Ourense en Común inicia unha campaña austera, limpa e de proximidade

Ourense en Común inicia unha campaña austera, limpa e de proximidade

• A candidatura encabezada por Martiño X. Vázquez pegará únicamente tres cartaces nas rúas, “por unha cuestión de ecoloxía e limpeza”.
“Iremos a onde está a xente”. Baixo un formato nomeado “barlamento”, bares en diferentes barrios da cidade acollerán faladoiros de políticas municipais nun ambiente distendido.
• 5.000 xornais sairán á rúa, presentando “un programa en alianza co tecido social da cidade, e unha candidatura profesional para un goberno eficiente”.

    Co gallo do inicio da campaña cara a cita electoral do 26M, Martiño Xosé Vázquez, avanza que a de Ourense en Común será unha campaña “sustentable e austera”, e explica que “por unha cuestión de ecoloxía e limpeza non teremos carteis ensuciando as rúas, nin competindo en solapar e pegar uns por riba de outros”.

A candidatura pegará  únicamente tres cartaces, nos espazos habilitados no Parque de San Lázaro, Posío e A Ponte, e apoiaránse en dez lonas en diferentes puntos da cidade para visibilizar a candidatura coa que concorren ás urnas.

    Cunha media de idade de 38 anos, os primeiros nomes da lista centrarán a imaxe de campaña.  Martiño X. Vázquez, historiador e arqueólogo vencellado á economía do terceiro sector, Montse Valencia, profesional no eido do dereito ambiental, Antía Pousa, mediadora social vencellada ao movemento feminista, e Xosé Vaquero, bombeiro municipal, representan “unha xeración capacitada e moi ben formada para transformar o futuro de aquí e dende aquí, un futuro que pasa polo ecoloxismo e o feminismo, para un desenvolvemento de progreso, eco-consciente e respectuoso para as persoas, que nos impulse a un futuro prometedor para Ourense”.

    O candidato a alcaldía adianta ademais unha campaña “de proximidade, de moita presencia na rúa. Pasearemos os barrios e estaremos a disposición da veciñanza para ser interpeladas”.

    Nos barrios farán reparto dun xornal no que “presentamos o modelo de cidade que queremos, as nosas propostas estratéxicas para Ourense, e contamos quen somos, tamén desde o plano persoal”.

    A campaña de OUeC reivindicará ademais “a importancia dos espazos para o diálogo, que cada salón, cada cociña, cada bar sexa un ágora onde debater”, polo que comezando o próximo luns no Posío,  “iremos a onde está a xente”, e visitarán bares dos diferentes barrios da cidade cun formato nomeado “barlamento”, promovendo “faladoiros temáticos nun ambiente distendido”.

    O candidato á alcaldía conclúe que “Ourense xógase moito nesta campaña: continuar coa dinámica de maltrato á cidade ou por fin mirar cara ao futuro e avanzar. Nós saimos a recuperar o futuro”.

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>