Ourense en Común pide no pleno velar polo cumprimento da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística
20 Xullo, 2018
0
•    O servizo de Normalización Lingüística do Concello está “infradotado e abandonado” na área de Cultura que dirixe Belén Iglesias.
•     A actividade na institución incumpre “a diario” a Ordenanza Municipal de Normalización.
•     Mocións, expedientes, ou actas, redáctanse “sistemáticamente en castelán, excluíndo ao galego, que tamén se bota en falta nas intervencións plenarias e na atención ao cidadán”.

    No día en que o Real Decreto polo que a Lingua Galega se incorporaba ao sistema educativo galego cumpre trinta e nove anos, Ourense en Común rexistraba hoxe unha moción que defenderá no vindeiro pleno ordinario do mes de agosto, pola que insta ao goberno a velar polo cumprimento da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística.

    Desde o grupo, lamentan que a diario” se incumpra esta norma, e pedirán na sesión plenaria que se convoque á comisión de seguimento que a propia ordenanza establece que debe reunirse dúas veces ao ano, xa que “en máis de tres anos, nunca se convocou con este goberno”.

    Montserrat Valencia, edil de Ourense en Común, sinala a “vergoñenta” política lingüística do equipo de Jesús Vázquez, e denuncia a falta de compromiso do alcalde co galego. A concelleira apunta que o Servizo de Normalización Lingüística municipal “está infradotado e abandonado” xunto coa área de Cultura “nas mans de Belén Iglesias”, algo que considera “un grave erro”, xa que “a defensa da lingua é unha cuestión transversal, que debera depender directamente da Alcaldía”.

    O grupo relata na moción o abundante marco xurídico que respalda a petición, e que pauta como obxectivo das corporacións locais asumir un papel normalizador a través do uso do galego como lingua principal de traballo e de comunicación. 

    A Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística vixente no Concello, de febreiro de 1998, está composta por 32 artigos e doce capítulos adicados á defensa do uso do galego, e  non só atinxe ás actuacións internas do Concello -actas, ditames, informes e propostas, expedientes, programas informáticos, ou atención ao cidadán-, senon tamén ás empresas adxudicatarias.

    O grupo extende a “necesidade de compromiso” a toda a corporación, “a redacción das mocións e as intervencións nos plenos adoecen habitualmente de consolidar ao castelán como opción prioritaria”.