Pedimos a declaración da Casa Taboada como Ben de Interese Cultural
1 Setembro, 2018
0
•     O edificio, referente da arquitectura modernista en Ourense, cumpre este ano un século dende a súa construción.
•     O arquitecto, Daniel Vázquez-Gulías, foi recoñecido con expediente de honra do Concello por unanimidade da actual corporación, en marzo do pasado ano.
•     OUeC propuxo en decembro dar o nome de Vázquez-Gulías á Praza Alférez Provisional onde se ubica a Casa Taboada.

    Ourense en Común defenderá a través dunha moción no pleno do próximo venres que o Concello inicie as xestións oportunas para inscribir a Casa Taboada no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

    O grupo destaca que o edificio do arquitecto de Beariz é “un exemplar único do modernismo ourensán e da propia obra de Vázquez-Gulías”, e “merece ser posto en valor antes de que se perda definitivamente no abandono e a ruína na que se atopa”.

    O edificio, construído hai un século por encargo de Alejandro Anta Nóvoa, é un “monumento arquitectónico que debe ser preservado e conservado para que as futuras xeracións podan gozar da súa extraordinaria beleza como legado material da historia de Ourense”, explica Martiño Xosé Vázquez, voceiro de Ourense en Común, que engade que a Casa Taboada ten “un grande valor patrimonial, como símbolo dun momento histórico-artístico”, en referencia á entrada de Ourense no século XX; un “período de transformacións, de desenvolvemento, e de apertura á meseta”, no que a cidade medrou da man dunha minoría burguesa e as rúas do denominado “ensanche” se encheron de obras arquitectónicas de incalculable valor, encargadas a arquitectos de recoñecido prestixio como José Antonio Queralt, Antonio Crespo ou o propio Daniel Vázquez Gulías, “algunhas xa perdidas como o Hotel Roma na Rúa Progreso”.

    A moción refire o “coidado deseño e dominio das proporcións” característicos nas obras de Vázquez-Gulías, e destaca que, na Casa Taboada, o arquitecto “foi quen de mesturar nunha linguaxe harmónica os elementos decorativos coa propia arquitectura, sen caer na ornamentación excesiva e alcanzando unha perfecta convivencia entre a sobriedade e o atrevemento nas solucións de carpinterías curvas, tomando elementos do art Nouveau ou mesturando materiais como o ferro co cristal ou a madeira coa forxa”.