OUeC propón reconverter a oficina de turismo da Xunta de Galicia nun Centro de Interpretación da Ponte Vella
18 Xullo, 2018
0
•    A oficina quedará sen uso coñecido logo do acordo entre a Xunta e o Concello de Ourense para centralizar a información turística nas instalacións municipais.
•    A localización no lateral dun Ben de Interese Cultural limita calquera intervención sobre os seus usos e volumes.
•    A conversión nun aula interpretativa engadiría valor ao monumento como recurso turístico e serviría para celebrar o punto de encontro entre as veciñas das dúas beiras do Miño.

    A concelleira de Ourense en Común, Montserrat Valencia, interpelaba onte en Xunta de Área ao responsable da actividade turística de Concello de Ourense,  Jorge Pumar, sobre o pacto acadado entre a administración autonómica, a provincial e a local para centralizar a información turística nas oficinas municipais sitas nos pés dos Xardíns do Padre Feijoo.

    O acordo, que segundo un comunicado da administración autonómica “permitiría unificar criterios e aforrar custes”, derivará no peche da oficina de turismo da Xunta de Galicia situada ao carón da Ponte Romana, na beira do Pavillón dos Remedios. O novo “uso descoñecido” ao que se destinará o edificio, queda moi condicionado” ao atoparse anexo ao monumento, declarado Ben de Interese Cultural, razón pola que dende Ourense en Común propoñen transformar as antigas dependencias de información nunha aula interpretativa ligada á propia historia da Ponte Vella, dende a época romana ata a actualidade, explicar como se cruzaba o río antes de existir a ponte, a importancia desta na fundación da cidade, as reformas, expoñer os planos e fotografías antigas…”, explica o voceiro do grupo.

    A solución que suxiren, permitirá engadir valor ao monumento como recurso turístico e garantir que o edificio non quede no abandono”,  segundo Martiño X. Vázquez, que entende que esta é unha moi boa oportunidade para dar a coñecer a toda a veciñanza de Ourense e aos visitantes a historia desta importante infraestrutura que permitiu poñer en contacto as dúas beiras do Miño.