Ourense en Común xa gañou

Ourense en Común xa gañou

Ourense en Común xa gañou. Por que? Porque non precisamos gobernar para levar a cabo o tan desexado e necesario cambio, nós xa comezamos a mudar o xeito de facer política. Como? Empuxando aos partidos políticos tradicionais, e mesmo tamén ao que se financiou ilegalmente, a sumarse ao carro da participación e da transparencia. Gañamos xerando na conciencia das ourensás e dos ourensáns a idea de que é posible ese cambio e de que todas e todos podemos axudar a desenvolvelo. Como dixo Eduardo Galeano “Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas pode cambiar o mundo”.

Pero párense a pensar. Hai transparencia real nun partido que agora fai bandeira dela pero leva gobernando na Deputación de Ourense (por poñer un só exemplo), durante 28 anos, do xeito máis oscurantista que unha poida imaxinar? Hai participación directa nesta rancia institución na que unha estirpe manda en base ao clientelismo político? E no concello, de que xeito puidemos nós colaborar contra catro anos de desgoberno, con imputacións e insultos mensuais? Pero os tempos están obrigando a eses partidos e a esas institucións, que funcionan cunha estrutura xerárquica na que a única participación que se ofrece é a posibilidade de votar cada catro anos, a transformar o seu xeito de facer política. Pero unha cousa son as verbas e outra ben distinta, os feitos. Velaquí o feito por un Ourense do ben común: Programa colaborativo.

Por moito que tamén outras organizacións políticas presuman deses adxectivos tan de moda malia que marcharon dun proxecto porque non se sentían cómodos con esta nova maneira de traballar, Ourense en Común somos as únicas que contamos cun Programa Participativo Real, ambicioso pero realista. Estas propostas foron escoitadas na rúa, elaboradas nos barrios da cidade, en nove mesas sectoriais, man a man, xuntas. Aquí están recollidas as necesidades urxentes dunha cidade que non se pode permitir ter a 25 mil persoas en risco de pobreza (datos do IGE). Nós apostamos polo bo vivir, para todas e todos, non só para un fato de persoas, para as nosas fillas e fillos, netas e netos e para as que nos visitan. Respectando a cidade, porque o noso, ten moito valor só precisamos poñelo en valor. O progreso e o desenvolvemento económico poden ir da man co coidado do medio e son posibles sen esquecer nunca a xustiza social. O Ourense que soñamos e pretendemos é a cidade da xente.

[metaslider id=2145]
Ourense, Centro Cívico Colón. Martes, 4 de maio.

Esta foi a presentación do noso programa, o voso programa. Dende hoxe e ata o 22 de maio tentaremos debullalo para que poidades saber e comprender que é o que pretende Ourense en Común.