OUeC lembra ao goberno o seu “compromiso incumprido” para facilitar a continuidade da Feira do 21
21 Xullo, 2018
0
•    A obsoleta ordenanza de venda ambulante vixente no Concello impide dar unha periodicidade a esta feira, recuperada no outubro pasado.
•     O PP votaba a favor da proposta de OueC no pleno de febreiro, “pero non moveu un dedo para facela realidade”.

    Co gallo da celebración da Feira do 21, Ourense en Común lembraba hoxe ao goberno a urxente necesidade” de actualizar a Ordenanza municipal de venda ambulante do Concello de Ourense, unha cuestión á que “o goberno se comprometeu hai meses e aínda non cumpriu”.

    Xa no pasado mes de febreiro, unha moción do grupo para actualizar a normativa fóra aprobada “mesmo cos votos a favor do propio Partido Popular, sen que nos conste que Flora Moure, edil responsable de Comercio, fixera nada desde entón”, apunta Miguel Doval.

    Ourense en Común recollía daquela o sentir da agrupación de comerciantes do Vinteún, “xentes comprometidas que traballaron arreo por recuperar unha tradición aletargada gañándolle a batalla ao esquecemento”, pero que vén a continuidade da iniciativa “lastrada” por unha ordenanza “de hai máis de unha década” que precisa unha “modificación ambiciosa” .

    A vixente normativa, limítase a recoñecer como mercados periódicos as feiras do 7, 17 e 26, o mercado de antigüidades e a venda de polbo, “impedindo e frustrando” que poidan xurdir  novas iniciativas e se manteñan no tempo dentro do marco legal municipal.

    Ourense en Común critica a pasividade coa que o equipo de goberno aborda as cuestións aprobadas no Pleno Municipal, “este é un caso máis do desapego e a falta de respecto e de compromiso deste goberno coas resolucións plenarias. Non fan nada”.