OUeC e PSdeG piden no pleno a adhesión do Concello á campaña “En negro contra as violencias”
24 Novembro, 2018
0
•     A campaña de sensibilización contra o machismo, iniciada polo goberno de Compostela Aberta en Santiago, medra con novas adhesións cada cada ano. “Só falta Ourense”.
•    Máis de 100 concellos galegos de todas as cores políticas, as deputacións de Pontevedra, Lugo e A Coruña, colexios profesionais, e milleiros de establecementos comerciais tinguen de negro estes días os espazos públicos e privados.
•     Na provincia, son xa oito os concellos adheridos á campaña, Barbadás, Verín, Vilar de Santos, Castrelo de Miño, Allariz, Viana do Bolo, Manzaneda e A Pobra de Trives.
•     Os grupos solicitan tamén a urxente posta en marcha da Comisión Provincial de Violencia de Xénero de Ourense.

    Ourense en Común e o Grupo Socialista no Concello levarán ao pleno de decembro unha moción conxunta, coa que solicitan a adhesión do Concello de Ourense á campaña “En negro contra as violencias”, que tingue de negro os espazos públicos, e mesmo os de propiedade privada, en sinal de rexeitamento frontal contra todas as violencias machistas.

    Lamentan que o goberno municipal do PP no Concello de Ourense “nunca mostrou vontade de adherirse a unha campaña que cada vez ten máis presenza na sociedade, e na que deberían deixar á marxe razóns ideolóxicas ou partidistas”, e estenden tamén a crítica á deputación. “Só falta Ourense, as outras tres deputacións e máis dun cento de concellos están implicados nunha campaña que medra cada ano, fortalecendo o alcance pola propia acción conxunta e en rede”.

    Destacan que a iniciativa, posta en marcha polo goberno de Compostela Aberta en Santiago, “é unha oportunidade que Ourense está perdendo, para enriquecer o traballo contra a lacra da violencia machista, xa que incentiva o contacto entre as Concellerías de Igualdade dos diferentes concellos adheridos, facilita ferramentas para desenvolver as accións, permite compartir información e metodoloxías de traballo, proporciona recursos didácticos para traballar a violencia de xénero nas aulas, e posibilita a participación dos axentes sociais.

    Os grupos destacan na moción as grandes cotas de visibilidade e seguimento social que as mobilizacións do activismo feminista alcanzaron este ano, pero engaden que “a mobilización social precisa tamén do respaldo unánime das institucións e de todos os axentes sociais e económicos para que a loita contra as violencias machistas sexa efectiva”.

    Nos acordos da moción solicitan ademais a posta en marcha da Comisión Provincial de Violencia de Xénero en Ourense, seguindo o exemplo de Coruña, unha das primeiras provincias do Estado nas que se constitúe esta comisión, que pretende coordinar a todas as institucións que traballan para erradicar a violencia de xénero, de tal maneira que non haxa fisuras no sistema de protección ás vítimas.