Ourense en Común defenderá o venres unha moción contra a Lei Mordaza

Ourense en Común defenderá o venres unha moción contra a Lei Mordaza

•    Esta Lei de Seguridade Cidadá “é unha ferramenta antidemocrática e de represión”.
•    Co voto en contra do PP, o Congreso daba onte un primeiro paso para a súa derogación.

   Ourense en Común rexistraba o pasado luns unha moción coa que o próximo venres, no pleno ordinario do mes de decembro, instará ao goberno municipal para que solicite ao novo executivo a derogación da chamada Lei Mordaza, “por ser unha ferramenta antidemocrática destinada a reprimir aos sectores sociais máis débiles.”

    A Lei de Seguridade Cidadá, unha das normas máis emblemáticas e polémicas da lexislatura da maioría absoluta do PP, a coñecida como Lei Mordaza, incide directa e negativamente no exercicio dos dereitos fundamentais das persoas.

    Ourense en Común denuncia na súa moción que “ademais de sufrir o escarnio da crise, acompañada da lacra do desemprego e o recorte paulatino dos nosos dereitos laborais e sociais, estamos a observar e padecer nas nosas carnes o deterioro das liberdades civís e o aumento da represión por parte dos poderes do Estado a través de leis coma esta, destinadas a aplacar a todo aquel ou aquela que ouse cuestionar este estado de cousas.”

    Unha iniciativa para dar marcha atrás a esta Lei era aprobada onte mesmo pola oposición no Congreso dos Deputados, aínda que sen implicar cambios legais, polo que “temos que seguir esixindo a súa retirada, tamén desde o local en tanto en canto incide nas competencias municipais, convertindo ás Policías Locais en órganos represivos”.

    A moción fai mención ao caso de Emilio David Cao Mota, veciño do Carballiño, que o 22 de marzo de 2014 participaba xunto a decenas de milleiros de persoas nunha manifestación pacífica e autorizada en Madrid, cando a policía cargou contra as mobilizadas, e o detivo xunto a outras 23 persoas. Acolléndose á Lei Mordaza, o Ministerio Fiscal solicita agora a pena de cinco anos e oito meses de prisión para Emilio por delitos que xamais cometeu.

    Ourense en Común participará o sábado na concentración convocada polas Marchas da Dignidade ás 12h na Praza Maior de Carballiño, en defensa do caso deste rapaz e dos milleiros de cidadáns que coma el, sofren a represión política, sindical ou de liberdade de expresión