Pedimos no pleno unha RPT elaborada con calidade técnica e transparencia, e buscando a eficiencia dos recursos humanos municipais
25 Febreiro, 2019
0
• A Relación de Postos de Traballo do PP foi recurrida por Ourense en Común. Se o goberno aproba o documento antes da sentenza do TSXG, podería incorrer nunha infracción do principio de congruencia e boa fe procesual.
• Varias organizacións sindicais advirten de que acudirán tamén á xustiza e a RPT podería verse inmersa noutro contencioso.
• Un equipo de expertos en Economía Aplicada e consultoría institucional contratado por OUeC concluía hai xa un ano que a RPT do Partido Popular foi deseñada para consolidar enchufes.
• Ourense en Común encara os últimos plenos da lexislatura “propoñendo e comprometendo medidas para acometer desde o primeiro minuto que cheguemos á alcaldía”.

    Ourense en Común anunciaba esta mañá que levará a RPT ao pleno do próximo venres, logo de que o goberno siga adiante co “despropósito” de aprobar unha Relación de Postos de Traballo “chea de inxustizas e arbitrariedades, erros, irregularidades e incoherencias, tramitada pasando por alto os principios democráticos, e que “só consolida enchufes, deixando ao concello mermado como institución pública e convertido nun negociete cun inventario de persoal deseñado a medida das persoas que ocupan os postos, e non das necesidades para prestar o mellor servizo público”.

    A través dunha moción, o grupo solicitará ao goberno paralizar a aprobación da RPT “de inmediato e namentres que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non se pronuncie” sobre o recurso contencioso-administrativo presentado por Ourense en Común e admitido a trámite a finais do pasado verán. “Ate que o tribunal emita sentenza, aprobar a RPT podería infrinxir o principio de congruencia e boa fe procesual. É unha nova irresponsabilidade e falsidade deste goberno co único fin de sumar titulares: a sentenza podería concluír a nulidade da súa RPT, que nunca entrará en vigor”.

    O grupo propón tamén nos acordos iniciar, xa coa nova corporación, a elaboración dunha nova RPT, entendida como “unha ferramenta organizativa fundamental para ter unha política de persoal eficaz no concello”, e confeccionada “con calidade técnica, transparencia, garantindo a participación das representantes legais das traballadoras, e respectando as competencias do Pleno para a súa aprobación”.

    Con esta moción, Ourense en Común busca “deixar avanzado o traballo do próximo ciclo electoral, para que o noso goberno empece a ser fructífero para os intereses da cidadanía desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía”.