Ourense en Común ante os actos de celebración do aniversario da Constitución
5 Decembro, 2018
0
•     As concelleiras do grupo non asistirán aos actos oficiais programados, e piden deixar de gloriarse dun texto que “excluíu aos Concellos do debate, e hoxe é inútil para resolver as urxencias competenciais dos mesmos”.
•     O grupo considera o documento “anticuado, incapaz de servir ao seu labor, e que precisa reflexión, debate e reformulación, nun novo proceso constituínte que poña en valor o municipalismo”.

    As tres concelleiras de Ourense en Común no Concello comunicaban esta mañá que se absterán de participar na celebración institucional do día da Constitución. “Non hai motivo para celebrar un marco normativo obsoleto, inoperativo e incapaz de servir aos cidadáns. Máis que celebración unha vez ao ano, a Constitución merece unha reformulación”.

    No 40º aniversario da Carta Magna, o grupo apunta a que “o contexto social e político actual é moi diferente ao da transición, o marco xurídico non foi capaz de adaptarse aos novos tempos, e resulta un atraso para o encaixe competencial dos Concellos, os grandes esquecidos no proceso da transición”, sinalando á reforma constitucional de 2011, pactada entre o PP e o PSOE que, reformando o artigo 135 baixo mandato da UE, “esnaquizou a capacidade fiscal municipal”.

    Desde Ourense en Común, “cremos firmemente que é necesario abrir un novo proceso constituínte, unha reformulación en profundidade contando cunha ampla participación social, de cara a elaborar unha nova Carta Magna que sirva ao interese xeral e sexa capaz de garantir os dereitos e liberdades da cidadanía e os pobos que conviven en España por enriba de calquera interese particular

    Martiño Xosé Vázquez, voceiro do grupo, lembra que unha consecuencia directa dun cambio no modelo constitucional sería unha re-interpretación de como se calcula por exemplo o teito de gasto”, por considerar que o actual sistema, que toma como valor de referencia o gasto realizado no exercicio precedente, e non o orzamentado, limita moito as posibilidades de investimento dos Concellos”, concluíndo que “logo de 40 anos de deliberado esquecemento ao municipalismo, este aniversario ten que ser para esixir ao goberno do PSOE que aborde xa esta tarefa de impulso dos concellos”.