Ourense en Común pedirá no pleno aumentar o número de bolsas para comedor, libros e material escolar
10 Setembro, 2018
0
•    O Partido Popular reduciu a partida destinada a estas axudas e fixo máis restritivo o acceso ás mesmas, deixando fóra nos últimos anos a máis do 30% das solicitantes.
•    Os gobernos da Marea Atlántica e Compostela Aberta nos concellos de Coruña e Santiago, triplicaron estas axudas nos últimos anos.
•    OUeC avaliará a reiterada mala xestión de Sofía Godoy. “Pode estar incorrendo en irregularidades con consecuencias xurídicas”.

    Ourense en Común avanzaba esta mañá que solicitará no pleno unha maior dotación para que as becas destinadas a comedor, libros e material escolar, “cubran o 100% da demanda e ninguén quede fóra”.

    Martiño Xosé Vázquez, voceiro do grupo, lembra que “xa no curso pasado o denunciamos, tres de cada dez familias non recibiron ninguna destas axudas, aínda cumprindo os requisitos para acceder a un recurso que é fundamental para elas, e especialmente para os membros máis vulnerables da casa, os menores”. Ourense en Común pedirá por isto ao goberno de Jesús Vázquez “que corrixa a situación, antes de que interfira no correcto desenvolvemento do curso escolar para máis de 200 nenos e nenas”.

    O grupo entende como de vergoña e insuficientea cantidade de 243.000 euros que o Concello de Ourense destina actualmente a estas axudas, “que sufriron o recorte do Partido Popular, e compara coas partidas de outras cidades para estas becas, que chegan ate os 1,5 millóns de euros en Coruña ou os 600.000 euros de Santiago. “Cos gobernos da Marea Atlántica e Compostela Aberta se multiplicou por tres o gasto destinado a estas axudas. En Ourense, reducíronse  nun 25%”.

    O grupo explica que o Partido Popular “recortou en case 100.000 euros a dotación que se reflexaba no orzamento municipal vixente, o de 2014” e cuestionaa onde foi parar ese diñeiro”, poñendo o foco na mala xestión económica que arrastran as áreas sociais do Concello nas mans de Sofía Godoy, con “partidas orzamentarias esgotadas e incontables débedas”.

    Precisamente ao respecto da edil popular que dirixe as áreas de Benestar Social, Sanidade, Igualdade, Xuventude e Voluntariado, Ourense en Común asegura que vixiará de perto a Godoy, xa pedimos a súa dimisión, están sobrepasados todos os límites, está en risco a estabilidade municipal, e está en xogo o respaldo ás persoas con menos recursos da nosa cidade, a quinta de Galicia con máis pobreza”.