós.

bc55. Dotar de protagonismo á lingua e cultura portuguesas na programación cultural do concello.

bc56. Formación en lingua e cultura portuguesa a todo o persoal do Concello que manteña relacións administrativas e comunicativas co país veciño. Ademais coidaranse as comunicacións e relacións administrativas cos países da lusofonía.

bc57. Promover o intercambio comunicativo coas comunidades galego portuguesas máis próximas. Creación de redes e colaboración coas vilas e a cultura lusófona da raia e o norte de Portugal, especialmente coa cidade irmandada de Vila Real.

bc58. Fomentar a colaboración con algunha proposta de cámaras municipais ou vilas portuguesas, e facilitar a experiencia entre asociacións e organismos das dúas localidades. Potenciar a cooperación transfronteiriza en xeral.

bc59. Colaborar coa candidatura de Ponte nas Ondas para que o patrimonio galego-portugués sexa recoñecido como Patrimonio da humanidade.

 > Volver o programa participativo

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>