Ourense en Común buscará o consenso do pleno para unha maior transparencia na contabilidade dos grupos municipais

Ourense en Común buscará o consenso do pleno para unha maior transparencia na contabilidade dos grupos municipais

•   A indefinición do artigo 41 facilita que cada grupo elixa que gastos detallar na xustificación anual.
•   Democracia Ourensana non fixo a súa declaración correspondente ao ano 2016.

    Ourense en Común instará no pleno ao goberno municipal para que proceda a convocar unha Xunta de Portavoces co fin de consensuar a modificación do artigo 41 das Bases de Execución do Orzamento, que regula as dotacións económicas que perciben os distintos grupos municipais do Concello pero “non define o destino do gasto e a fiscalización do mesmo”.

    A indefinición actual do devandito artigo, provoca unha falsa transparencia” na xustificación de gasto que cada grupo fai a final de ano, provocando que “cada grupo escolla que gastos comunicar e en que nivel de detalle facelo”.

    Así é que nas declaración do último ano, publicadas en decembro de 2016, namentres OUeC e PP presentan un documento con asentos contables detallados, o PSOE declara todo o gasto en dous parágrafos, e Democracia Ourensana nin sequera presentou as súas contas. -Ver aquí-

    É por ese motivo que o grupo leva a pleno esta moción, co fin de “que se consensue un protocolo definido ou modelo estandar para todos os grupos” en relación á forma de presentar as contas perante a intervención municipal, establecendo un formulario tipo con asentos contables definidos, e un procedemento de publicación e transparencia para unha “maior concreción no destino do gasto”.