institucional
Concello: Pleno Constitución 29/06/2015
29 Xuño, 2015
0

Esta foi a intervención de Ourense en Común nos distintos puntos da orde do día no Pleno Extraordinario deste luns 29 de xuño de 2015 (tamén a tes dispoñible para descarga en PDF):

 

1. Ratificación da urxencia da convocatoria.

Bos días compañeiras e compañeiros de corporación, xornalistas e veciñas que atenden este pleno fisicamente ou mediante o seu visionado en vídeo. O Grupo de Traballo Institucional ou grupo municipal Ourense en Común quere comezar a súa primeira intervención en pleno lembrando o seu compromiso para introducir nesta institución os principios de participación e transparencia. Principios que tamén estiveron presentes no discurso de investidura do novo alcalde de Ourense quen o 13 de xuño expresaba a súa vontade de exercer unha política de man tendida, diálogo, transparencia, centrada no beneficio colectivo e na busca do consenso.

Dende Ourense en Común saudamos con ledicia aquel discurso pero só 15 días despois daquel a convocatoria deste pleno con carácter de urxencia, entregando a documentación un venres ás 13h para a súa celebración o luns ás 10h cun fin de semana entre medias co agravante de encontrarnos en festas, ataca directamente a estes principios. Xa que logo na primeira encomenda que tiña o actual equipo de goberno evidencia xa, tratando de acurtar os prazos, unha limitación na labor da oposición.

A inexistencia dun programa de benvida para novas concelleiras, xornadas formativas e informativas da labor municipal, das súas dependencias, patrimonio ou programas e accións en marcha, evidencia asemade a construción desta institución dende dentro e para dentro sen contar nunca cos de fóra. Sentímonos alleos nun modelo de institución inflexible onde o coñecemento do seu funcionamento interno ou a súa participación non nos corresponde á maioría. Así é que como veciñas recen chegadas a esta nosa institución e descoñecendo o seu funcionamento tivemos que documentarnos a título individual, a marchas forzadas para tal fin e procurar as diferenzas entre a convocatoria dun pleno extraordinario e este que se pretende ratificar como urxente. Desculpámonos de antemán das posibles inexactitudes na documentación manexada, presentamos o noso propósito de mellora a futuro e dende este momento tentaremos adoptar un carácter didáctico en todas as nosas intervencións para que nunca máis unha veciña poda sentirse allea neste edificio.

Segundo o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais no seu Art. 79.: Son sesións extraordinarias urxentes as convocadas polo Alcalde ou Presidente cando a urxencia do asunto ou asuntos a tratar non permiten convocar a sesión extraordinaria coa antelación mínima de dous días hábiles esixida pola Lei 7/1985, de 2 de abril.

Este mesmo regulamento apunta no seu Art. 38 que dentro dos trinta días seguintes ao da sesión constitutiva, é dicir neste caso entre o 14 de xuño e o 13 de xullo, o Alcalde convocará a sesión ou sesións extraordinarias do Pleno da Corporación que sexan precisas, a fin de resolver sobre os seguintes puntos:

Proposta de alcaldía para periodicidade de sesións do Pleno, creación e composición das comisións informativas permanentes e nomeamento de representantes da corporación nos diferentes órganos colexiados, que sexan da competencia do Pleno. Así como poñer en coñecemento do mesmo as resolucións do Alcalde en materia de nomeamentos de Tenentes de Alcalde, membros da Xunta de Goberno e Presidentes das Comisións informativas, así como das delegacións que a Alcaldía estime oportuno conferir.

Segundo todo o anterior, a convocatoria de urxencia podía terse evitado ao dispor a alcaldía de dúas semanas dende a investidura para a convocatoria dun pleno extraordinario que non afectara á celebración do primeiro pleno ordinario do mes de xullo como parecen argumentar. Ao esgotar os prazos e enviar a última hora do pasado venres a convocatoria para hoxe o equipo de goberno está condicionando o tempo para que o resto de grupos municipais podamos estudar os expedientes en detalle, polo tanto está condicionando a labor de oposición e obstaculizando a necesaria fiscalización de toda acción municipal. Aínda máis as propostas anteriormente citadas poderían ser aprobadas ata o 13 xullo sendo posible convocar a posteriori novos plenos extraordinarios en tempo e forma.

Por todo isto e despois de analizar a orde do día, na que non aparecen elementos urxentes que afecten as nosas veciñas máis aló da configuración orgánica da propia institución, e tendo prazo suficiente para facelo en tempo e forma, dende Ourense en Común vémonos na obriga de non ratificar esta convocatoria. Un razoamento fundamentado na construción dese espazo de diálogo que citaba o novo alcalde no seu discurso de investidura e no principio de participación sostible que esta présa inxustificada degrada.

Dende Ourense en Común semella que temos un concepto diferente de urxencia, para nós non era urxente avalar a unha Sociedade Anónima Deportiva e si que 3 cada 10 persoas no noso concello estean en risco de exclusión social, para nós urxente foi o desafiuzamento e derribo dunha casa familiar en Reza declarada ilegal pero que durante décadas pagou os seus impostos municipais, para nós urxente no inmediato é a reunión que a nosa compañeira Ledicia venlle de solicitar co alumnado do Centro Integrado de Formación Portovello para non suprimir a formación presencial dos ciclos formativos de adultos e da que aínda non temos resposta. Comezando ademais a ser preocupante a relación directa entre o actual alcalde e a supresión de oferta educativa no noso concello.

En suma, Ourense en Común resolveu a través dunha asemblea de veciñas aberta celebrada o venres día 26 de xuño ás 20:00h no Campus Universitario, votar en contra da ratificación da urxencia deste pleno porque non é urxente e non foron as formas. Se cadra o resto de grupos estean acostumados a este proceder, dende Ourense en Común non o estamos e instamos ao equipo de alcaldía a mellorar a súa dilixencia de cara a futuro. A responsabilidade dunha posible paralización da labor de goberno é unicamente da alcaldía, quen rexeita coas súas prácticas a posibilidade de traballar a man tendida cos outros grupos municipais.

Nada máis moitas grazas pola súa atención.

 

2. Posta en coñecemento da constitución dos grupos municipais.

 

3. Posta en coñecemento da resolución da Alcaldía nomeando membros da Xunta de Goberno e Tenentes de Alcalde

 

4. Posta en coñecemento da resolución da Alcaldía de constituíndo a xunta de voceiros.

 

5. Posta en coñecemento da resolución da Alcaldía de delegación de atribucións.

 

6. Posta en coñecemento do acordo da xunta de goberno local de 25/06/2015 de delegación de competencias nos seus membros.

 

7. Posta en coñecemento da resolución da Alcaldía sobre estrutura de administración municipal en áreas de goberno.

 

8. Proposta de alcaldía sobre periocidade das sesión do Pleno.

Apelando ao carácter didáctico citado antes que terán todas as intervencións de Ourense en Común nos plenos para que as nosas veciñas comprendan e interioricen o funcionamento da administración municipal, queremos destacar que a proposta que nos presenta o equipo de goberno sobre cando se celebrarán os plenos está limitada por lei para concellos de máis de 20.000 habitantes cun mínimo dun pleno ordinario ao mes. Con independencia de que a maiores sexan convocados outros extraordinarios.

Con todo, e posto que a proposta de Ourense en Común de que a Xunta de Goberno fora aberta ao resto de grupos municipais foi desbotada, un xesto que novamente cuestiona o compromiso de diálogo e man tendida co que comezou esta lexislatura o actual equipo de goberno; comprometémonos publicamente en base aos principio de transparencia e participación a visibilizar toda a labor do mesmo e promover todos cantos plenos extraordinarios sexan necesarios para garantir a fiscalización e xuízo público de toda a acción municipal.

A asemblea de veciñas de Ourense en Común do pasado venres 26 de xuño celebrada no Campus Universitario resolveu a este respecto apoiar a proposta de alcaldía de celebrar estes plenos ordinarios o primeiro venres hábil de cada mes ás 9:00h. A razón esencial é a de facilitar a conciliación das concelleiras, podendo reservar ese día fixo, e tamén para que as veciñas que desexen asistir non teñan que investigar cando nos reunimos.

Nada máis moitas grazas pola súa atención.

 

9. Proposta de alcaldía sobre composición e réxime de sesións da Comisión do Pleno, Comisón Especial de Suxestións e Reclamacións e Comisión Especial de Contas

Novamente apelando ao espírito formativo informamos de que nestas comisións de pleno, de suxestións e reclamacións e especial de contas todos os grupos municipais temos dereito a estar presentes. Cunha representación ademais que debe acomodarse á proporcionalidade existente dos propios grupos na corporación. Non se trata por tanto dunha cesión da alcaldía senón dun dereito.

Xa que logo despois de comprobar que no reparto proposto Ourense en Común tiña presenza en todas as comisións e que ademais se cumpría a proporcionalidade da corporación, onde a oposición é maioría sempre sobre o equipo de goberno, a asemblea de veciñas de Ourense en Común do pasado venres 26 de xuño celebrada no Campus Universitario resolveu a este respecto apoiar a proposta de alcaldía.

A preocupación de Ourense en Común non pasa tanto pola composición e réxime destas comisións senón por aquelas outras relacionadas coas áreas de goberno das que se daba conta no punto número 7 da orde do día de hoxe. Unha preocupación que non se centra na proporcionalidade que incluso semella mellorar de cara á representación do PSdeG-PSOE nas mesmas, senón na propia constitución das mesmas na que se apunta un modo de goberno en prol dunha minoría social, que mantén unha mirada depredadora para co noso medio ambiente e que mantén prácticas da vella política limitando a participación cidadá e a transparencia dentro do consistorio. Así é que denunciamos publicamente:

  • A total ausencia do concepto de transparencia tanto nas diferentes Áreas de Goberno como no reparto de Delegacións.
  • A supresión da área de Mobilidade limitando esta a unha Delegación relacionada co Transporte Público que amosa un total descoñecemento da mesma.
  • A integración de vivenda na área de Urbanismo, mantendo así unha visión especulativa nun apartado que debería ser considerado como un dereito propio de Benestar Social.
  • A integración de Participación Cidadá na área allea como é a de Infraestruturas e Medio Ambiente.
  • A ausencia total de apartados referidos á xestión integral da auga, dos residuos, enerxía, soberanía alimentaria ou apostar por un modelo de desenvolvemento sostible.
  • O mantemento do vínculo termalismo – turismo sen explorar novas vías con respecto a este sector estratéxico para Ourense como a xeotermia, industria das augas
  • A ausencia total de referencias á lingua, nin como delegación de área nin dende un punto de vista transversal a todas.
  • A ausencia dunha delegación específica para diversidade na área de Benestar Social.

Nada máis moitas grazas pola súa atención.

 

10. Proposta de Alcaldía sobre composición do Consello Reitor do Concello Municipal de Deportes

Malia ao carácter singular deste Consello Reitor, onde debe existir un vogal de cada partido e o presidente, o argumentario é redundante co anterior polo que non temos nada que comentar máis aló da posición asemblearia de veciñas de Ourense en Común do pasado venres 26 de xuño celebrada no Campus Universitario que resolveu apoiar a proposta de alcaldía a este respecto.

Nada máis moitas grazas pola súa atención.

 

11. Posta en coñecemento da resolución da Alcaldía nomeando presidente do Consello Municipalde Deportes

 

12. Proposta da Alcaldía sobre réxime retributivo dos membros da corporación.

Se algo bo ten a transparencia é que podemos apelar a ela cando dubidamos sobre algún acordo ou decisión. Ourense en común só tivo un único encontro coa actual alcaldía e como se pode comprobar na acta pendurada na rede en ningún momento falouse de redución salarial, nin do alcalde nin do resto das concelleiras. Este primeiro encontro, que nós pensábamos erroneamente ía ser o primeiro dunha serie de varios sobre o tema, só serviu ao respecto desta proposta de réxime retributivo para presentar a posición de Ourense en Común sobre a necesidade de dignificar a vida política e facela accesible a todas as capas da sociedade. De ter previsto o alcalde unha redución salarial e querer presentar alí a posibilidade de facela extensiva ao resto da corporación estaríamos encantados de debatelo. Entre outras cousas porque nós xa temos unha postura a tal efecto no Código Ético vixente dende hai catro meses e co que concorremos ás eleccións municipais. Neste apostamos porque ningún salario supere dúas veces e media o salario bruto da provincia de Ourense que, segundo os datos do Mercado de Traballo e Pensións nas Fontes Tributarias, publicado anualmente, tendo en conta os últimos datos publicados de 2013, este límite sería 41.330 € brutos anuais. O que suporía unha redución do 39% con respecto ao actual salario do alcalde. Unha redución que ten en conta o contexto e que está moi lonxe da pírrica redución do 5% proposta que mantén ao alcalde do Concello de Ourense como o mellor pagado de Galicia, casualmente na provincia galega cos salarios máis baixos ou no municipio que menos destina a gastos sociais para persoas en risco de exclusión. Algo que dende Ourense en Común vemos como inmoral.

O resto de salarios da corporación deberían na nosa proposta respectar este límite e establecersede forma porcentual segundo o nivel de responsabilidade, dedicación e exposición pública, de acordo coa capacidade orzamentaria e someténdose á prioridade do ben común. Así é como non se comprende a retribución maior do alcalde a outros membros do seu propio equipo de goberno con dedicación exclusiva e delegación competencial e que a propia prensa nomea xa como superconcelleiros pola cantidade de delegacións que deberán asumir.

Obviando este debate de fondo o equipo de goberno mesturouno con outro completamente diferente como é a asignación aos grupos municipais á que pretendía reducir 100 € ao mes. Unha asignación xa modificada na anterior lexislatura e deseñada para beneficiar aos partidos maioritarios primando a representación. Unha asignación necesaria para que os grupos que non temos estruturas supramunicipais e outras vías de financiamento, algunhas presuntamente ilegais e outras menos presuntas,
podamos facer fronte a gastos propios como o pago de informes técnicos ou consultorías que garantan unha oposición digna.

Por outra banda no referido ás dedicacións, apelando á eficiencia e á redución de gasto, a Alcaldía anuncia reducir as dedicacións exclusivas dos seus concelleiros. Un xesto de marketing comunicativo cando en verdade o único que fai é cumprir a lei. Xa que logo estas atribucións son incompatibles con calquera outra retribución con cargo aos Orzamentos das Administracións Públicas e dos Entes, Organismos e Empresas deles dependentes. Así é o caso de quen será a persoa responsable de sacar adiante o documento máis importante de Ourense nas próximas dúas décadas como é o Plan Xeral de Ordenación Municipal que o fará nos seus ratos libres para non concorrer nunha incompatibilidade e poder seguir sendo retribuído pola Deputación de Ourense, complementos municipais a maiores por suposto.

Citaba Maquiavelo que “Todos ven o que aparentas; poucos advirten o que eres”. Esta será a nosa función aquí, axudar a construír unha cidadanía crítica armada co poder da verdade que mire máis aló do titular de prensa.

A asemblea de veciñas celebrada o mércores 10 de xuño no Campus Universitario referendaba a posición que deberíamos tomar as tres concelleiras electas, cuestionando incluso se estas deberíamos ser retribuídas polo exercicio das nosas funcións. Un exercicio reflexivo que recomendamos e botamos en falta no resto de grupos do pleno. Superado este os consensos acadados centrábanse en:

  • defender, como está recollido no Código Ético de Ourense en Común, que as persoas electas como concelleiras deban recibir remuneración pola súa actividade fixando un tope salarial, en base a un argumentario de necesidades e adaptado a criterios de eficiencia e fiscalización.
  • propoñer dedicacións parciais para as integrantes do grupo municipal para poder exercer unha labor de oposición eficiente, levar adiante os centos de encomendas adquiridas coas veciñas recollidas nun programa participativo e obter unha compensación pola necesaria redución de xornada que deberemos asumir nos nosos postos de traballo actuais. Garantindo asemade o noso mantemento no mundo laboral sen crear relacións de dependencia económica coa institución.

A proposta de Alcaldía contempla que dúas persoas de Ourense en Común realicen as súas funcións en réxime de dedicación parcial, punto no que concordamos. Malia isto prevé manter o réxime retributivo herdado da anterior corporación cunha asignación ata 39% superior ao límite salarial fixado no Código Ético de Ourense en Común. Xa que logo ao non poder votar os puntos por separado a asemblea de veciñas aberta celebrada o venres día 26 de xuño ás 20:00h no Campus Universitario resolveu votar en contra desta proposta.

Nada máis moitas grazas pola súa atención.

 
Este é o vídeo completo do Pleno:

tvourense on livestream.com. Broadcast Live Free