Ourense en Común estuda variar o Camiño de Santiago ao seu paso polo concello para facelo máis seguro e atractivo para os peregrinos
21 Outubro, 2015
0

O grupo municipal Ourense en Común analiza estes días a posibilidade  de instar en pleno mediante moción á administración competente en materia de Patrimonio e xestión do Camiño de Santiago para mellorar a súa seguridade e atractivo turístico.

“A  inseguridade dos peregrinos no acceso ao concello en Bemposta e Seixalbo é alarmante debido ao itinerario compartido coa estrada  OU-105”. Esta foi unha das demandas recollidas na asemblea destes  barrios e que Ourense en Común comprometeuse a solucionar. Así foi que  esta medida aparecía recollida no seu programa electoral e agora  estuda presentar no próximo pleno para solicitar o apoio do resto de  grupos da corporación.

A proposta pretende ademais alertar do deficitario estado dos  sendeiros e rotulado así como propoñer un novo itinerario que achegue  a riqueza termal e patrimonial de Ourense ao peregrinos. Dende Ourense  en Común afirman que “as cidades de peregrinación foron en si mesmas  un camiño e dependendo do destino interno este variaría, polo que non  existiría un único itinerario”. Este grupo municipal está convencido  de que “o Camiño de Santiago a día de hoxe é un verdadeiro referente  do turismo internacional”, polo que propoñen aproveitar o seu  itinerario para mostrar aos visitantes o potencial patrimonial da
cidade.

ANEXOS.-
Propostas programáticas de Ourense en Común en materia de Patrimonio:
http://ourenseencomun.gal/programa-participativo/territorio/