Ourense en Común solicitará o compromiso do pleno para a erradicación da pobreza enerxética no Concello

Ourense en Común solicitará o compromiso do pleno para a erradicación da pobreza enerxética no Concello

•    Evitar os cortes de subministros e mellorar a ordenanza para a atención de necesidades sociais, claves da moción
•    Máis do 23% de fogares en Ourense viven por debaixo do limiar da pobreza.
•    Entre 200 e 600 persoas morren prematuramente en Galicia asociadas á pobreza enerxética
•    OUeC lamenta que o goberno municipal non asista ao Congreso Nacional do Medio Ambiente onde se abordan esta e outras problemáticas candentes en Ourense.

        Ourense en Común rexistraba onte unha moción de cara ao próximo pleno ordinario deste venres, para a implementación de medidas urxentes na erradicación da pobreza enerxética no Concello de Ourense.

        “A pobreza enerxética mantense nun segundo plano por afectar a tarefas domésticas, socialmente aínda pouco valoradas, pero esenciais para o desenvolvemento integral das persoas (alimentación, educación, hixiene, coidado, etc.). É hora de que as administracións o asuman como o que é, un problema real cun impacto profundo na vida das persoas e que pode influenciar na súa esperanza de vida e no agravamento de enfermidades crónicas. O recente caso da anciá falecida en Reus non será o último se non se toman medidas urxentes”. E é que, como ditamina o Comité Económico e Social Europeo, “a pobreza enerxética é unha nova prioridade social que necesita apoio a todos os niveis e hai que tela en conta á hora de elaborar calquera política enerxética, xa que mata física e socialmente”.

       Sobre estas premisas, o grupo buscará o consenso da corporación para garantir os dereitos básicos a todas as veciñas de Ourense e combater esta desigualdade, que en moitos casos non chega aos Servizos Sociais pero afecta cada día a máis familias na cidade.

        Ourense en Común defenderá con esta moción que se eviten os curtes dos subministros, instando ao goberno a adoptar os convenios oportunos coas empresas subministradoras, de xeito que estas se comprometan a cumprir un principio de precaución que permita evitar os cortes en situacións de vulnerabilidade, informando ademais ao Concello periodicamente do número de usuarios en situación de falta de pagamento, así como dos cortes realizados.

        A moción solicita tamén que sexa actualizada a Ordenanza Reguladora de Axudas Económicas para a atención de necesidades sociais, co fin de emendar a tipoloxía e contía das axudas, os requisitos das solicitantes, e para que se recollan as singularidades e necesidades derivadas da citada pobreza enerxética.

        Coincidindo co acendido do alumeado do Nadal na cidade, o grupo apuntaba hoxe que “a realidade que se acende son as luces para o consumismo, namentres o PP ignora as sombras que persisten nos fogares de familias dun Ourense invisible e silencioso que sofre os cortes de luz.

        A Rede Galega contra a Pobreza-EAPN-Galicia estimaba en 2013 nun 23.2% a taxa de persoas en situación de pobreza no Concello Ourense, a máis alta de Galicia; unha cifra que se incrementou ata hoxe nun 22% máis, segundo o recente informe “Pobreza, vulnerabilidade e desigualdade enerxética” publicado o pasado mes de abril pola Asociación de Ciencias Ambientais (ACA).

        As posibles solucións á pobreza enerxética en ámbitos urbáns abordábanse onte no marco do Congreso Nacional do Medio Ambiente (CONAMA) que se está a celebrar en Madrid ata o próximo xoves. Desde Ourense en Común “lamentamos que non haxa asistencia neste congreso de ningún membro do equipo de goberno de Jesús Vázquez, que de seguro poderían tomar boa nota en cuestións de eficiencia enerxética, mobilidade, renovación urbana ou xestión de residuos, problemáticas candentes en Ourense”.