Ourense en Común pide reforzar o transporte público ás zonas de baño próximas á cidade
14 Agosto, 2018
0
•    Ás instalacións de Oira só chega polas mañás unha liña de autobuses, con frecuencias superiores á hora.
•     A piscina do Pavillón dos Remedios é inaccesible en transporte público.
•    Chegar ao complexo deportivo de Monterrei en transporte público pode supoñer “unha verdadeira odisea”.

    O grupo municipal Ourense en Común facía chegar esta mañá por rexistro unha petición dirixida á Concellería de Infraestruturas e Medio Ambiente, con competencias en materia de transporte, para reforzar no que resta de verán o acceso público ás zonas de baño da cidade. O seu portavoz, Martiño Xosé Vázquez, informaba de que “son numerosas as queixas que recibimos por parte de usuarios que pretenden desprazarse ata Oira ou aos Remedios e pasan máis tempo viaxando que desfrutando das propias instalacións”.

    Ourense en Común exemplifica nunha persoa dos barrios do sur da cidade, como Mariñamansa ou A Cuña, pode tardar máis dunha hora e media en chegar ás piscinas públicas de Oira, precisando facer transbordo entre liñas. “Non é normal que pola mañá, un dos maiores nodos de atracción en época estival teña só unha liña, e con frecuencias superiores á hora”, apunta Martiño Xosé Vázquez, que censura o argumento do uso para reducir frecuencias. Se o servizo é malo é obvio que a xente non o use e empregue outros medios para chegar. Precisamente esa é a obriga das administracións”.

    Dende o grupo apuntan tamén a como a falta dun transporte metropolitano impide a conexión tamén con recursos próximos como o propio complexo deportivo de Monterrei. Despois de lustros sendo demandado por máis de 130.000 residentes nos concellos de Ourense, Amoeiro, Barbadás, Coles, Punxín, Pereiro de Aguiar, San Cibrán das Viñas e Toén; seguimos sendo a única área metropolitana de Galicia que non conta con este servizo, indispensable para atallar os graves problemas de mobilidade que sufre a capital”, afirma Martiño Xosé Vázquez.