Pedimos ao goberno compromisos co cumprimento da Lei de Memoria Histórica
19 Novembro, 2018
0
•     Once anos despois de entrar en vigor, o Concello de Ourense incumpre a Lei e mantén aínda numerosos vestixios da ditadura franquista.
•    Unha moción de Ourense en Común fixo que fose retirada a medalla de ouro da cidade, outorgada en 1946 ao ditador Francisco Franco.
•     O goberno popular non deu cumprimento aínda a outras mocións de OUeC aprobadas no pleno, para a retirada de símbolos da Falanxe, o cambio de nome da Praza Alférez provisional, ou a posta en valor de espazos que coa ditadura foron de fusilamento.

    Na véspera do 43º aniversario da morte do ditador Francisco Franco, Ourense en Común manifestábase hoxe sobre a necesidade de acabar definitivamente coas moitas manifestacións que en Ourense aínda se manteñen do réxime, e exixe ao goberno da cidade a cumprir coa Lei de Memoria Histórica, “once anos despois da entrada en vigor da Lei, os resultados en Ourense son completamente deficientes”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro de Ourense en Común, relataba hoxe as numerosas iniciativas que o seu grupo promoveu desde 2015, para a retirada das placas franquistas de rúas e edificios da cidade, para cambiar o nome á praza Alférez Provisional, ou para poñer en valor espazos onde centos de ourensáns foron sometidos e fusilados, como o Campo de Aragón ou o Campo do Cumial, “as mocións sairon aprobadas con maioría do pleno, pero este goberno nada fixo para cumprir cos acordos”.  Únicamente se fixo efectiva a retirada ao ditador da medalla de ouro da cidade de Ourense, que lle fóra outorgada en 1946.

    Desde o grupo lamentan que os vestixios do franquismo permanezan presentes en Ourense,  “no Polvorín ou Covadonga aínda poden verse placas co xugo e as frechas da Falanxe, ou inscricións do Ministerio de Vivenda franquista, e a Praza Alférez provisional debeu eliminarse do noso rueiro hai tempo, como se fixo co que hoxe son Progreso e Concordia”, apunta Martiño X. Vázquez, “temos o deber de poñer fin á simboloxía de enaltecemento fascista nas rúas da nosa cidade para recuperar a expresión democrática. Son símbolos contrarios á lei, trátase cumprila”.