Ourense en Común encara os últimos plenos da lexislatura “comprometendo medidas para acometer desde o primeiro minuto que cheguemos á alcaldía”
23 Febreiro, 2019
0
• Propostas “necesarias e viables” centrarán as mocións do grupo nas sesións plenarias previas á cita electoral.
• O grupo incidirá no pleno de marzo na xestión directa municipal da Casa de acollida a vítimas de violencia de xénero, cedida en segredo á Xunta de Galicia polo goberno de Jesús Vázquez.
• Martiño X. Vázquez acompañarase na candidatura dun equipo “forte, solvente, e preparado para gobernar desde o 27 de maio”.

    Ourense en Común afronta os plenos da recta final da lexislatura municipal como “unha oportunidade para deixar avanzado o traballo do próximo ciclo electoral”, e definen na súa folla de ruta levar ás sesións plenarias restantes ata maio “propostas realizables e de incuestionable necesidade” para Ourense, confiando en que “pasen o filtro unánime de toda a corporación” para que, xa sobre eses acordos, “o noso goberno empece a ser fructífero para os intereses da cidadanía desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía”.

    Desde o grupo declaran que “desde o goberno teremos o deber de reverter o grave legado dos catro anos de parálise dun goberno estéril e disfuncional do peor alcalde da historia de Ourense, intencionadamente xordo e cego ante o importante, ególatra, e adicado en exclusiva ao marketing, desatendendo todo o demais”, en referencia a Jesús Vázquez.

    No espazo municipalista traballan xa no programa electoral co que concorrerán á cita de maio, mantendo as premisas dun “modelo de cidade no que o concello poña de verdade os seus recursos ao servizo do ben común, e onde a cidadanía decida e tome o poder para transformar o seu porvir”.

    Namentres Martiño X. Vázquez ultima a lista que presentará á asemblea para acompañalo na candidatura, buscando conformar “un equipo sólido, forte, solvente, e preparado para gobernar desde o 27 de maio”.