Ourense en Común recolle doazóns para os animais sen fogar
3 Decembro, 2018
0
•     O Espazo en Común das Burgas funcionará o martes, o mércores e o venres como punto de recollida, entre as 19h e as 21h.
•     Solicítanse salchichas, pensos, comida húmida, e alimentación para cachorros, tanto cans como gatos, ademais de productos de limpeza e roupa de abrigo.
•     A próxima semana o grupo celebrará a mesa redonda “Da rúa ao fogar”, con representantes de Progape, Patrulla callejera, e a Asociación LaCan.

    Co gallo da celebración, o próximo luns 10, do Día internacional dos dereitos dos animais, Ourense en Común levará a cabo esta semana unha campaña de recollida de doazóns para  animais sen fogar, chamando á solidariedade co benestar dos animais e convidando á cautela e a reflexión, para evitar comprar animais por impulso como agasallo de Nadal, xa que “en poucos meses poderían converterse en novos abandonos“.

    Mañá martes entre as 19h30 e as 21h, e o mércores e o venres de 19h a 21h, o Espazo en Común, situado no número 8 da rúa das Burgas, funcionará como punto de recollida de doazóns de alimentos, roupa de abrigo, productos de limpeza ou calquer material útil para satisfacer as necesidades dos animais da protectora.

    Con esta campaña, o grupo quere visibilizar o traballo das asociacións que se encargan de coidar aos animais abandonados ata que atopan un fogar, e a insuficiente axuda coa que contan “o seu labor sería imposible sen as aportacións das voluntarias e colaboradoras e sen  doazónscomo as que periódicamente, no verán e no nadal, impulsamos desde o noso grupo”, explica Montserrat Valencia, concelleira de Ourense en Común.

    O grupo completará a campaña o martes da próxima semana, abordando na mesa redonda “Da rúa ao fogar”, con representantes de Progape, Patrulla callejera, e a Asociación LaCan, os efectos da adopción en animais vítimas de abandono, accidente ou maltrato “é un cambio extraordinario, tanto na vida do animal como da de quen adopta”.