Ourense en Común solicita no pleno melloras no transporte e a conexión a internet do perímetro rural

Ourense en Común solicita no pleno melloras no transporte e a conexión a internet do perímetro rural

•     OUeC recolleu en Castro de Beiro o malestar veciñal polas deficiencias e o trato desigual que o rural padece na prestación de servizos públicos.
•     O grupo extende a demanda a núcleos como Palmés, ou Vilar de Astrés que non dispoñen de transporte público directo a un Centro de Saúde de atención primaria.
•     Coa iniciativa “A voz do barrio” o grupo facilita a participación activa da veciñanza no pleno, trasladando en forma de moción as opinións recollidas a pé de rúa.

    Seguindo coa iniciativa “A voz do barrio”, coa que o grupo está a recoller a pé de rúa as denuncias, consellos e opinións da veciñanza de cada zona da cidade, Ourense en Común dará voz no pleno do próximo luns ás veciñas e veciños de Castro de Beiro, logo de visitar o barrio o pasado 18 de novembro.

    O grupo sinala á perda de poboación que padece o rural galego, como “unha das máis dramáticas consecuencias do insuficiente nivel de desenvolvemento logrado no noso país”, e apuntan a que “afecta tamén ao perímetro do concello de Ourense.

    A moción bota man da Ordenanza municipal de administración electrónica do Concello de Ourense,  que recoñece os dereitos da cidadanía en relación coa utilización dos medios electrónicos, e establece obrigas concretas ás administracións públicas para asegurar o acceso, integridade, autenticidade, confidencialidade e conservación dos datos, informacións e servizos. “O Concello non está a garantir os dereitos que recoñece a ordenanza, nin cumpre coas súas obrigas”, denuncian,  “non falamos só do acceso a internet, senón da velocidade e parámetros de calidade da conexión. Hai veciñas en Ourense que non dispoñen de conexión suficiente para poder desenvolver dous trámites electrónicos simultáneamente. Son deficiencias que impiden o desenvolvemento de novas relacións laborais non presenciais, o teletraballo e/ou o comercio electrónico nestes lugares”, e conclúen que a situación supón “unha perda de oportunidades de impulso para moitas destas zonas en plena depresión demográfica”.

    Ourense en Común aborda tamén nesta moción as problemáticas na mobilidade para Palmés, Beiro, Castro de Beiro, ou Vilar de Astrés, “a 15 minutos do centro urbano, non dispoñen de transporte público directo a un Centro de Saúde de atención primaria”, polo que solicitarán no pleno que se modifique o itinerario do transporte público co fin de que estes núcleos podan acceder directamente ao Centro de Saúde da Ponte sen necesidade de facer transbordo.


Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>