OUeC propón no pleno medidas para paliar os colapsos en diferentes servizos do Concello

OUeC propón no pleno medidas para paliar os colapsos en diferentes servizos do Concello

• O grupo solicita ao goberno a elaboración dun Plan de Mellora da Xestión Municipal e programas formativos específicos.
• O grupo urxe como “necesaria” a convocatoria dunha oferta de emprego público que permita cubrir xubilacións e baixas, “este goberno fixo medrar os enchufes, pero mermou o persoal e a calidade de servizos municipais fundamentais para as cidadás” .
• A moción enfatiza na necesidade de que o cadro de persoal municipal poida traballar de xeito “áxil, cómodo e eficaz, e baixo uns criterios claros na distribución de tarefas”.
• O goberno apunta a feitos puntuais, pero os servizos de Rexistro, Padrón ou Estatística están recurrentemente desbordados nos últimos meses.

    Logo dos reiterados colapsos vividos nos últimos meses en diferentes servizos municipais, e perante a impasibilidade manifesta do equipo de goberno para abordar a situación, Ourense en Común defenderá no pleno de xaneiro a optimización dos recursos humanos cos que conta o Concello, solicitando a través dunha moción a elaboración dun Plan de Avaliación e Mellora da Xestión Municipal e a execución dun programa de formación específica interdepartamental, como medidas complementarias á necesaria convocatoria dunha oferta de emprego público, xa suxerida polos sindicatos e os grupos da oposición, e “que permitiría mellorar ata nun 80% a atención presencial e telefónica en servizos como os de Rexistro, Padrón ou Estatística, mermados por baixas médicas, incompatibilidades e xubilacións”.

    O grupo denuncia así a gravidade da situación que viven varios servizos do Concello, e suxire unha avaliación da xestión en colaboración co propio persoal, para deseñar e implementar actuacións de reorganización de servizos, dimensionando axeitadamente as áreas, e mellorando e axilizando os procedementos, para dotar á institución dun modelo de funcionamento óptimo que poida dar o mellor servizo posible á cidade, para o que tamén propoñen formación específica para a capacitación interdepartamental do persoal, que permita paliar posibles necesidades entre diferentes servizos.

    Desde Ourense en Común sinalan que os edís responsables de Servizos Xerais, Persoal ou Emprego “están menosprezando a problemática”, e apuntan a que a modificación da RPT promovida polo Partido Popular e denunciada polo grupo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, “perpetúa a situación, non da un sentido organizativo ao cadro de persoal nin busca a eficiencia dos recursos humanos municipais. O único interese do PP é consolidar os centos de enchufes practicados durante anos no Concello de Ourense, sen avaliar o funcionamento e a calidade do servizo público.

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>