Ourense en Común defende a solidariedade e equidade coas demandas veciñais

Ourense en Común defende a solidariedade e equidade coas demandas veciñais

•    Varias asociacións non federadas quedarán fóra das actuacións aprobadas esta mañá.
•    O Concello acometerá obras que afectan a espazos de titularidade supramunicipal

    Ourense en Común optou pola abstención ante o expediente de modificación de crédito que esta mañá se votaba nun pleno extraordinario convocado polo equipo de goberno.

    O grupo defendía que “atender as peticións das veciñas é unha obriga diaria, establecendo prioridades e facendo as obras de xeito ordenado e paulatinamente cando corresponda”. Mais lonxe desta premisa, este expediente que o Partido Popular xa intentou colar no pleno ordinario do pasado venres, responde a unha vontade preferente de PP e PSOE para coas federacións Limiar e Miño, afíns a estes partidos, e “deixa ignoradas as peticións daquelas asociacións veciñais que non están adheridas a estas federacións. Por un principio de solidariedade e participación, debería facerse unha chamada aberta para que todos os veciños de Ourense puideran plantexar as necesidades que teñen nos seus barrios”, apuntaba Miguel Doval no transcurso da sesión plenaria.

    Ourense en Común denunciaba que “lonxe de ser participativo e recoller realmente as demandas veciñais, este plan de obras foi cociñado entre PP, PSOE e estas dúas federacións, deixando ao lado ás asociación veciñais non federadas e aos grupos de Ourense en Común e Democracia Ourensana, que non foron consultados nin informados debidamente sobre esta cuestión”.

    O expediente aprobado neste pleno extraordinario contén un total de 76 obras, na meirande parte de pavimentación e asfaltado de rúas e vías sobre as que os informes técnicos non especifican a súa titularidade. Deste xeito nalgúns casos “afectan a terreos e viais que son titularidade do Ministerio de Fomento e non do propio Concello, polo que non é o Concello quen debe arranxalas”.

    Ourense en Común denunciaba ademais que “o argumento que se utilizou para xustificar a urxencia desta modificación orzamentaria foi totalmente falso, xa que no pasado pleno apuntábase a que este expediente se tiña que aprobar inmediatamente e en caso contrario demoraríase ata o pleno do 2 de decembro, polo que non entraría neste exercicio económico”. Esta falsedade púxose hoxe de manifesto con este pleno extraordinario só uns días despois, que evidencia que puideron aprobar esta modificación e que “a premura non era tanto unha cuestión de tempos, senon de intereses”.

    Miguel Doval quixo felicitar no pleno ás asociacións que se van beneficiar destas obras e apelou tamén ás que non se verán beneficiadas, a que insistan nas súas demandas, solicitando ao grupo de goberno a “exercer a solidariedade a todos os barrios, veciños e veciñas de Ourense.