OUeC advirte do grave ataque aos dereitos fundamentais no corte no subministro da auga indiscriminado a máis dun cento de persoas no Concello de Ourense

OUeC advirte do grave ataque aos dereitos fundamentais no corte no subministro da auga indiscriminado a máis dun cento de persoas no Concello de Ourense

O mércores día 10 publicouse no BOP que 196 persoas e entidades do Concello de Ourense sufrirán en quince días un corte no subministro de auga por falta de pago. Dende o grupo municipal Ourense en Común analizan este proceder indiscriminado cunha grande preocupación e instan ao goberno municipal a tomar medidas de inmediato “é de vital urxencia que servizos sociais do concello investiguen cada un dos 196 casos e asegurar que a empresa non fará ningún corte ata que se verifique que non se priva de dereitos básicos a ningunha muller, home, neno ou nena do noso concello que por falta de recursos non pode facer fronte a ese pago”.

Ourense en Común relaciona estes cortes cunha política privatizadora que dende hai un par de décadas forman parte da estratexia da auga no Estado español. “No político toca sumarnos á tendencia global da remunicipalización da auga. Blindar na lexislación e facer efectivos na práctica dereitos fundamentais como o subministro, a vivenda, os prezos da cesta de produtos básico e os coidados. Pero tamén dende os municipios recuperar a xestión pública do que é de interese xeral e necesario para a vida. Nunca a privatización buscou unha mellora na xestión, só extraer o maior beneficio a costa do que sexa e de quen sexa.”

Ao mesmo tempo Ourense en Común advirte que os cortes de auga poden xerar unha situación de indefensión naquelas familias con poucos recursos. Así é que advirte que o pago de augas non é unha tarifa, senón unha taxa. . “Imponse un réxime de taxa, independentemente de que o servizo sexa prestado por unha empresa municipal pública ou unha concesionaria. Existen sentencias dende o Supremo neste sentido que xeran xurisprudencia”.