Ourense en Común alega a futura Lei galega de residuos solicitando melloras na xestión do lixo

Ourense en Común alega a futura Lei galega de residuos solicitando melloras na xestión do lixo

• O grupo defende o modelo no “que diminúan os residuos e que o que antes era lixo, poida converterse nun recurso capaz de crear riqueza, emprego verde e conservar o medio ambiente”.
• O Concello de Ourense conta cunha planta de compostaxe municipal infravalorada.
• A deficiente xestión dos residuos é parte da orixe do agravamento do cambio climático.

    Ourense en Común rexistraba o pasado martes alegacións ao anteproxecto da Lei galega de residuos e solos contaminados, propoñendo melloras na xestión dos residuos desde o eido local, por entender que “a xestión da inxente cantidade de residuos que se xeran nunha cidade como Ourense é unha clara responsabilidade municipal”, explica Montserrat Valencia, que apunta a un “triple grande reto: acadar unha axeitada eficiencia económica, social e ecolóxica en materia de residuos”.

    A edil de OUeC expón que o primeiro obxectivo para cumprir en Ourense é a ”recollida selectiva obrigatoria, e o tratamento diferenciado da materia orgánica”, e pon como exemplo ambiciosas iniciativas postas en marcha en municipios galegos, como o plan Revitaliza de Pontevedra ou a recollida separada da materia orgánica para a súa compostaxe que fai a Mancomunidade do Barbanza, en contraposición á planta de compostaxe do Concello de Ourense,  “desbordada acumulando un compost de alta calidade ao que non se lle da saída pola falta de xestión desde a administración”. Valencia apunta á “necesidade de coordinar un plan efectivo desde Concellería de Medio Ambiente no que as empresas responsables do coidado das zonas verdes traballen conxuntamente coa planta de compostaxe”.

    Algunhas das alegacións que presentou o grupo municipal ao borrador da Lei autonómica ían dirixidas a incorporar a obrigatoriedade da recollida da materia orgánica, potenciar ao máximo a autocompostaxe e a calidade dos residuos, e marcar un límite máximo de impropios, que son aqueles residuos depositados incorrectamente e, polo tanto, o compost resultante sexa de calidade.

    Ourense en Común considera necesario que a lei galega marque como obxectivo a separación da materia orgánica en orixe para grandes municipios como o de Ourense, e urxen como ano límite o 2020.  Para residuos textiles será obrigada a recollida por separado a máis tardar, o 1 de xaneiro de 2025. Para pilas e acumuladores portátiles, a lo menos o 50%, deberán recollerse por separado antes do 2026.

    En canto aos bioresiduos, o concello de Ourense ten que instalar a recollida separada dos bioresiduos no servizo de xestión dos residuos municipais antes de 2024. Así, a proposta do grupo municipal pasa por tratar a materia orgánica en pequenas plantas de compostaxe local ou comarcal, aforrando recursos económicos e impulsando sistemas máis eficientes como o Porta a Porta e a inclusión do quinto colector pechado, garantindo a minimización de impropios que contaminan a fracción orgánica e diminúen a calidade do compost.

    O concello de Ourense debe implementar ademais programas de participación activa para coñecer opinións, dúbidas e propostas dos veciños no referente á xestión dos residuos, comezando cun proceso de información sobre o estado actual dos colectores e os beneficios e prexuizos dos diferentes modelos.

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>