• Nin a Oficina de Turismo nin as estacións de bicis permiten tramitar a tarxeta para utilizar o servizo.
• O transporte público é deficiente para acceder aos puntos de interese na tempada estival.
• As concesións do camping de Untes, as cafeterías das zonas verdes, o albergue de peregrinos ou o complexo turístico das Burgas suman outro verán sen prestar servizo, e a cidade segue sen espazo para autocaravanas.
Ourense en Común defenderá en setembro unha moción coa que solicitará ao goberno unha “maior atención ás necesidades do turista que chega a Ourense, especialmente no tocante á mobilidade e aos desprazamentos aos puntos de interese para o visitante”.
En palabras do voceiro do grupo, Martiño Xosé Vázquez, “se de verdade se quere fomentar unha mobilidade máis sostible en detrimento do vehículo privado, no verán sería axeitado ampliar a cobertura do transporte público facilitar o acceso a espazos de atracción turística”.
Ás críticas ao transporte público, engaden tamén o “periplo” que supón para o turista optar a facer uso do servizo de bicicletas municipais. “Só poden tramitalo en horario de oficina e perdendo media mañá en diferentes dependencias do Concello”, xa que “nin as propias estacións de bicis nin a Oficina de Turismo facilitan o trámite”.
Que o turista que chega a Ourense poida “desprenderse do coche e coñecer unha cidade pequena como a nosa de perto e dun xeito sustentable, é unha quimera a día de hoxe”, apuntan desde o grupo.
Con estas valoracións, o grupo pedirá no pleno de setembro un “maior compromiso e mimo“ co turismo, algo que dín é “outra das áreas abandonadas” por este goberno, que perpetúa a parálise con “servizos totalmente paralizados”, poñendo como exemplo que “un verán máis o camping de Untes está pechado, seguimos sen área de autocaravanas, as concesións das cafeterías de Outariz ou o Parque Miño sen sacar a concurso, e un longo etcetera de desinterese e desleixo ao que Jesús Vázquez e o seu equipo nos teñen acostumadas”.