Ourense en Común presenta 8 melloras para unha xestión máis equitativa do IBI na cidade

Ourense en Común presenta 8 melloras para unha xestión máis equitativa do IBI na cidade

•    Facilitar as posibilidades de pago e bonificar as cotas a persoas coas rendas máis baixas son algunhas das propostas do grupo municipal
•    Emprendedores, instalacións sustentables e familias numerosas poderían tamén beneficiarse de rebaixas no Imposto sobre Bens Inmobles.
•    Ourense é a capital de provincia galega coa cota media máis alta neste imposto.

    Mantendo a liña de traballo do programa electoral co que concorría ás eleccións de xuño de 2015, Ourense en Común presentaba esta mañá 8 emendas á Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles –IBI- para o ano 2017, en defensa dun financiamento municipal máis ético e sustentable para todas as veciñas.

    O grupo propón mellorar esta ordenanza con mecanismos de crédito xustos e desenvolvendo unha política fiscal progresiva e equitativa, na que prime o social. Así, as 3 emendas de adición e as 5 de substitución rexistradas esta mañá polo grupo, pretenden mellorar o borrador elaborado polo equipo de goberno.

BONIFICACIÓN FISCAL

    Tal e como permite a Lei Reguladora das Facendas Locais, Ourense en Común propón nas súas emendas que se bonifique ata o 95% da cota do IBI a inmobles que acollan proxectos de emprendemento e creación de emprego local, e ata o 50% en inmobles que teñan instalados sistemas de aproveitamento térmico e eléctrico. “É necesario que o Concello tome todas as medidas posibles para paliar os datos de desemprego -25% no último trimestre- e premiar o uso de enerxías sustentables cara a un modelo de cidade futuro”, defende Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo.

    Coa mesma premisa de xustiza social, Ourense en Común apoia a bonificación do 50% do IBI en vivendas de protección oficial, extendéndoa desde os 3 ata os 7 periodos impositivos seguintes, xa que “estas vivendas van anexadas a unha situación económica e social problemática”. Pola contra, o grupo propón reducir ata o 50% a bonificación do 90% que o Partido Popular establece para aquelas empresas que teñen como actividade a construción e promoción inmobiliaria.

    O grupo propón tamén establecer unha progresividade fiscal en función da renda na bonificación a familias numerosas, que oscila entre o 50% e o 90%.

FACILIDADES DE PAGO

    Ourense en Común suxire nas súas emendas aumentar do 1% ao 3% a bonificación por domiciliación do pago, xa que “a xestión telemática aumenta a dilixencia municipal, evitando colas no servizo de recadación e no rexistro”. Propónse tamén a posibilidade de fraccionar en 2, 3 ou 5 prazos o pago, de xeito que se facilite a comodidade no desembolso a quen teña que facer fronte a este e outros recibos.

As emendas presentadas pasarán agora á valoración dos servizos técnicos municipais e posteriormente á seguinte comisión de pleno na que se tramite, co fin de aprobarse no pleno e someterse despois a exposición pública para a súa aprobación e entrada en vigor definitiva.