Ourense en Común alegará o proxecto da intermodal e pide ao Grupo Municipal Socialista que se sume ás reivindicacións
22 Outubro, 2018
0
•     A nova estación non permite a permeabilidade entre barrios, suporá un caos circulatorio, e tapiará tras un “muro da vergoña” os edificios da Avda. De Marín.
•     “Para esquecerse de Ourense, xa chega o Partido Popular”. OUeC pide públicamente ao Grupo Socialista na corporación, que secunde as demandas e non se someta á disciplina de partido “o que antes era un pendello non pode ser agora unha fantástica estación”.
•     Martiño X. Vázquez xunto a Ánxeles Cuña (En Marea), reclaman á Xunta investimentos que prioricen a cobertura de servizos e necesidades sociais e que teñan en conta o elevado grao de avellentamento e a dispersión poboacional da provincia de Ourense.

    Nunha rolda celebrada esta mañá no Espazo en Común, o voceiro de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, avanzaba que o seu grupo presentará alegacións ao proxecto da estación intermodal, sometido actualmente a información pública polo Ministerio de Fomento.

    Logo de avaliar o proxecto en colaboración coas parlamentarias de En Marea no Congreso dos Deputados e de reunirse co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Ourense en Común denuncia que o proxecto suporá un caos circulatorio na rúa Eulogio Gómez Franqueira e a Avenida de Marín, que o centro de saúde da Ponte “actuará como unha rotonda, soportando un denso tráfico que interferirá directamente en detrimento do servizo do centro sanitario”, e que o proxecto “perpetuará a fenda histórica entre os barrios da Ponte e Tras Estación”, supoñendo ademais a construcción dun “muro da vergoña, que tapiará as tres primeiras alturas das fachadas e vivendas da Avenida de Marín.

    Martiño X. Vázquez conclúe que “o debate sobre a Alta Velocidade tense que dar na forma en que atravesará o Concello, falamos dunha oportunidade de rexeneración urbana única. Levamos anos agardando a chegada da AV, pero ten que chegar da maneira máis digna. O voceiro de Ourense en Común lembra que “quen alcumou o proxecto da estación como ”pendello” é quen ten agora a responsabilidade,  polo que pide públicamente que o Grupo Municipal Socialista “non se someta á disciplina de partido e que se sume tamén ás alegacións que OUeC, En Marea e o Colexio de Arquitectos van presentar ao goberno central, “o que antes era un pendello non pode parecerlles agora unha fantástica estación”.