Ourense en Común esixe ao goberno local “mover ficha” perante as sucesivas verteduras ao Barbaña
23 Xullo, 2018
0
•    O río recibía onte unha nova vertedura cando aínda non remataron os traballos de descontaminación por hidrocarburos do pasado mes de xuño.
•    Na Comisión de Medio Ambiente de mañá, o grupo reclamará de novo un convenio con especialistas da Universidade, para deseñar unha estratexia de recuperación do río.
•    O grupo acusa ao goberno de “silencio cómplice” e “falta de conciencia ambiental”.

    A aparición de escuma no río Barbaña no día de onte demostra, para Ourense en Común, a cultura da impunidade” vixente en Ourense.  

    En palabras da edil Montse Valencia, “as verteduras recorrentes son a proba evidente de que non existe conciencia nin medo a posibles sancións. E iso débese a que as administracións responsables tanto do seu coidado e prevención como da súa protección, non están a facer o seu traballo”.

    O grupo lamenta esta nova vertedura e apela ao edil responsable en materia de Medio Ambiente no Concello de Ourense, José Araujo, a “implicarse”, lembrándolle a proposta para protexer o Río Barbaña que o grupo lle presentaba hai unhas semanas.

    Na Xunta de área de Medio Ambiente de mañá martes, Ourense en Común volverá a poñer enriba da mesa a mesma proposta, un convenio cun equipo de especialistas da Universidade de Vigo orzamentado en só 4.000 euros, e que serviría para “dar o primeiro paso” e “contar xa en setembro cun coñecemento actualizado do estado ecolóxico, biolóxico, hidromorfolóxico e químico do río, como punto de partida para deseñar unha estratexia de recuperación ambiental, explica Montserrat Valencia.

    O grupo advirte ao alcalde, Jesús Vázquez, de que o silencio do seu goberno despois de cada unha destas verteduras convérteo en “cómplice e actor necesario para que todo siga igual. É responsable do seu estado, e podería facer moito na súa defensa tal e como vimos suxerindo en repetidas ocasións”.