comunicado
Posición de Ourense en Común respecto ás axudas públicas ao Club Ourense Baloncesto
15 Xuño, 2015
0

En primeiro lugar, queremos felicitar a todas as persoas que forman parte do Club Ourense Baloncesto polos méritos deportivos que lle permiten ter a posibilidade de competir na ACB e desexar que cumpra todos os requirimentos desta organización para poder participar nela a vindeira tempada.

Ourense en Común entende que a cooperación municipal con empresas privadas pasa porque estas asuman compromisos vinculados ás boas prácticas empresariais e á realización de accións que redunden en beneficio da comunidade, tal e como recollemos no Programa Participativo. Na reunión mantida cos grupos políticos o día 5 de xuño e ao que OUeC foi invitada, o COB non fixo proposta algunha relativa a este retorno que entendemos fundamental á hora de estudar a cooperación con empresas privadas.

Ao fío do expresado polo presidente do COB, Antonio Gavilanes, xa que a presenza do club na ACB vai supoñer unha revalorización das accións, solicitamos que estas sexan postas a venda, dando prioridade a socias e socios de adquirir pequenos paquetes de accións (unha ou dúas). Consideramos importante favorecer a entrada de capital non vinculado a empresas senón a persoas particulares, para así coñecer o interese real da veciñanza no proxecto do COB.

En Ourense en Común non permanecemos alleos ao desexo de moitas das nosas veciñas de contar cun club na ACB, segundo moitos, a segunda mellor competición de baloncesto do mundo logo da NBA. Por iso nos aledamos do logro acadado. Por iso trasladamos os nosos parabéns ao COB, aos xogadores, corpo técnico, dirección e, como non, a todas as seareiras.

A nosa proposta política, reflectida no programa participativo, entende o deporte como unha ferramenta fundamental para potenciar a saúde das nosas veciñas e veciños. É este, amais, un cometido dos concellos, recollido no artigo 25.2.m da LRBRL, “promover o deporte e instalacións públicas e ocupación do tempo libre”.

As veciñas e veciños de Ourense proporcionamos ao COB instalacións deportivas nas que adestrar e disputar partidos, nas que fornecer unha canteira e unha afección, indispensables para a sustentabilidade de calquera club, proporcionamos os medios para que o espectáculo que supón un encontro deportivo deste nivel se poida realizar coa máxima seguridade, poñendo a disposición do club a Policía Local e Protección Civil, a un custe cero para eles, non así para as cidadás, e que, seguro, o COB terá a ben recoñecer o esforzo que xa fai toda a cidade.

En OUeC entendemos e xustificamos as axudas públicas á empresa privada cando estas teñen un fin social. Remitímonos ao Programa Participativo, que no punto ds11 sinala a necesidade de impor a “Cláusula de cooperación empresarial en todos os programas e plans de acción municipais, na que se sinale que as empresas beneficiarias asumen unha serie de compromisos, relacionados coa mellora das condicións laborais dos seus empregados, a introdución de plans de igualdade e de criterios de Responsabilidade Social Corporativa, a eficiencia enerxética, a redución de residuos, a creación de novos postos de traballo, as titorías para emprendedoras, ou outras accións especificas que redunden en beneficio da  comunidade”.

Ante isto, sinalamos dúas reflexións:

  1. Como establecer que accións serían precisas para asegurar o retorno do investido no beneficio da comunidade? Así, entendemos que o COB debería facer unha proposta ao Concello máis alá dos estudios de impacto socioeconómico.
  2. Nunha situación como a que vivimos, con altos índices de pobreza e exclusión social, entendemos que as prioridades nos orzamentos do Concello teñen que ir primeiro a outro tipo de accións.

Na xuntanza á que os partidos políticos foron chamados polo presidente do COB, Antonio Gavilanes, este razoaba que a achega do Concello de Ourense podería ser positiva para o Concello porque a presenza do club na ACB permitiría revalorizar as accións que lle pertencen. Non cremos que a función do Concello sexa especular co valor dunhas accións nin rematar os exercicios con saldos positivos, como vén de suceder no exercicio pasado. A función dun Concello é cubrir as necesidades das súas veciñas. É por isto que consideramos que o Concello de Ourense ten a obriga de aproveitar a oportunidade que se lle presenta para vender as accións que lle pertencen, sen perseguir lucro algún, ao prezo actualmente estipulado, e destinar os fondos recadados a atender a situación de emerxencia social que nos afecta a moitas persoas.