OUeC avanza no pleno un concello máis transparente coas contratacións
27 Febreiro, 2019
0
• Ourense é a única das sete grandes cidades galegas que non fai publica os procesos das contratacións menores.
• O Consello de Contas xa advertiu sobre os defectos e falta de transparencia na tramitación de contratos no concello de Ourense.
• O PP leva un ano desobedecendo a nova Lei de Contratos, en vigor desde o 9 de marzo de 2018.
• Ourense en Común encara os últimos plenos da lexislatura “propoñendo e comprometendo medidas para acometer desde o primeiro minuto que cheguemos á alcaldía. Queremos transparencia”.

    Ás portas de que o 9 de marzo se cumpla un ano desde a entrada en vigor da nova Lei de Contratos do Sector Público, Ourense en Común insistirá no pleno do venres para que se difundan na páxina web do concello todas as ofertas de contratación, e especialmente aquelas para a adxudicación de contratos menores, buscando reforzar a transparencia na xestión do orzamento público municipal.

    Ourense en Común xa plantexara en 2016 esta proposta no pleno, adiantándose á entrada en vigor da Lei, defendendo a transparencia como “cuestión de vontade política”, pero os votos en contra do PP e a abstención do PSOE impediron que a moción fose aprobada.  “Agora xa é cuestión de cumprir coa Lei, e cumprir coa transparencia, como ferramenta útil e necesaria para combater o fraude na contratación pública”.

    Martiño Xosé Vázquez, voceiro do grupo, apunta ao artigo 8.1 da Lei, que “obriga  a TODAS as Administracións públicas a publicar TODOS os contratos, e o Concello de Ourense non é unha excepción, pero somos a única cidade de Galicia que incumpre. Co proceder anómalo do Partido Popular, o concello foi xa advertido polo Consello de Contas, e perdemos ata vinte puntos nos índices que miden a transparencia da xestión municipal para combater a corrupción”.

    Con esta moción o grupo continúa na liña  que xa anunciara para as últimas sesións plenarias, buscando “deixar avanzado o traballo” do próximo ciclo electoral, “para que o noso goberno empece a ser fructífero para os intereses da cidadanía desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía”.