Ourense en Común solicitará melloras na organización da Policía Local

Ourense en Común solicitará melloras na organización da Policía Local

•    As quendas horarias do corpo incumpren a directiva europea.
•    A precariedade na dotación de persoal agudízase por adicar un 35% dos efectivos a labores de oficina que poderían cubrirse con outro tipo de funcionarios.
•    A presenza dos axentes no guindastre merma a atención cidadá, e alonga o tempo de espera para atender situacións de emerxencia.

        Ourense en Común rexistraba esta mañá unha moción de cara ao pleno do próximo venres, no que buscará o consenso da corporación para que se implementen melloras na organización do corpo da Policía Local, entendendo que “o servizo está infradotado e sen maximizar os poucos recursos cos que conta, cuestións que perxudican a todas as persoas, empezando polos propios policías e rematando por calquera veciño ou veciña do Concello de Ourense.

        Catro puntos fundamentais vertebran a moción, na que o grupo expón as diferentes problemáticas derivadas da deficiente organización no servizo:

       – O reparto nos turnos de traballo, incumpre a directiva europea de 2003 e atenta gravemente contra a normativa básica de seguridade no traballo e coa propia seguridade da cidadanía de Ourense. O grupo denuncia que este cuadrante chamado “Turno africano” úsase ademáis como medida conductivista onde se premia ou castiga a unhas traballadoras fronte a outras, segundo goces dun maior favor na xefatura e cos mandos superiores.

        – A situación de precariedade no relativo á dotación de persoal que acusa a Policía Local, orixina realidades pouco desexables, como as patrullas unipersoais, creando unha situación de inseguridade para os efectivos e supoñendo unha imprudencia contraria á lei de Forzas e Corpos de Seguridade.

        – Ao redor dun 35% dos efectivos realizan tarefas de oficina dentro da xefatura, que poderían ser feitas por outro tipo de funcionarios “non policías”, polo que non se están aproveitando realmente todos os recursos existentes.

        – Ourense en Común apunta como “mala praxe” a presenza dos axentes no guindastre, que aínda que dependente dunha concesión municipal, non deixa de ser un vehículo dunha empresa privada. Esta cuestión merma a atención cidadá, e o tempo de espera para atender situacións de emerxencia alárgase porque os axentes que van nestes vehículos deben ir ao depósito para levar os coches, perdendo aproximadamente 50 minutos.

        Con esta moción, Ourense en Común instará ao goberno municipal para que se leve a cabo unha maximización de recursos, implementando criterios obxectivos na asignación de servizos e modificando os turnos segundo o establecido na normativa europea.

        A moción votarase no pleno ordinario do mes de decembro, o vindeiro venres 2.